TERCEIRO VOLUME DO RECOMPILATORIO 'GALICIAN BIZARRE'

Un radar para a música subterránea

Un radar para a música subterránea
A banda Travesti Afgano. O segundo pola esquerda é Rafa Anido. Foto: cedida.
A banda Travesti Afgano. O segundo pola esquerda é Rafa Anido. Foto: cedida.  

Por debaixo da brillante superficie musical existe outra vida. Seres que circulan polas marxes, propostas orgullosamente periféricas, sangue sonoro nutrido de manierismos de procedencia múltiple. Os discos recompilatorios Galician Bizarre levan case unha década funcionando como radar da música subterránea galega. O terceiro volume está a piques de aparecer.  
 


Antes de que a etiqueta “independente” virase en sinónimo dunha determinada -e difusa- corrente pop, significaba un xeito de facer as cousas. A el remiten os impulsores de Galician Bizarre. “Estes discos amosan a autoorganización das bandas de aquí”, explica Cibrán Tenreiro, membro de Esposa e un dos organizadores da iniciativa, “ao final, formamos unha escena, compartimos lugares, a aposta pola autoedición...”.

galician bizarre 3

É talvez ese o punto común sobre o que orbitan as 17 cancións que compoñen Galician Bizarre 3. A independencia. Porque esteticamente a variedade practicamente extrema é a regra. Entre o trap de Boyanka Kostoya -Konas titúlase a canción que achegan- e o pop bretemoso de Atrás Tigre -Abisal-, o catálogo recolle diversidade, pluralismo: o punk salvaxe e conciso de Lamprea Explosiva -Polok-, a electrónica cósmica de Pantis -Mar- ou a canción pop acelerada de Estrambote -Viajes en el tiempo.

“É que non se trata tanto do estilo das bandas como do que cada grupo busca ao facer música”, afirma Rafa Anido. Activista infatigábel do rock & roll indómito e minimalista, é o elo da cadea que xunta os tres tomos do Galician Bizarre. O primeiro publicouse en 2010, o segundo en 2012. A este terceiro, Anido contribúe con Catro anos máis, a bordo do seu proxecto actual, Travesti Afgano.

galician bizarre 2

“O das etiquetas musicais está ben para un artigo xornalístico”, considera, “pero esa división, a diferencia de noutros lugares, está desaparecendo na escena galega; as bandas están influenciadas por diferentes músicas”. Tenreiro concorda en parte. Ao facer memoria, lembra que no primeiro disco “había un núcleo duro de bandas” arredor de diferentes variedades do punk e o noise: Novedades Carminha, Telephones Rouges, Noise Project ou Los Santos. “Agora hai máis dispersión estilístistica, e a irrupción da electrónica, da neopsicodelia... E máis grupos directamente pop”.

As preocupacións dos compiladores, en todo caso, foron evoluíndo. “Queriamos máis bandas que cantasen en galego [lingua que comparte espazo con inglés e castelán] e termos a cuestión de xénero máis presente”, di Anido, “non conseguimos a paridade, pero hai moitas máis mulleres que nos anteriores”. En bandas como Biffanah, Atrás Tigre, Contenedor de Mierda, Esposa ou Oh! Ayatollah, por exemplo.

galician bizarre 1

Os 17 grupos que finalmente ocuparán o sucos de Galician Bizarre 3 derivaron dunha escolma de entre máis de 40. “Facemos unha música con influencias semellantes ás das bandas de calquera outro no mundo”, asume Tenreiro, “pero hai un filtro local, galego, non só na lingua senón tamén nas temáticas”. E, para concluír, resume os propósitos da obra: “Trátase dunha fotografía que non foxe de contradicións, nin ideolóxicas, nin estéticas”.

Micromecenado


O disco só aparecerá en vinilo e incluirá unha folla interior con textos e información. O deseño é de Óscar Raña. A tiraxe será de 500 copias. Progresivamente, o contido irá pendurándose en galicianbizarre.bandcamp.com. Finánciase a través do micromecenado, aberto ate o 22 de outubro. Haberá presentacións ao vivo.