XOSÉ LEAL, DEPUTADO RESPONSÁBEL DA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

“Queremos poñer en valor a muller como creadora”

“Queremos poñer en valor a muller como creadora”
[Imaxe: Depo] Xosé Leal (BNG)
[Imaxe: Depo] Xosé Leal (BNG)  

O próximo sábado, día 8, a cultura vístese de longo para celebrar a Gala do Ano da Lingua que organiza a Deputación de Pontevedra. Será ás 20 horas no Auditorio de Goián, no Concello de Tomiño. As entradas, de balde, xa están dispoñíbeis no propio concello. Conducida pola actriz Isabel Risco, a gala contempla unha performance realizada ad hoc pola poeta Tamara Andrés; un espectáculo aéreo a cargo de Rebeca Santos e as actuacións de Andrea Pousa, Leilía e A Banda da Loba. En canto á sesión matinal, que comezará ás 12 horas, inclúe o Concerto Punk infantil, para público infantil e familiar, e nunha actuación de Blues do País, nunha sesión vermú. Cóntanos máis Xosé Leal, deputado responsábel da área de Cultura da Deputación de Pontevedra.


Que nos vai deparar a Gala do Ano da Lingua?

Ao igual que fixemos coa Gala do Ano Castelao e coa Gala do Ano do Patrimonio, pretendemos demostrar todo o que foi a actividade cultural que veu desenvolvendo a Deputación de Pontevedra nos diferentes concellos. Ademais, queremos poñer en valor a muller como creadora e como potencia que, tanto na música como no teatro ou na danza, está sempre presente. Nós cremos que esa potencia debe visibilizarse dentro dun espectáculo tan especial como é unha gala que mostre o que levamos feito ao longo do ano.

Neste aspecto, temos o apartado musical, onde conflúen bandas emerxentes e consolidadas nas que a muller é protagonista: falamos da Banda da Loba ou de Leilía. Tamén atendemos a nova creación en canto ás performances e o traballo teatral e poético con Tamara Andrés, unha moza que está arrasando no eido cultural, sen esquecermos disciplinas como os espectáculos aéreos de Rebeca Santos. Á hora de deseñar o cartaz contamos con Ana Seoane, unha deseñadora que fai traballos moi interesantes. En definitiva, poñemos en valor a nosa lingua desde a perspectiva de xénero ao visibilizar toda esa potencia creadora. A revolución das mulleres e do pensamento feminino necesita do pulo das Administracións para que a cidadanía entenda que as mulleres sempre estiveron, están e seguirán estando e que son potencias de primeiro nivel.

A primeira das galas, a do Ano Castelao, foi en Pontevedra; a segunda, a do Patrimonio, en Cangas, e a da Lingua vaise celebrar en Tomiño. A que responde esa itinerancia?

A democratización da cultura pasa porque os diferentes lugares teñan protagonismo como teñen ao longo do ano. Unha provincia como Pontevedra ten diferentes núcleos poboacionais en torno a diferentes comarcas. O Baixo Miño, coa súa confluencia transfronteiriza con Portugal, con toda a cultura lusófona, fomenta esa riqueza a nivel lingüístico. A cultura, a creación na nosa lingua, debe estar presente en todos os espazos e, neste sentido, entendemos que o Baixo Miño, limítrofe cos nosos irmáns, debe contar con protagonismo, tendo en conta ademais que posúe a infraestrutura que é precisa para este tipo de actos, así como a colaboración do Concello de Tomiño.

Falaba de democratización e refírese a ela en moitas ocasións para explicar o traballo que desenvolven na área de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Efectivamente, nós cremos que a cultura pasa tamén por colaborar cos diferentes concellos. Trátase dunha dinámica que iniciamos no primeiro ano de mandato con diferentes plans que agora implementamos en diferentes eidos, como o Musigal. Queremos que os homes e mulleres dos concellos teñan acceso, con independencia de onde vivan, a cultura de calidade. Os concellos, con independencia do seu tamaño, saben que poden contar con cultura en maiúsculas, e non só cultura en maiúsculas no eido profesional e popular por seren espectáculos máis ou menos grandes, senón porque o ímpeto e a forma de traballar que teñen á hora de formular os espectáculos obedece á seriedade e ao rigor de fomentar a cultura galega.

Que valoración fai do Musigal?

Ten que ser tremendamente positiva. Agora estamos valorando con promotores musicais e a propia industria e concellos como foi o desenvolvemento do programa, que está a dar os últimos coletazos, e si que se ve esa necesidade que teñen os concellos por programaren música en galego e profesional. Moitas veces a falta de recursos económicos ou o destino dos recursos económicos a outras cuestións impedía que os concellos puidesen acceder en igualdade de condicións a este tipo de actuacións. Nós ofrecemos esa posibilidade cubrindo o caché dos grupos e os concellos asumen os gastos de produción, montaxe e infraestrutura, que ademais crea postos de traballo e dignifica a musica profesional, para conseguir un resultado que está desfrutando a poboación.

Que balanzo fai dos anos temáticos que implementaron ao accederen ao goberno da Deputación?

Cos anos temáticos, pretendiamos focalizar a actividade cultural cara a eidos en que Galiza é unha potencia. Entendiamos que os anos temáticos eran moi aproveitábeis para complementar as actividades nos concellos, que o acataron de moi bo grao porque lles permitiu poñer o foco nestes aspectos que queriamos destacar e que sempre están interrelacionados: falar de Castelao é falar tamén de lingua e de patrimonio, tamén de música.

E da actividade cultural desenvolvida neste Ano da Lingua?

Os diferentes eidos en que traballamos divídense en dous apartados: plans que foron instaurados ou implementados neste mandato e polos que cada concello ou colectivo pode acceder a determinadas actuacións; programas para publicar libros, edición de discos… e a maiores está a parte expositiva, que se artella de maneira transversal nas políticas. No que ten a ver coas exposicións puxemos o foco en públicos como o das crianzas –como exemplo, a mostra feita sobre Os Bolechas– ou no ámbito da memoria. Trátase dun conxunto de accións que demostran que a lingua subxace en toda a actividade cultural.

A Deputación de Pontevedra vén de abrir un proceso selectivo para ocupar a Dirección do Museo de Pontevedra. Que se valora nese proceso?

O Museo de Pontevedra é unha xoia para Galiza. A apertura a novos públicos sempre foi un ámbito fundamental no que levamos traballando en todo este mandato e entendemos tamén que, como en toda política, a perspectiva de xénero ten que estar presente. Continuaremos co feito nestes últimos anos para que os seis edificios do Museo de Pontevedra sexan visitábeis e para que se poida gozar das súas coleccións, onde ten que estar incluída, insisto, a perspectiva de xénero. Ademais, debemos adquirir un compromiso para que as crianzas sexan tamén protagonistas.



x