ProLingua celebra a admisión polo Tribunal Supremo do recurso da RAG contra o decreto

ProLingua celebra a admisión polo Tribunal Supremo do recurso da RAG contra o decreto

Prolingua celebra a través dun comunicado a admisión a trámite por parte do Tribunal Supremo do recurso de casación presentada pola Real Academia Galega, en tempo da presidencia de Ferrín, contra o Decreto de Plurilingüísmo. Destacan que é a primeira vez que un recurso en defensa do galego chega ao Supremo e pídenlle á RAG que continúe coa defensa xurídica do galego. 


A través dun comunicado, a plataforma ProLingua manifesta o seu contento pola admisión a trámite no Tribunal Supremo español do recurso de casación que a Real Academia Galega presidida entón por Ferrín presentara contra o Decreto de Plurilingüismo da Xunta. Reclaman tamén que a actual dirección da Academia continúe coa defensa xurídica do galego nas máis altas instancias españolas e europeas. ProLingua fai pública a decisión do Tribunal Supremo que non recolle aínda a web da RAG. 

Con seis sentenzas por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulan dous artigos do Decreto, a Academia baixo as ordes de Xosé Luís Méndez Ferrín anunciara como unha das súas últimas decisións á fronte da institución presentar o recurso diante do Tribunal Supremo co fin, segundo indican desde ProLingua, de “continuar coa batalla legal para a derrogación total do Decreto e a elaboración doutro novo que partise dos supostos contidos no Plan Xeral de Normalización”. A presentación do recurso foi unha das razóns que esgrimira o daquela secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, para argumentar a súa acusación de “persecución  política” que remataría coa dimisión de Ferrín e a súa saída da Academia. 

No comunicado, ProLíngua lembra que “ninguén daba nada” polo recurso da RAG, cuestionado mesmo desde voces do mundo do dereito. “Mesmo algunhas persoas que se alegraran polas sentenzas do TSXG demandaban que a RAG retirase o recurso e que a Xunta sentase a negociar un novo pacto pola lingua”, sinalan, a respecto doutras das liñas que entón saíran no debate e que se refería á suposta vontade dun sector da propia Academia, entre os que na polémica o propio Axeitos situaba ao lingüista e actual secretario da RAG Henrique Monteagudo, promotor dun manifesto pola defensa da lingua. “A Xunta seguía a actuar con falsidade, pois anunciaba que aplicaría "de xeito flexible" os artigos anulados e na práctica enviaba mensaxes á sociedade de que toleraría e practicaría o incumprimento das sentenzas”, destacan do momento no que a RAG decide presentar o recurso. 

Que a RAG continúe nos tribunais

ProLíngua celebra “con alegría” a noticia do Tribunal Supremo da admisión por vez primeira dun recurso en defensa do galego e felicita á RAG por ter cumprido coa súa función de defensa da lingua galega. “O seu recurso de casación, independentemente do resultado final no Supremo, sitúa a nosa lingua no taboleiro estatal e demostra que os galegos non imos renunciar aos nosos dereitos lingüísticos, que nos importa o noso idioma e que o imos defender con todos os instrumentos que teñamos na man, no cerebro e no corazón”, destacan no comunicado. 

Reclaman, no mesmo sentido, que a RAG presidida agora por Xesús Alonso Montero, “leve a defensa xurídica do idioma galego ata as máis altas instancias españolas e europeas, como por outra banda prometera o seu actual presidente. Apoios non lle han faltar”.