A "pulsión" de Xela Arias e Luísa Villalta ao vivo

A "pulsión" de Xela Arias e Luísa Villalta ao vivo
.
.  

O número de escritoras e poetas que asistiron á xornada dedicada a Xela Arias e Luísa Villalta organizada pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, o debate que suscitan as súas obras e a pegada que deixan na nova creación celebran a “pulsión” literaria que manteñen as dúas escritoras. 


“Pulsión”, foi o termo escollido pola escritora Ana Romaní, unha das coordinadoras do encontro “Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século”, para definir o ánimo que se viviu durante toda a xornada no CCG. “Demostra que a cultura galega é un río, non unha lagoa”, concluíu o profesor Arturo Casas despois de que a escritora Iolanda Zúñiga canda o grupo musical Dous puxeran o ramo ás conferencias e mesas redondas cun espectáculo sobre “Intempériome”, de Xela Arias, que a propia autora estaba a preparar antes da súa morte. Con Fernando Abreu, membro do grupo musical, Xela Arias ideaba no fin da súa vida, levar os seus poemas ao escenario e só onte a súa voz se volveu escoitar nunha gravación que se combinaba coa de Zúñiga no remate da xornada. 

Durante a tarde, en dúas mesas redondas, novas creadoras e creadores deron conta da vitalidade da memoria de Luísa Villalta e Xela Arias, das súas arriscadas apostas poéticas, da modernidade das súas propostas e da pegada que deixan en autores e autoras cos que compartiron espazos literarios. 

Cicatriza mal

“A súa perda cicatriza mal”, dixo, a respecto de Villalta, a escritora Estíbaliz Espinosa na súa aposta por “reconquistar” ás dúas autoras falecidas xa unha década. “Botámolas de menos mais esa acción fosiliza, acomoda, e elas eran acción”, sinalou nunha idea que se ía repetir durante toda a xornada, a enerxía que desprende a súa memoria viva.  Como escritora, Rexina Vega apostou por “construír unha subxectividade disidente”, contra a “visión dominante do suxeito que segue a ser centralizadora, branca, masculina e eurocéntrica” e, entre as obras de referencia nesa liña citou Tigres coma cabalos de Xela alén da obra de Lupe Gómez ou Yolanda Castaño, audaces, ao seu ver, no “pola valentía, polo tratamento do corpo”, ao seu ver, unha liberación que se presenta aínda como “asignatura pendente” e “obriga moral”. A intervención de Rexina Vega orixinou un dos debates do día, ao afirmar que a literatura galega pecaba de “pacata” con catálogos editoriais “cargados de testosterona, dun gusto conservador de editores homes de máis de cincuenta”. As afirmacións da autora de Cardume, atoparon resposta en dúas posicións ben distintas. Por unha parte, o escritor Xosé Mª Álvarez Cáccamo, decidiu situar o debate entre “boa e mala” literatura e lamentou o que entendeu unha descualificación para a obra de “homes, heterosexuais maiores de cincuenta que non escriben literatura erótica”. Por outra banda, a escritora María Reimóndez tampouco aceptou a cualificación de Vega de “pacata” para a literatura galega xa que, segundo defendeu, a literatura que ela lía, o seu “particular canon” non adoecía de fuxir do sexo nin do corpo e puña como exemplo a obra de moitas mulleres que desbotaron o pudor na súa escrita acusando precisamente a definición de responder a un “canon masculino”. 

"Cantas estupideces estivemos facendo"

Ao escritor Antón Lopo a participación na xornada descubriulle “que Xela e Luísa estaban mortas, a impresión de que había unha dimensión da que antes prescindía”. Ao seu ver, “Xela era unha poeta netamente dos noventa cando podía ser dos oitenta”, cunha estática máis apegada a figuras como Lou Reed ou lois Pereiro mentres “Luísa se consideraba dos oitenta cando estaba nos noventa”. “Cantas estupideces estivemos facendo cos oitenta e cos noventa, canta tontería, canta parvada que creaba discursos, tensións e páxinas en xornais”, afirmou Lopo, dun debate no que as dúas autoras non entraban. 

A obra de Xela Arias e Luísa Villalta orixinou, na propia xornada, a revisitación por parte de tres videocreacións que viñeron da man de Antía Otero -dous videos-poemas con textos de Xela Arias-, Maribel Longueira -un vídeo arredor da obra de Luísa Villalta, con que participara no proxecto literario fotográfico O Papagaio sobre o barrio da Coruña- e Rafa Janeiro, cun experimento musical e audiovisual tamén arredor de Villalta. Novas linguaxes sobre dúas creadoras que foron motivo de análise, homenaxe e reflexión durante toda a xornada, en voces amigas e especialistas e que deron a dimensión da forza da súa obra. 

Na sesión de mañá, cun carácter máis teórico, Chus Nogueira achegouse á figura de Xela Arias e Xosé Mª Álvarez Cáccamo á de Luísa Villalta mentres Helena González e María Ruído reflexionaron sobre as mulleres nas prácticas culturais dos 80 e os 90. Desde a productora "Illa Bufarda" presentaron un audiovisual arredor das dúas escritoras con testemuñas de amizades e especialistas na súa obra.