NATASHA LELENCO, ARTISTA VISUAL

"Quen decide o que é valioso? Somos as persoas ou deixámonos levar polo que nos di o mercado?"

"Quen decide o que é valioso? Somos as persoas ou deixámonos levar polo que nos di o mercado?"
Natasha Lelenco
Natasha Lelenco  

Natasha Lelenco segue a percorrer Galiza coa exposición 'Adopta un señor importante' [na compostelá galería Os Catro Gatos] na que nos amosa cincuenta seres tan odiables como queribles pintados sobre madeira seca. E pon ao público diante dunha disxuntiva: os que non sexa adoptados/mercados arderán no lume de San Xoán. 


Natasha Lelenco (Chisinau, 1982) rematou perto do cabo Fisterra, logo dunha aventura vital que a levou de Moldavia a Romanía até chegar a Galiza. Da condición de estranxeira indocumentada conserva, asegura, "certa falta de cariño ao corpo policial". 

'Adopta un señor importante' é a cuarta exposición individual desta artista visual que tamén conversa con outras artes e colabora con compañías teatrais como Excéntricas, Mofa e Befa ou Chévere. 

NATASHA LELENCO1

E agora, coa data da queima axexando, vén de poñer enriba da mesa un novo reto: a publicación nun libro que reunirá todos estes retratos combustibles (tanto os adoptados como os queimados), o único vestixio que quedará deste experimento artístico. Iso si, se de novo o público decide respaldalo a través da plataforma de micromecenado Verkami

-Vés de inaugurar a exposición 'Adopta un señor importante' en Compostela despois de xirar por todo o país. Cantos personaxes levas adoptados xa?

-Que pregunta! Vintetrés, vinteseis... non sei, perdinlle un pouco a conta.

-Non é mala cifra. Non parecen xente moi adoptable. O bestiario que presentas son 50 retratos figurativos sobre madeira seca. Que querías contar con esta proposta?

-A idea base é convidar a facer unha reflexión arredor do concepto de valor e do efémero da nosa existencia. E tamén do valor que lle damos ás cousas, e do papel do azar no relato histórico. Esas pezas son personaxes, cada quen encarna a súa idea, con cadanseu patrón psicolóxico. Pero por outro lado son leña seca, son pezas sobre este soporte tan peculiar que non deixa de ser un soporte fráxil e é un material combustible. Entón lánzolle a pregunta ao público se iso é algo digno de levar para a casa e querelo ou se non vale para nada. Esa é a idea base. 

"O que máis me gusta é crear un proxecto e seguir todo o proceso con coherencia"

-Así que as pezas que non sexan mercadas/adoptadas de aquí á noite de San Xoán valas queimar na fogueira?

-Dalgún xeito o que quero preguntar é: quen decide o que é valioso normalmente? Somos realmente as persoas ou deixámonos levar polo que nos di o mercado do que vale ou non vale? Ese é o xogo que nos plantexa o mercado. 

-Refíreste ao mercado en xeral ou ao das artes plásticas en particular?

-Refírome a todo. O mercado da arte é unha parte do mercado, non podes sacalo dese contexto. 

-A túa proposta, ao igual que as anteriores, racha coas habituais estratexias para chegar á xente, que circulan por canais máis elitistas, por dicilo dalgún xeito. 

-Eu intento levar adiante un proxecto. Ás veces tes que reinventarte ti mesma o percorrido, porque o percorrido clásico está feito e moitas veces é moi difícil entrar no círculo. Esa é a súa principal característica, é moi pechado. Entón trátase de crear ti mesma o xeito de facer. A min o que máis me gusta é crear un proxecto e seguir todo o proceso con coherencia. Neste caso, foi así desde o principio ao final, tamén que sexa a xente quen decida se isto se convirte nun libro. O formato do 'crowdfunding' é coherente coa idea: se non logramos convencer á xente de que o libro é interesante, pois se cadra é que non hai que facelo. E o mesmo coas pezas. Se non funcionan queimámolas. Intento que todo sexa coherente. 

"O percorrido clásico está feito e moitas veces é moi difícil entrar no círculo. Esa é a súa principal característica, é moi pechado"

-Eses señores importantes dos que falas son os que deciden moitas veces que se expón e que non se expón nos grandes museos. 

-Claro. Eu aquí xogo un pouco co dobre sentido que ten todo. Todo parte do mal e do ben. Eu por un lado teño eses señores que encarnan ideas e características odiosas, pero tamén é certo que iso o temos todas. E tamén xogo coa idea de mandalos para o lume, gústame iso de poder mandar ao lume a un señor importante [risos]. É un pouco iso, e tamén eses personaxes póñoos aí en última instancia, pedíndolle desculpas ao mundo. E convido á xente a que se poña no seu lugar e pense que faría se estivese nese momento final, que diría? Entón póñoos todos frontais, con esa ollada suplicante e intento que o espectador viva un pouco esa experiencia, porque eses señores están diante do seu final. 

-Dis que algún dos personaxes están inspirados en persoas reais. Algunha pista?

-Todo iso vai estar no libro, se chega a facerse. A idea é narrar todas estas historias. Hai personaxes inspirados nalgúns protagonistas da historia. Un dos adoptados era un dos emperadores da época romana, que chegou ao poder moi novo. A un chamáballe "Neronciño". Teño outro personaxe que a min me gusta moito que é Dióxenes Laercio, foi un historiador na época romana, no s III, escribía biografías de filósofos gregos. Paréceme moi simpático porque é unha das poucas lecturas que podemos facer agora arredor dos grandes filósofos da Antigüidade, e conta as súas vidas como se fora unha revista de 'cotilleos'. Pareceulle moito máis interesante entrar na vida de cadaquén e contar as súas intimidades, que non lerás en ningunha historia da filosofía. E ese é un dos poucos vestixios que nos queda deles. E aquí o definitivo foi o azar, que foi o que decidiu que Dióxnes Laercio chegara até nós. Na súa xeración imaxino que habería xente moito máis brillante ca el. 

"O formato do 'crowdfunding' é coherente coa idea: se non logramos convencer á xente de que o libro é interesante, pois se cadra é que non hai que facelo. E o mesmo coas pezas. Se non funcionan queimámolas"

-Sobre o 'crowdfunding' para financiar 'O Gran Libro dos Señores Importantes', nos que vas incluír 45 dos cadros. En poucos días xa conseguiches un cuarto do que precisas...

-A ver, a ver como vai... 

-Defíneste como artista visual e dáslle a todos os paos: pintura, body painting, vídeo, fotografía... En que disciplina te sintes máis cómoda á hora de expresar as túas inquedanzas?

-Depende do proxecto, a ferramenta é só unha ferramenta, pero creo que o que máis cariño lle teño son as artes plásticas, a arte tradicional. Pero iso é agora, tiven épocas máis tecnolóxicas e agora apetéceme máis verme pintando. Pero se cadra noutra época volvo a outra disciplina, depende do que teña na cabeza.



x