Propostas da Galiza, Brasil, Líbano ou Madrid convivirán na residencia de escritoras e pensadoras de Rianxo

Propostas da Galiza, Brasil, Líbano ou Madrid convivirán na residencia de escritoras e pensadoras de Rianxo
 

María Ovelar, Marina García López, Henrique Yuichi Komatsu, Joelle Saliba e Raquel Ferrández.


“Os procesos de escrita literaria así como a propia tarefa do pensar requiren espazos e tempos axeitados para provocar esa intensidade que dá a nacer a obra creativa, espazos e tempos liberados de obrigas e determinantes externos”. Nesa filosofía basea Axóuxere Editora a convocatoria das residencias de escritoras e pensadoras, que organiza co apoio do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña.

Esta semana elixíronse as cinco propostas seleccionadas para que entre agosto e setembro estean na residencia: María Ovelar, López, Henrique Yuichi Komatsu, Joelle Saliba (convocatoria de escritoras) Marina García e Raquel Ferrández (de pensadoras).

María Ovelar (Madrid), por un proxecto narrativo que pretende explorar os límites da novela posmoderna e o carácter metaliterario da escrita, inserido nun contexto cultural contemporáneo entendido como gran palimpsesto. Interesante proposta na estela de Borges.

Marina García López (Galiza), por un proxecto que estuda a influencia do traballo artístico de Castelao e Eduardo Dieste no rumbo das artes gráficas riopratenses cara á modernidade. Especialmente interesante tamén a revalorización da pouco coñecida figura de Eduardo Dieste.

Henrique Yuichi Komatsu (Brasil), por un proxecto de escrita poscontemporánea, na liña de autores como Lydia Davis, Donald Barthelme ou Pierre Bettencourt, que camiña nas marxes do expresábel, transitando a borda na que a linguaxe tenta falar do tecido do real, con toda a súa imprecisión e borrosidade.

Joelle Saliba (Francia/Líbano), polo intento de escribir, desde a distancia e o exilio, a través de fragmentos autobiográficos, sobre o lugar perdido da súa infancia, o suburbio de Karantina, en Beirut, onde tivo lugar un masacre durante a guerra civil de 1975. Interesante exercicio de escrita que conversa coa memoria histórica.

Raquel Ferrández (Galiza), polo proxecto de investigación e tradución sánscrito-galego do Spandakārikā (Estrofas da vibración) de Vasugupta (s. ix d.C.), obra clásica do shivaísmo tántrico de Caxemira. Interesante pola case ausencia na nosa contorna de estudos filosóficos que dialoguen coa milenaria tradición oriental de indagación e coñecemento.

No caso das solicitantes admitidas, a participación nas residencias -nunha casa na aldea de Brión, parroquia de Leiro, Rianxo- será de balde e a única forma de pagamento un seminario ou obradoiro no Concello de Rianxo e unha lectura, conferencia ou recital na localidade.