CONCURSO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Quero Cantar premia Os Cortegadaos e Pequenos Besbellos

Quero Cantar premia Os Cortegadaos e Pequenos Besbellos
[Imaxe: Deputación da Coruña] Goretti Sanmartín coas gañadoras e gañadores
[Imaxe: Deputación da Coruña] Goretti Sanmartín coas gañadoras e gañadores  

A terceira edición do concurso Quero Cantar, impulsado pola Deputación da Coruña, deixou como gañadores os grupos Os Cortegadaos, de Cortegada e Pequenos Besbellos, de Pontevedra.


“Eu quero ser árbore”, que defende a necesidade de “ter os pés na terra e a cabeza no aire” fixo gañadores da terceira edición do Quero Cantar o grupo Os Cortegadaos na categoría infantil e “Faite respectar”, un alegato contra o acoso escolar, a Pequenos Besbellos na categoría xuvenil, ás que optaban un total de seis bandas que foran seleccionadas do total das presentadas por un xurado profesional que valorou a “alta calidade” das pezas.

Fixéronse co segundo premio na categoría infantil Os Calistos de Teo con “A Princesa Azul” e co terceiro, As fantásticas de Fisterra con “Blues do faro”. A respeito da modalidade xuvenil, o segundo premio recaeu en Noa de Vila de Cruces con “Agora son eu” e o terceiro, na banda Enxebres, tamén de Vila de Cruces, con “Sempre combativa”. Temas de marcado carácter social en que salientan a defensa da igualdade e a denuncia do machismo.

"O nivel das cancións foi altísimo e, do que temos certeza, é de que participar no Quero Cantar é unha experiencia única coa que gozan todas as nenas e nenos, unha festa que cada ano sorprende máis", sinalou Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, entidade impulsora do concurso, na súa intervención, en que apostou en "cantar en galego con normalidade, que é o obxectivo deste certame".

Cun Teatro Colón completo, a gala comezou coa intervención da banda María Fumaça que cantou algún dos seus emblemáticos temas  e contou coa presentación, a ritmo de regueifa, de Alba María.