ENTREVISTAMOS XOSÉ MANUEL BUDIÑO

“No proxecto Fulgor non podía haber plan B”

“No proxecto Fulgor non podía haber plan B”
[Imaxe: Cedida] Xosé Manuel Budiño
[Imaxe: Cedida] Xosé Manuel Budiño  

Seis discos tardou Xosé Manuel Budiño (Moaña, 1969) en chegar a Fulgor. Aquel gaiteiro que impresionara a comunidade folk coa súa habelencia instrumental e a súa capacidade para a composición en Paralaia (1997), o seu debut, é agora líder e vocalista dunha banda que percorre sonoridades pop e rock cun ángulos indies. Cita Narf, Radiohead ou Cream e ao tempo admite a importancia da aprendizaxe tradicional mesmo para este, o seu novo proxecto. Publicado da man do mecenado cultural das adegas Ponte da Boga, Fulgor estréase nos escenarios o vindeiro 15 de marzo na Sala Capitol de Compostela. A Budiño acompañarano sobre as táboas Brais Morán ás guitarras, Fran Sanz no baixo, Álex Salgueiro nos teclados e Ton Risco na batería. Eis un extracto da entrevista publicada no número 336 de Sermos Galiza.


2É Fulgor o xiro pop ou non é o xiro pop de Budiño?

Fago pop? Non sabería definilo. Para min este era un disco necesario, despois de 20 anos facendo música instrumental e ao mesmo tempo sempre compoñendo. Todos os meus discos son de composición. Eu vía unha evolución lóxica en coller as miñas cancións e poñerlles letra e cantalas eu. Substituír o instrumento principal -a gaita ou a frauta- e meter a miña a voz. Era tan sinxelo coma iso, pero non é tan sinxelo coma iso. É un disco moi aberto, cheo das vivencias de 20 anos e de todas as músicas que me gustan. Hai jazz, hai pop, hai música de raíz...

Melodicamente hai algo que o conecta cos sesenta....

Estou de acordo, ten algo diso. Tamén do rock dos 70, do rock sinfónico. Son músicas que me foron influenciando. Pero é que nos seis discos anteriores tamén había esas influencias. Ao mellor a xente non estaba tan afeita, por ser música instrumental...

Budiño estaba encadrado no folk.

Claro, estabas nese pau musical, aínda que ti non te vises exactamente aí. Porque me gustaban outras moitas músicas. De feito, na adolescencia escoitaba folk, pero axiña me abrín ao jazz, ao rock.

Chegar a cantar as súas composicións, di, é unha evolución lóxica. Pero ten que ser unha decisión difícil.

Era algo que eu sabía que estaba aí. Cando compoño unha melodía fágoo coa voz. Eu declárome músico de ouvido de toda a vida, aínda que despois si estudei. E o músico de ouvido ten que cantar unha melodía antes de tocala. Non tes un papel. Cando escoitas algo e queres levalo ao teu instrumento tes que poder cantalo antes. E eu sempre fun moi cantarín. Pero nunca me atrevera nos directos. Aínda que nestes 20 anos houbo dúas ou tres cancións cantadas en cada disco. Eu creábaas, cantábaas e pasáballas ao cantante ou artista co que colaboraba. Eles reinterpretaban o que eu estaba cantando. Despois de facer o último disco, Sotaque (2013) -hai un ciclo lóxico de tres anos entre disco e disco-, salta de súpeto a faísca, o fulgor, e digo: “Non quero facer un disco instrumental”. É cuestión de honestidade. Non me vexo. Levo 20 anos facendo música instrumental e apetéceme outra cousa.

Así naceu, unha faísca?

Hai outra parte que nace no Canadá. Conto sempre que convidei Fran Pérez, Narf, a vir a uns concertos connosco a Canadá. Eu quería que a miña banda interpretase as súas cancións. Nese momento tiven a oportunidade de xogar con el e, por que non, facerlle coros. Nesa xira, nas probas de son, Narf cáptao perfectamente: “Budi, estás facéndome coros, por que non cantas?”.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 336 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]