BIOGRAFÍA DE MARÍA VICTORIA MORENO

A profesora que escribía para a infancia

A profesora que escribía para a infancia
A escritora María Victoria Moreno.
A escritora María Victoria Moreno.  

Pioneira da literatura infantil e entregada á causa docente. Eis os eixes sobre os que construír calquera achegamento biográfico a María Victoria Moreno. Tamén o realizado por Isabel Soto e Xavier Senín, de susbtítulo Sementadora de futuro (Xerais, 2018), quen abordan outras variadas facetas da protagonista do Día das Letras 2018.
 


“Deulle un pulo fundamental á literatura para nenos”, explica Senín (Pontecesures, 1949), preguntado polo principal contributo de Moreno á literatura galega. Desde o seu debut en libro, Mar adiante (Historias de nenos pra nenos) (1973), a Anagnórise (1988) -o máis celebrado de entre os seus títulos- a escritora estremeña centrou o seus esforzos nos primeiros lectores.

Por que este interese? “A comezos dos setenta, chamoulle a atención o concurso de relatos do Facho. Participaban pequenos e autores que escribían contos para pequenos”, lembra Xavier Senín. Un segundo e un primeiro premio animárona a seguir nesa vía. E en galego. Por que esa lingua?

cuberta MVM sementadora de futuro

“Eu creo que foi fundamental a sá relación con Xesús Alonso Montero”, engade, “e ela era unha persoa moi preparada e moi concienciada. Procedía da burguesía, mais traballara co Padre Llanos en Entrevías, en Madrid. Non era comunista, pero vaia...”. Cristiana e “enormemente preocupada pola igualdade”, axiña percibiu que na Galiza a escolla lingüística implicaba tomar partido no conflito social. “En Pontevedra, onde residiu, viu que no Casino falaban castelán e que cando ía á praza, a lingua era o galego”, lembra Senín.

O coautor de María Victoria Moreno. Sementadora de futuro mantivo unha estreita amizade coa escritora. O que, contra o que podería pensarse, non lle serviu á hora de elaborar o seu trazado biográfico. “Fun moi amigo dela, do seu home e dos seus filos”, conta, “e había moitas cousas que non sabía. Falaba pouco de si mesma. Así a todo, non tivemos ningunha dificultade especial”. Se acaso, as escasas críticas que acompañaron a publicación dos seus libros. “Algunhas obras pasaron desaparcibidas”, engade, “como Mar adiante. A parte de análise literaria do noso traballo resultou así máis complexa”.

A relectura de María Victoria Moreno tamén lle valeu a Senín para reorganizar o seu particular canon da autora. “Sorprendeume no seu día o seu libro de poemas, Elexías de luz (2006). Eu sabía que podía escribir un soneto mangada, perfectamente rimado, pero iso...”, considera, “despois, está Anagnórise, e o seu compromiso cos alumnos, que resistiu moi ben o paso do tempo”.



x