LINGUA

RAG e Camões anuncian vías de colaboración permanente

RAG e Camões anuncian vías de colaboración permanente
Luís Faro Ramos e Víctor F. Freixanes, con Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Filipa Soares [Imaxe: RAG]
Luís Faro Ramos e Víctor F. Freixanes, con Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Filipa Soares [Imaxe: RAG]  

Os presidentes da Real Academia Galega e o do Camões Instituto da Cooperação e da Língua acordaron explorar vías de colaboración permanente e avanzaron a posibilidade de celebrar na Galiza un encontro centrado "nas literaturas galega e de expresión en lingua portuguesa".


Unha colaboración permanente é o obxectivo que onte marcaron en Santiago o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente do Camões Instituto da Cooperação e da Língua, Luís Faro Ramos. Ademais, na reunión entre os máximos responsábeis destas dúas institucións acadouse o compromiso de estudar a posibilidade de celebrar na Galiza un encontro centrado "nas literaturas galega e de expresión en lingua portuguesa".

Na xuntanza púxose en valor a relación histórica, cultural e literaria entre a Galiza e Portugal

Na xuntanza púxose en valor a relación histórica, cultural e literaria entre a Galiza e Portugal así como as ligazóns das propia Real Academia Galega co país veciño desde a súa fundación en 1906, contando con máis de medio cento de académicas e académicos correspondentes e de honra portugueses.

A xuntanza mantida co Camões, instituto dependente do Ministerio de Exteriores luso cuxo obxectivo é a difusión da lingua e cultura de Portugal por todo o mundo, van na mesma dirección de cooperación aberta que os acordos acadados coa Academia Brasileira de Letras (ABL).

No pasado mes de xaneiro, a RAG asinou na súa sede da rúa Tabernas da cidade da Coruña un acordo de amizade e colaboración coa entidade brasileira que tivo continuidade neste mes de xuño coa visita institucional de Víctor F. Freixanes ao Brasil, onde se encontrou co presidente da ABL Marco Lucchesi.

Acadouse o compromiso de estudar a posibilidade de celebrar na Galiza un encontro centrado nas literaturas galega e de expresión en lingua portuguesa

Freixanes apostou ante o pleno da Academia Brasileira de Letras por estreitar os lazos entre ambas as culturas e defendeu a irmandade do galego co portugués, unha relación na que considera que “o galego debe apoiarse para gañar proxección exterior".

Freixanes reclamou ademais na súa visita ao Brasil “unha estratexia ambiciosa” no educativo a responsábeis políticos, culturais e institucionais: “Temos que reivindicar o portugués nas escolas como lingua irmá. Non para substituír o galego, senón para apoiarnos nel cara á proxección exterior”. 

A reunión mantida entre os directores da RAG e o Instituto Camões tivo lugar no marco da celebración no Consello da Cultura Galega do Foro Inés de Castro, un encontro para avanzar as relacións entre a Galiza e Portugal no presente e futuro.

Tamén participaron da xuntanza o secretario da RAG, Henrique Monteagudo e a coordinadora de ensino portugués do Instituto Camões no Estado español e Andorra, Filipa Soares.