XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI

“Esta proposta de edición levouse a varias institucións galegas e restáronlle mérito"

“Esta proposta de edición levouse a varias institucións galegas e restáronlle mérito"
Xosé Manuel Sánchez Rei [Imaxe M.O.]
Xosé Manuel Sánchez Rei [Imaxe M.O.]  

O Cancioneiro de Cipriano T. Enciso ve a luz nos EUA. Conversamos con Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973), profesor titular na Universidade da Coruña na área de Filoloxía Galega e Portuguesa, co gallo da publicación da obra pola editora The Edwin Mellen Press.

 


Membro do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA), o campo de estudo de Xosé Manuel Sánchez Rei sitúase na gramática da lingua galega actual e na linguaxe literaria contemporánea. Xa no ámbito da planificación, xestión e dinamización cultural, Sánchez Rei exerceu o cargo de presidente na AC Alexandre Bóveda, en cuxos órganos directivos aínda continúa, e foi membro da xunta directiva da Asociación Veciñal Agra do Orzán. Agora vén de publicar Traditional Galician Cancioneiro Compiled by Cipriano Torre Enciso, en colaboración con Catalina T. Castillón (Lamar University, USA), unha obra que, auspiciada por The Edwin Mellen Press, recolle os case 7000 cantares colixidos por Cipriano Torre Enciso na segunda metade do século XX. Conversamos co editor sobre este cancioneiro e o seu valor intrínseco, as características dos cantares e o contraditorio de o non conseguir ter editado na Galiza.

A querenza de Cipriano T. Enciso pola literatura oral

Cipriano Torre Enciso (A Coruña, 1902 - Madrid, 1995) foi un xornalista e etnógrafo galego. Este persoeiro, “aínda que vinculado ao franquismo”, “tiña unha querenza pola literatura tradicional e a cultura popular”, explica a Sermos Galiza o seu editor, Sánchez Rei. Torre Enciso pasou boa parte da súa vida en Madrid, mais esta afeizón levouno a recoller, “cada vez que viña a Galiza ou a Portugal, en cada romaría, festa ou mercado”, cantares populares co afán de os compilar. “El pedía á xente que lle cantase música tradicional”. Sobre os anos 70 “xa se supón que estaba colixido a maior parte deste material”. E é que no seu legado deixou “varias pastas, varias carpetas” onde cada cantar se presentaba “transcrito en fichas de papel cebola”, separados por temáticas, quer amor, quer superstición, quer cantos de berce etc., “o que T. Enciso considerara que tiña de aparecer”, comenta Sánchez Rei. E así até 7000.

Os textos do cancioneiro: de “Ana Bolena” a “Airiños, airiños aires”

Conscientes de seren case sete mil cantares os que Torre Enciso recolleu, non é de estrañar que estes presenten unha moi diversa xénese ou procedencia. Un plus que enriquece, aínda máis, o seu legado. Poñamos como exemplo para ilustrar tal circunstancia o feito de que, entre tanto material, podemos atopar “textos que T. Enciso tirou doutros cancioneiros, tal cal, recollidos por Pérez Ballesteros ou Cabanillas”, xunto a outros textos “que son moi recentes porque foron xerados no século XX; el recolleunos en festas ou romarías. Hai tamén outros que foron popularizados na literatura galega, como é o caso de ‘Airiños, airiños, aires’, que se fixeron extremadamente coñecidos”, afirma Sánchez Rei. Deste modo, o seu editor dá conta da existencia de varias procedencias que o colector non referenciou, nin comarcal nin rexionalmente, “todo un reto para nós”, engade, pois “tratamos de facer unha edición que fose rigorosa, tendo en conta todas esas variantes dialectais, rexionais, estilísticas”. Características que ficaron plasmadas con rigorosidade nas case catrocentas páxinas destinadas ao estudo introdutorio. Por outra banda, destácase que, efectivamente, “hai cantares que remontan con claridade ao século XVIII, que se fixeron moi populares, moi coñecidos, xa recollidos por Sarmiento ou por Sobreira, e outros máis actuais, como ‘A saia da Carolina’”, que é un texto moi recente.

Á parte, e polo tipo de lingua, tamén se poden diferenciar entre os que son galegos ou portugueses, “ben como as variantes dialectais que nos indican con certa fiabilidade de que rexións da Galiza poden provir”. “Queriamos facer unha edición seria, que respectase todas as variedades lingüísticas”. Unha característica moi peculiar que incrementa o valor intrínseco á propia colectánea, pois, tal como explica Sánchez Rei, “no día de hoxe non hai ningunha obra da mesma índole que recolla textos galegos e portugueses de forma conxunta”. E iso hai que o pór en destaque. E é que, para Xosé Manuel Sánchez Rei, unha das características máis notábeis desta colección de textos tradicionais é o feito de o colector incluír textos de orixe portuguesa, os cales foron adaptados polo colector para os versionar en galego. Un feito “curioso porque os textos portugueses adaptounos á grafía galega”, é dicir “foron adaptados ao galego da época, mais formas como ‘embora’, ‘gosto’, e outras, que só se usan no galego culto, tórnanse estrañas na lingua popular e insinúan con clareza estarmos perante textos da outra marxe do Miño”. Tamén subliña a circunstancia de incorporar cántigas datadas en diferentes períodos históricos (séculos XVIII, XIX, e XX), trazos que, no seu conxunto, entre o número de poemas e a súa diversa procedencia, fan deste cancioneiro un dos máis importantes de todos os publicados até a actualidade.

“no día de hoxe non hai ningunha obra da mesma índole que recolla textos galegos e portugueses de forma conxunta”, afirma Sánchez Rei

Tamén a nivel etnográfico, histórico, económico etc. o Cancioneiro ten un valor moi alto que non se lle pode negar. “Sempre se dixo que o pobo galego estaba isolado do mundo”, mais a realidade é que no cancioneiro tradicional galego “hai referencias a outras culturas, como por exemplo á figura de Ana Bolena. E como chegou Ana Bolena á Galiza –unha muller que, como se sabe, perdeu a cabeza polos seus amores?”. Do punto de vista toponímico os textos tamén gardan moito valor “porque, por exemplo, gardan formas de nomes de lugar que xa non existen”, explica Sánchez Rei. E é que estes cantares son fontes inesgotábeis de que beber e é algo que se debe ponderar. “É un tipo de literatura diferente, transmitida durante séculos, coas súas características e singularidades”.

A edición

“En 2016 xa estaba todo listo”, confidencia a Sermos Galiza o editor, Sánchez Rei, “mais aconteceu que, diferentes motivos (lecturas múltiplas, revisións, probas e demais), demoraron a súa publicación”. Saíu do prelo a principios de agosto ao calor da prestixiosa editora The  Edwin Mellen Press (USA). Os estudos están en inglés, mais os textos preséntanse en galego e non traducidos. “Foi unha decisión que adoptamos, un consenso que tivemos a profesora Catalina T. Castillón e eu coa casa editora”.

O traballo final son dous volumes, un coa edición e outro cos estudos introdutorios. O realizado por Sánchez Rei dá forma a case trescentas trinta páxinas sobre lingua, literatura tradicional e aspectos histórico-culturais, mentres que Catalina T. Castillón se encarga do encadramento temático, estético e literario.

“Esta proposta e edición levouse a varias institucións galegas e restáronlle mérito ou non se mostraron excesivamente proclives a facérena”

E como chegou a editarse nos USA? “A profesora Catalina T. Castillón tiña eses materiais e nunha estadía que realizou na Galiza entrou en contacto con varias entidades que non lle deron moita importancia”. Logo contactou co na altura reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, e a partir de aí, con Xosé Manuel Sánchez Rei. “Esta proposta e edición levouse a varias institucións galegas e restáronlle mérito ou non se mostraron excesivamente proclives a facérena”, afirma Sánchez Rei, que tamén indica que “non souberon ver que nesta obra tamén se incluíran cantares portugueses nin souberon apreciar cantidade de textos”. O feito de que entidades galegas non estivesen interesadas en traballaren con este cancioneiro e que si o estivese unha estadounidense é un pouco contraditorio. Por outra banda, publicar en The Edwin Mellen Press tampouco foi tarefa sinxela. “Foi un traballo moi intenso e tivo tamén moitas arritmias, lecturas, revisións, mudanzas... ora polas condicións e exixencias da propia editora, ora pola propia magnitude do traballo”. Un proceso lento e moi traballoso.

Imaxe da capa do libro 'Traditional Galician Cancioneiro Compiled by Cipriano Torre Enciso'.

Xosé Manuel Sánchez Rei, o editor dos textos

Alén desta última achega ao campo da filoloxía galega, Xosé Manuel Sánchez Rei sacou a lume títulos imprescindíbeis como Se o vós por ben teverdes. A interpolación pronominal en galego (1999, premio Carvalho Calero 1998 de Investigación Lingüística), O fidalgo e o teatro. Tres textos dramáticos de Ramón Otero Pedrayo (1999), Os pronomes demostrativos: do latín ao galego contemporáneo (2002), A lingua literaria galega decimonónica (2005, en colaboración con outros autores), A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros (2006, finalista nos Premios da Crítica de Galiza), O complemento preposicional en galego (2010), Lingua galega e variación dialectal (2011), Novas perspetivas linguísticas no espaço galego-português (2015, xunto a outras persoas), As Ciências da Linguagem no espaço galego-português (2016, en parcería con outras persoas), O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza (2016), Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX (2017, 1ª reimpresión en 2018). Estudos atuais de linguística galego-portuguesa (2019, en parcería con outros autores) etc. É tamén o tradutor para o galego do Curso de Lingüística Xeral de Ferdinand de Saussure (2005) e conta con publicacións en revistas especializadas como Cadernos de Lingua, Diacrítica-Ciências da Linguagem, LaborHistórico, Madrygal, Revista de Letras, Revista Galega de Filoloxía, Revue Romane, Verba etc.