CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

A rebelión do home can

A rebelión do home can
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

DOGMAN

(Italia-Francia 2018, 103 minutos). Dirección: Matteo Garrone; Guión: Ugo Chiti, Matteo Garrone, Massimo Gaudioso; Fotografía: Nicolai Brüel; Música: Michele Braga; Elenco: Marcello Fonte, Edoardo Pesce, Nunzia Schiano, Adamo Dionisi, Francesco Acquaroli, Alida Baldari Calabria

SINOPSE

Marcello rexenta unha perruquería para cans nos arrabaldes de Roma. É un home modesto que engade uns cartos extra cun pequeno negocio de droga. Un matón local chamado Simoncino ten dominado o pobre Marcello, pero a paciencia de Marcello ten límites.

CRÍTICA

Como fixera en O taxidermista (2002), Matteo Garrone válese dun suceso real, desta volta acontecido a finais dos 80, para despregar un intenso drama de personaxes ao que engade thriller e certo ton a cinema etnográfico.

Marcello (Marcello Fonte) é un homiño que rexenta unha perruquería para cans chamada Dogman. Marcello é un miñaxoia, un coitado. Un tipo enxoito, de carácter prestábel que ten sempre un sorriso babeco nos beizos. Porén, o único que semella facelo verdadeiramente feliz son os cans e a súa filla pequena. Como co negocio da perruquería non dá para moito, saca un sobresoldo pasando droga portas dentro da tenda. Simoncino (Edoardo Pesce) é un dos seus clientes habituais. O matón do barrio. Un mangallón que mete medo só con miralo, acostumado a utilizar a intimidación e a violencia para conseguir todo o que se propón. Con Marcello non fai unha excepción... De feito fai un bullying de manual: bate nel, insúltao e manipúlao ao seu antollo.

Malia todo Marcello permanece canda el cun sorriso, como se non pasase nada... case que se pode intuír que menea o rabo. O título de Dogman xa vai cobrando sentido. Non só é o título da perruquería de can, Marcello compórtase coma un verdadeiro can, un “home-can” para ser exactos. E Simoncino sería o dono, un dono que o maltrata. Pero claro, até un can ten os seus límites... e o que acaba facendo Marcello con Simoncino deu para escribir unha páxina na crónica negra italiana. Iso si, a adaptación que fai Garrone é bastante libre.

Inicialmente o rol do “home-can” foi ofrecido a Roberto Benigni (A vida é bela) pero rexeitouno e acabou recaendo en Marcello Fonte, un actor semi-descoñecido que logra un mimetismo tal coa súa personaxe que temos a impresión de que non se trata dun actor, senón de alguén descuberto na rúa para facer ese papel. Probabelmente é o mellor que se lle pode dicir a calquera que se dedique á interpretación... Por este rol recibiu o recoñecemento merecido do Premio a Mellor actor en Cannes, festival onde o elenco canino tamén acadou o chamado “Palm Dog”, un simpático galardón que outorga o Festival de Cannes aos filmes onde os cans teñen presenza destacada. En Dogman leva a palma o chiguagua pola escena do conxelador. Marabilloso. Inclusuve logra eclipsar a Marcello Fonte... Pero, ollo, que tamén Edoardo Pesce fai unha salvaxe interpretación do besta de Simoncino.

Dogman destaca sobre todo polo tour de force entre os actores principais, pero tamén pola fotografía e porque se logra apreciar, por fin, unha dirección madura acorde ao talento que se lle presupón a Garrone desde hai anos pero que non acababa de callar de todo (véxase a interesante, pero falida, Gomorra). Aquí, ademais de atopar a súa propia voz como cineasta, consegue un xenial paralelismo entre as relacións humanas e os animais abrindo un universo de posíbeis lecturas e diferentes significados. Moita atención á críptica secuencia final...

Turbia, violenta, realista, traxicómica, tenra e até cun puntiño de terror psicolóxico. Dogman é unha xoia en bruto altamente recomendábel para quen guste da frase (de Diógenes): “canto máis coñezo a xente, máis quero o meu can”.



x