PRESENTADAS AS ACTIVIDADES DO CENTENARIO

Reclaman o consenso para a lingua nun acto das Irmandades

Reclaman o consenso para a lingua nun acto das Irmandades
Presentación da programación do Centenario das Irmandades
Presentación da programación do Centenario das Irmandades  

Nun acto conxunto de varias institucións para presentar as actividades do Ano das Irmandades, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, reclamou que “este consenso para celebrar o centenario das Irmandades da Fala se traducise no consenso para defender a normalización da nosa lingua”.


Neste acto, no que estaban os máximos representantes da Consellaría de Cultura, a Real Academia Galega, Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega e Deputación de Pontevedra, ademais da propia Sanmartín,  presentouse a programación completa dun Centenario onde brilla a implicación dalgunhas institucións e a escasa doutras, sobre todo en comparación coas actividades presentadas para o Centenario de Camilo José Cela e o 150 aniversario de Valle-Inclán

Estas serán as actividades e as datas clave deste centenario: 

- 18 demaio: Acto conmemorativo da creación das Irmandades na Coruña (RAG e Concello da Coruña)

- 18 de maio: Inauguración da exposición 'Saúde e terra, irmá(n)s!' na Coruña (Deputación da Coruña, Museo do Pobo, RAG e outros). Logo itinerará por todo o país.

- Xuño-decembro: Ciclo de mesas de debate (RAG)

- Outubro: mostra panorámica da memoria documental e bibliográfica do galeguismo ourensán (Arquivo Histórico Provincial de Ourense)

- Outubro: Seminario “As nacionalidades na Europa de entreguerras (o contexto internacional das Irmandades”) (CCG)

- 17-19 novembro: Simposio “Repensando Galicia: As Irmandades da Fala 1916-1931” (Museo do Pobo)

- 2017: Expo “As sociedades corais nos tempos das Irmandades” (CCG)

- 2017: Seminario “Cultura e política na España do primeiro terzo do século XX” (CCG)

- 2018: Expo “Alba de Gloria: sobre a “simbólica nacional galega” (CCG)

- 2018: Seminario “Galicia-América, unha viaxe de ida e volta” (CCG)

- Web: O CCG poñerá en marcha a web das Irmandades e o Álbum das Irmandades, con biografías dos seus principais protagonistas. 

- Web: A Biblioteca de Galicia (Xunta) creará un novo micrositio en Galiciana sobre as Irmandades

- Web: a RAG dixitalizará e poñerá a disposición pública fondos relacionados con este tema na súa web

Asemade, o deputado da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, presentou a iniciativa pola que os pasos de peóns de vilas e cidades lucirán frases conmemorativas das Irmandades da Fala, con deseño das firmas Rei Zentolo e Caramuxo. Leal puxo a dispor dos concellos e das tres deputacións os moldes  que permitirán que estradas e rúas celebren tamén o centenario das Irmandades. 

Consenso  para o galego

Era difícil que non saíra a relucir o conflito lingüístico se o tema eran as Irmandades da Fala. Mentres o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou o papel fundamental das Irmandades “no cultivo do galego, no seu afán de dignificar a lingua, logrando que fose un idioma plenamente actual e útil naquela sociedade do primeiro terzo do século XX”; a vicepresidenta da Deputación da Coruña reclamou a volta ao consenso na normalización da lingua. “A partir das Irmandades xa non vai ser posíbel defender o galego en castelán. Con este movemento naceu a vontade de nos dotar de instrumentos políticos propios, de contribuír desde o cultural, artístico, teatral ou cultural até os ámbitos máis populares á normalización da nosa lingua”, defendeu Goretti Sanmartín.