REPRODUCIMOS A SÚA INTERVENCIÓN NA RECOLLIDA DO PREMIO

Raíces e ás, as grandes ferramentas de Xavier Queipo, premio Blanco Amor de Novela

Raíces e ás, as grandes ferramentas de Xavier Queipo, premio Blanco Amor de Novela
[Deputación de Ourense]
[Deputación de Ourense]  

De seguir, publicamos a intervención de Xavier Queipo, colaborador de Sermos Galiza, na recollida do premio Blanco Amor de Novela pola súa obra Os Kowa.


Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento que amolece as quebras da saúde e do ánimo, co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio como é o Blanco Amor. Vai pois o meu agradecemento sincero a Deputación de Ourense que rescatou in extremis a celebración deste galardón, tan importante para as Letras Galegas. Agradecemento asemade para os membros do xurado, por ter achado a miña novela merecedora de distinción e agradecemento, como non podía ser doutro xeito, para aqueles que me estiman e se senten igualmente agasallados.

Uns regresaron e outros non, que así son os vaivéns da vida cando un se acolle a tan insegura randeeira como é a emigración

Hai uns días botei a vista atrás para analizar a herdanza recibida daquelas xeracións que me precederan. Na familia houbo sempre unha tendencia migratoria importante, que se foi consolidando co tempo. Algúns fixeron unha migración dentro dos límites da Península, e chegados da Rioxa e do Ribeiro remataron por se coñecer en Compostela e fundar unha póla da miña familia directa, a menos viaxeira e máis negociante. Os outros, máis arriscados ou se cadra máis desesperados, logo de longas travesías fixaron a súa residencia en varios países de América: Chile, Arxentina, Brasil, Venezuela, Colombia, Cuba e México, para rematar os máis deles vivindo na Florida e mais en Nova York, eses desaugadoiros de latinos que queren ser iankees de primeira. Uns regresaron e outros non, que así son os vaivéns da vida cando un se acolle a tan insegura randeeira como é a emigración. Teño pois a herdanza migratoria, que non sei se irá nos xenes ou será puramente comportamental, de imitación do que outros fixeron antes. Levo case 26 anos en Bruxelas e a ninguén da familia lle asusta, pois sempre foi así, xentiña que emigraba e retornaba ou non.

Os membros comerciantes da familia abriran colmado de produtos ultramarinos en Compostela e por dúas xeracións traficaron, case sempre legalmente, con cacao traído da Guine e café do Brasil, uvas pasas de Corinto e turróns de Alacante, pasta de guaiaba importada de Cuba e té de mate para os retornados da Arxentina. Eses falaban galego e castelán con axilidade de felinos, pois o que eles querían era satisfacer aos clientes, que sempre teñen a razón e porén non compre mudarlle o rexistro lingüístico. Foron eles os que acolleron na casa a Daniel R. Castelao ou os que coñecían de primeira man a D. Ramón Otero Pedraio, os que atesouraban libros de Rosalía ou de Cunqueiro, de Cabanillas ou de Murguía. Deles herdei o bilingüismo harmónico, no que algúns acreditan e outros non. Eu non xulgo, mais a herdanza está aí.

Todos eles, dunha banda e mais doutra aprendéronme a ser galego, a lembrar as orixes, a saber de onde é que viña e de quen viña sendo

Todos eles, os viaxeiros emigrantes e os comerciantes chegados do interior falaban galego sen complexos cando a ocasión así o precisaba. Todos eles, dunha banda e mais doutra aprendéronme a ser galego, a lembrar as orixes, a saber de onde é que viña e de quen viña sendo.

Sen sabelo, déronme como herdanza dúas ferramentas que moito me ían servir na vida: raíces e ás. Raíces (ou raizames se o prefiren), para entender o próximo e ter un lugar no mundo como referente e ás, para saír polo mundo adiante a gañar o sustento dos meus, mais tendo sempre un ollo posto en Galiza, que é onde as raíces están. É coma se fose unha planta rubideira ou reptante, tipo hedra ou buganvílea, que sen deixar o contacto coa terra voan por riba das árbores máis outas ou dos valados que contornan a casa.

Raíces e ás, para sentirse galego e cidadán de onde se habita, para amar aos dous países, Galiza e Bélxica, non esquecendo nin de onde é que vimos, nin quen é o que en definitiva nos dá de comer

Raíces e ás, para sentirse galego e cidadán de onde se habita, para amar aos dous países, Galiza e Bélxica, non esquecendo nin de onde é que vimos, nin quen é o que en definitiva nos dá de comer. Outros terán e amarán sen dúbida a sorte que lles tocou de seres sedentarios, e non serei eu quen os envexe ou os deixe de envexar, mais eu recibín como herdanza esas dúas armas, raíces e ás, e non me podo queixar. Recibín tamén, e isto é algo que me foi transmitido como un tesouro, a capacidade de comezar cada día cantando, co son da música que todo envurulla facendo esquecer as desgrazas.

Gardo como un agasallo especial a aperta de Manuel María, que nun día de celebración da Festa da Patria Galega, apertoume coas minguadas forzas que non lle sobraban e díxome, “sigue así, rapaz”, e así é que eu sigo, escribindo e pondo nese labor o empeño de quen me precedeu na estirpe de loitadores por unha Galiza liberada.

Vou rematar, pois xa estarán cansos de discurso tan demorado.

Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado xa de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. Hoxe estou agradecido e aínda que mañá teño que deixar de novo o país para me reintegrar o meu traballo, levarei nas ás este pulo e este alento que hoxe vexo aquí reflectido nos seus ollos. Que sexan felices.