ARRANCA O MUSIGAL

Ningún concello pontevedrés sen música profesional en galego

Ningún concello pontevedrés sen música profesional en galego
Un momento da apresentación do Musigal
Un momento da apresentación do Musigal  

Impulsado pola Deputación de Pontevedra, o Musigal nace cunha vocación moi clara: aumentar a presenza de grupos e artistas profesionais que canten en galego dentro da programación artística de todos os concellos, sen exclusión.


O Musigal é un proxecto para todos os concellos, mais cun propósito por cima de todos: impedir que aqueles municipios de menos de 50.000 habitantes fiquen sen música en galego de calidade por carencia de recursos. A iniciativa está aberta á libre inscrición de artistas e grupos profesionais. Co fin de oferecer a posibilidade de contar cunha ampla programación artística no noso idioma, a Deputación asumirá o caché dos grupos inscritos no programa mentres os concellos terán de correr a conta dos gastos de produción e promoción.

Este proxecto, unha iniciativa da área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra que lidera o seu responsábel Xosé Leal (BNG), está dotado cun orzamento de 500.000 euro. O prazo de presentación de solicitudes, por parte dos concellos que queiran aderir o proxecto, rematará o vindeiro 30 de abril.

Durante o acto de apresentación deste proxecto, Xosé Leal -que estivo acompañado pola titular da Deputación, Carmela Silva- cualificou esta iniciativa de “plan moi necesario que xa hai moito tempo que a industria musical viña demandando”. Leal chamou tamén aos concellos a que se corresponsabilicen co desenvolvimento do Musigal: "Desde a Deputación fixemos un gran esforzo orzamentario para poñer en marcha este plan, e imos esixir unha corresponsabilidade por parte dos concellos e un compromiso para fomentar a industria musical.

Musigal divide a súa oferta en até seis categorías distintas. Están inscritos para participar nesta iniciativa por volta de 70 artistas e grupos, formacións que tocan todos os rexistos, desde a música infantil á tradicional, desde o rock até o pop. No acto de apresentación estiveron presentes e tomaron a palabra Patricia Hermida, a representante de Rosa Cedrón (en representación da categoría Son Muller); Roi Casal (categoría Son Actual); Manuel Roxo, representante de Píscore (categoría Son clásico); Gabriel Reigosa, de Dakidarría (categoría Son Mocidade); Marina Carrecedo, representante de Uxía (categoría Son Tradición); e Eva Triñanes, de Concerto Punkinfantil (categoría Son Crianza).

Están inscritos para participar nesta iniciativa por volta de 70 artistas e grupos, formacións que tocan todos os rexistos, desde a música infantil á tradicional, desde o rock até o pop

A maiores destes nomes, o cartaz do Musigal inclúe outras voces moi notábeis da música galega: Destarte, en Son Muller, atopamos, entre outras formacións, o dúo coruñés Voodoo, que mesturarán soul e folk no Festival Sonrías Baixas, que se realiza en Bueu a principios de agosto. 

Na categoría “Son actual” destacan grupos como Herdeiros da Crus, que tocarán na vindeira edición da Festa do Albariño de Cambados. O percusionista Roberto Oliveira é outro dos adscritos ao plan, que dentro de “Son clásico” visitará a vila arousá de Vilaxoán dentro da programación do Festival Revenidas. Mentres, Terbutalina aparece a facer parte da categoría “Son Mocidade”. 

“Son tradición”, cun total de 23 grupos adscritos, conta coa presenza de formacións consagradas como Milladoiro ou Treixadura. As máis pequenas tampouco quedan esquecidas desta iniciativa: a través de “Son crianza” poderán desfrutar dunha programación dirixida ao público familiar coa actuación de grupos como Os Piñeiriños ou Verbena Galega que rularán por diversas comarcas pontevedresas.



x