ANTOLOXÍA

A produción científica de Carvalho Calero

A produción científica de Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero  Foto: Moncho Rama
Laiovento publica unha escolma da obra científica e divulgativa de Ricardo Carvalho Calero entre 1930 e 1987, editada por Pilar García Negro.

«Nada galego é alleo a Ricardo Carvalho Calero», declara rotundamente Pilar García Negro, replicando a frase que el mesmo empregara para referirse a Ramón Otero Pedraio. Portada de «Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación»Así introduce a profesora o volume Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación, que vén de se reeditar revisado como preludio ás Letras Galegas 2020. O título, publicado por Laiovento, escolma a obra científica e de divulgación desenvolvida polo ferrolán entre 1930 e 1987.

Como afirma o texto editorial, o libro pretende «dar conta –ben que mínima, significativa– do inmenso labor bibliográfico que a súa obra supón nas letras galegas do século XX». A antoloxía recolle artigos, ensaios, estudos lingüístico-literarios, palestras, colaboracións en prensa periódica e discursos que conforman o ronsel de seis décadas dedicadas á investigación, crítica e divulgación da nosa lingua, literatura e cultura. Destacando a fidelidade textual, a escolma preséntase de grande interese para profesorado e estudantado, así como para o xeral do público.