"Proxecto Elo", do libro á escena á rede e ao disco

"Proxecto Elo", do libro á escena á rede e ao disco
Proxecto Elo
Proxecto Elo  

Despois dos libros veu o espectáculo que pasou á rede e agora chega a disco. Proxecto Elo é a unión da poesía de Rosalía Fernández Rial e a música de Serxio Moreira, unha idea que non coñece fronteiras de xéneros, disciplinas ou soportes. 


“Elo” pola unión, polo encontro da musica e poesía. “Elo” tamén pola sonoridade -recorrente como sufixo galego- e polo carácter visual da palabra. Elo, tamén, por esa expresión que queda no ar nas conversas cotiás: “E lo?”. 

O Proxecto Elo, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, chega agora a disco despois de ter pasado por múltiples soportes e disciplinas. Naceu nos libros de Rosalía Vinte en Escena e Ningún amante sabe conducir (os dous en Edicións Positivas), e, como levaba acontecendo desde anos atrás, desde o inicial Átonos,  non tardou en xuntarse á música de Serxio Moreira para se mostraren conxuntamente ao vivo. Doce poemas dos dous libros que comezaban así unha nova vida e un camiño a través de distintos soportes e formatos. 

Nova vida nas redes sociais

“Tratamos de que a voz interpretase tamén os poemas, que tivese un punto teatral e en canto á música son sons experimentais e variados nos que predomina o uso do teclado mais tamén moitos extraídos da propia natureza”, explica Rosalía Fernández. A través de facebook e cunha bandcamp o proxecto difundiuse a través da rede, xusto ate esta quinta feira, que saíu o último dos temas publicados. “Queriamos utilizar as redes sociais como medio para dar a coñecer os temas que fomos colgando día a día ate este 12. Xusto o día despois de publicar o último poema de Vinte en escena recibimos a noticia de que o disco xa está preparado”, comenta Rosalía Fernández Rial, xusto ao tempo de anunciar o paso do proxecto ao soporte disco que distribuirán nos posteriores espectáculos. 

“Este proxecto empezou en escena e o fin é a escena. Cremos na poesía viva, nas artes vivas que deben transcender os formatos e espallarse. Cremos na interdisciplinariedade artística, a escena e a música fan que o libro teña máis vida”, explica, para quen, alén da linguaxe contemporánea a iniciativa sigue a tradición da historia da literatura galega. “Desde a época medieval a poesía fíxose ao vivo e non ha que esquecer que nós somos parte dunha literatura e dun país”, apunta, antes de iniciar outra nova xeira na que conta levar os libros, e xa o disco, de novo ao encontro co público, ao vivo.