A Real Academia Galega ofrece na Rede 200 publicacións propias desde o ano 1906

A Real Academia Galega ofrece na Rede 200 publicacións propias desde o ano 1906
[Imaxe: RAG] Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo,Nélida Cosme e Juan Montenegro na presentación do portal
[Imaxe: RAG] Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo,Nélida Cosme e Juan Montenegro na presentación do portal  

O novo espazo web da Academia permite consultar todo o catálogo de monografías, composto por máis de 350 títulos, e descargar gratuitamente máis da metade. Sumase así ao portal das publicacións periódicas da RAG, tamén dispoñíbel na rede e que dá acceso aos 379 números do Boletín editados desde 1906, a Cadernos de lingua e La Tribuna, a revista de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

 


Milleiros de páxinas editadas pola Real Academia Galega desde o ano 1906 xa poden lerse na rede nun novo espazo web da institución, publicacions.academia.gal, concibido para facilitar non só a consulta aos usuarios e usuarias, senón tamén o acceso directo a un importante número de títulos. O portal permite consultar o catálogo de monografías propias saídas do prelo desde o ano da inauguración da institución até a actualidade, máis de 350 volumes, 200 dos cales están dispoñíbeis en PDF de descarga gratuíta.

O portal foi presentado nesta segunda feira en rolda de prensa polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario, Henrique Monteagudo; e os responsábeis dos departamentos de publicacións e informática, Nélida Cosme e Juan Montenegro. “Con esta nova web, a Real Academia Galega avanza no compromiso coa promoción do acceso universal ao seu patrimonio aproveitando as tecnoloxías da información e da comunicación”, salientou o presidente. A institución agarda aumentar proximamente o número de títulos propios dispoñíbeis na Rede.

Henrique Monteagudo salientou ademais as vantaxes desta nova plataforma, deseñada no marco do Public Knowlegde Project, que fornece de ferramentas de software libre para a publicación académica a universidades e centros de investigación de todo o mundo. “A nova web permite xestionar desde un único espazo tanto os envíos e as revisións dos textos antes da publicación, como a catalogación e a produción de PDF”, explicou.

A web ofrece, entre outros moitas monografías, os discursos de ingreso da Real Academia Galega de figura como Castelao, Antón Vilar Ponte, Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro; os volumes da colección sobre toponimia Terra Nomeada; as actas das Xornadas de Onomástica Galega dedicadas aos alcumes, a microtoponimia e os nomes propios ou as antoloxías sobre as Irmandades da Fala.

A nova web súmase á das publicacións periódicas da RAG, que dá acceso aos 379 números do Boletín editados dende 1906, a Cadernos de lingua e La Tribuna, a revista de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.