MANU FERNÁNDEZ, FESTIVAL 'A CANDELORIA'

“Queremos que Lugo sexa unha festa coa Candeloria”

“Queremos que Lugo sexa unha festa coa Candeloria”
[Imaxe cedida]
[Imaxe cedida]  

Os vindeiros 27 e 28 de febreiro a cidade de Lugo acolle o festival A Candeloria. Música, xogos populares, pasarrúas e cantos de taberna para facer festa arredor da muralla en pleno mes de febreiro.


Con bandas como Boikot, Los Chikos del Maíz, Habeas Corpus, Ruxe Ruxe, Nao e Terbutalina desde a organización salientan que o seu obxectivo é cubrir ese “oco musical” pendente na ampla oferta cultural luguesa. De antemán advirten que A Candeloria non ficará fechada no Pazo de feiras e congresos senón que visa tornar a cidade amurallada nun multitudinario evento, tamén a ceo aberto. Conversamos con Manu Fernández, un dos seus organizadores.

Quen está detrás do festival A Candeloria?
Somos tres os que cocemos o tema [ri]. Marcos, Laura e máis eu. Mais detrás disto hai moita máis xente sen a que non sería posíbel sacalo adiante. Desde a Deputación de Lugo están a axudarnos moito e tamén centos de persoas que colan os cartaces, partillan os nosos contidos e eventos nas redes sociais; voluntarios que se ofreceron para traballar neses días e tamén os grupos. Todos eles son importantes.

Comezástedes no Clavicembalo e agora pensades en encher o Pazo de Feiras e Congresos. Vaia salto, non si?
O ano pasado no Clavi había 200 persoas e outras tantas estaban fóra tentando entrar. Era moita xente. A nosa fórmula continúa a ser a mesma e é moi rudimentaria. Baseámonos na venda das entradas, de camisolas e mesmo de rifas pola rúa [ri]. Non vou dicir que en Lugo non haxa oferta cultural mais o noso obxectivo foi sempre cubrir ese oco musical dentro das nosas posibilidades. Non fixemos nada imposíbel.

No cartaz levades bandas coñeciñas en Galiza e outras de sona internacional. Foi difícil contactar?
Hai determinadas bandas que polo seu caché ou bagaxe era máis complexo acceder a elas mais detrás do cartaz o que hai é traballo, traballo e traballo. Porén, queremos salientar que non hai bandas de máis ou menos calidade. As dez son brutais embora algunhas teren máis sonas que outras. É un pracer poder contar con todas elas. 

" Queremos pór unha pedra para que o festival se asente e se torne nunha tradición, nunha data a apuntar no almanaque festivaleiro"

Como está a ser a acollida?
Toda Galiza está a ter moito interese. O que nos parece incríbel é que bandas de nivel internacional e estatal están a amosarnos o seu interese através das redes sociais e do portal web. Levamos vendidas máis de 700 entradas e aínda quedan días. É xenial tendo en conta que este festival non se coñecía até o ano pasado.

A Candeloria sairá do propio Pazo?
Teremos concurso de cantos de taberna, xogos tradicionais, concertos acústicos, pasarrúas... Queremos que Lugo sexa unha festa eses días. Ogallá sexa un éxito, cando menos estamos a facer todo o posíbel porque así sexa. Queremos pór unha pedra para que o festival se asente e se torne nunha tradición, nunha data a apuntar no almanaque festivaleiro.

A data vén a cubrir un espazo orfo entre @s [email protected], o inverno. Son todo vantaxes?
Si e non. Ten as súas vantaxes porque non hai ningún festival “competidor”, por así dicilo, nen outros eventos semellantes. Mais ten as súas desvantaxes porque os festivais nútrense moito do turismo tamén e nós non contaremos con iso. Mais tentaremos facelo o mellor posíbel para que sexa un éxito.

Galiza é un país de festivais?
Coido que si. E, cando menos aos que eu vou, son todos festivais humildes mais moi traballados. Non lucrativos, ademais. Todo o que se fai vai focado a que a xente o pase incríbel e todo o que se gaña, como na Candeloria, vai destinado a que o festival mellore.