Que facer coa literatura

Que facer coa literatura
[Imaxe:CGAC] Biblioteca no CGAC
[Imaxe:CGAC] Biblioteca no CGAC  
A reentrada ao curso literario serve a críticas, autoras e editoras para reflexionar sobre o estado das letras e as súas necesidades inmediatas. Défices estruturais, debates estéticos e perspectivas sistémicas son algúns dos temas que preocupan no sector. Eis un estrato da peza publicada no número 366 do semanario en papel.

m_6_FS_CulturaA reentrada ao curso literario adoita ser tempo de promoción editorial, anuncio de bos propósitos, reactivación de ciclo após os meses de verán. Pero tamén pode servir para facer mínimo balanzo e trazar vías cara ao futuro inmediato. A esta última vontade responden as persoas consultadas ao respecto por Sermos Galiza, quen trazan un conciso estado da cuestión no inicio do outono.

“Estamos nun momento creativo de grande calidade creativa”, afirma, sen dubidar, Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), “cualitativa e cuantitativamente. Moi por riba das posibilidades estruturais, sexan estas empresariais ou institucionais”. Poeta e presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG), detecta os problemas principais nas condicións de produción: o adelgazamento editorial, os baixos índices de lectura, as políticas públicas. Pero, desde unha perspectiva sistémica, esas non impiden que a escrita literaria sexa, ao seu ver, “un territorio gañado para a normalidade”.

A ollada de Sánchez Iglesias, literatura en perfecto estado de forma pero deficiencias de contexto, é dominante no sector, pero non única. A escritora Eva Moreda (A Veiga, 1981), residente en Glasgow onde é profesora de musicoloxía na universidade, disinte. Opina como crítica –publica as súas recensións no portal Biosbardia– e sobre narrativa. “Vexo unha especie de tirar para adiante que desconcerta”, di nun correo electrónico, “cada mes saen novelas, son promocionadas dentro das posibilidades de cada editora, recensionadas en catro medios con grandes loanzas raramente xustificadas desde a análise da técnica literaria, logo para o mes chega outra tanda de novelas e volve comezar o círculo”.

Moreda, autora de A Veiga é como un tempo distinto (2011), percibe ademais repertorios comúns hexemónicos: son libros “doados de ler”, con pegadas de literatura popular e “con mensaxe encadrada en certos temas candentes e coordenadas ideolóxicas en que se supón se sitúa o lector medio”. É a procura do mainstream, sintetiza, “nun panorama de precariedade empresarial”.

“Bipartidismo”

Esa certa homoxeinización estética tamén a nota o escritor Mario Regueira (Ferrol, 1979), ademais crítico de libros neste semanario. E enlázaa coa paisaxe editorial, ao seu ver atrapada no “bipartidismo” que marca “liñas moi determinadas” ás veces sorteábeis grazas aos premios literarios que implican publicación da obra. Refírese en concreto ás dúas editoras máis grandes, Xerais e Galaxia, que, esténdese, “teñen cousas moi boas pero tamén dinámicas que acaban por pexar o campo de xogo”. A cuestión normativa é a que lle vén á cabeza en primeiro lugar.