A RAG publica as cartas de Fernández Morales

A RAG publica as cartas de Fernández Morales
Presentación do volume no Bierzo (RAG)
Presentación do volume no Bierzo (RAG)  
O volume, que leva por título Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubí, recolle a correspondencia do pioneiro do Rexurdimento. 

A Real Academia Galega (RAG) tira do prelo un volume que recolle as cartas que Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817 - Cacabelos, 1896) lle escribiu a Mariano Cubí entre os anos 1847 e 1848. 

Estes documentos teñen un interese especial para a literatura galega, porque neles plasmou o poeta os primeiros versos que escribiu en galego, animado precisamente polo filólogo catalán. 

As composicións formarían logo parte dos Ensayos poéticos en dialecto berciano, unha obra pouco coñecida pero de gran relevancia no Rexurdimento, saída do prelo en 1861, dous anos antes que os Cantares gallegos de Rosalía de Castro

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o autor do volume editado pola RAG, o tamén académico Héctor Silveiro, presentaron o pasado sábado Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubí. Transcrición dun legado inaugural berciano do Rexurdimento no local social do Concello de Corullón. 

O acto enmarcouse no programa da xornada de entrega do II Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo en Sanabria, cos que a Academia colabora.

Textos "de carácter inaugural ou primordial"

Héctor Silveiro salienta a dobre importancia das cartas recollidas nesta publicación: “Teñen un carácter inaugural ou primordial, non só en canto a que se encadran entre os primeiros documentos coñecidos do proceso de recuperación da escrita en idioma galego, senón que presentan, ademais, a singularidade de estar escritos no galego do Bierzo, forma dialectal que non se prodiga nos textos literarios”. 

Este legado documental, custodiado no Museo do Bierzo, permaneceu no esquecemento até que foi divulgado no ano 2017, cadrando co bicentenario do nacemento do autor, efeméride que a Real Academia Galega celebrou na súa terra natal da man do Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e da Comisión Cultural Martín Sarmiento.

A lectura dos documentos permite asistir ao “momento preciso” en que Antonio Fernández Morales se pon a escribir na fala do Bierzo. Desde o comezo, as cartas foron acompañadas de composicións en verso que van ser “o xermolo do que hoxe é o Rexurdimento”.