UNHA ESCOLMA DO PAPEL: CONVERSA CON PINTO D'HERBÓN

"A regueifa sempre foi poesía rabuda"

"A regueifa sempre foi poesía rabuda"
Pinto d'Herbón
Pinto d'Herbón  

Rapeiro, regueifeiro e agricultor. O Pinto d'Herbón responde á chamada de Sermos Galiza mentres esfolla o millo. O seu nome deu sona a unha das expresións máis senlleiras da cultura bravú: a regueifa. Dúas décadas despois daquel movemento cultural, as súas amizades réndenlle homenaxe.


-Recibes unha homenaxe este sábado 25 como unha figura chave da cultura bravú. Como senta?

-É unha cousa que me encanta, que vén dos compañeiros que comezamos hai 20 anos coa andaina do bravú. Fixémolo porque tiñamos cousas que dicir. Estabamos cansos de ser os da confraría dos caladiños porque nacemos humildes e seica non podiamos falar, só podían facelo os que eran de boa familia. Eramos xente nova, con inquedanzas. Que despois de 20 anos che recoñezan estas cousas, a min agrádame, evidentemente.

-A regueifa é unha disciplina que versa precisamente diso, de non calar...

-É poesía irreverente. A regueifa sempre foi unha poesía rabuda para defenderte por medio da lingua dos ataques que recibes do contrario. Mais só podes usar a lingua. Eu antes de coñecer o bravú facía algo de improvisación mais non sabía o que era isto da regueifa. Despois souben que era unha disciplina propia do país, que tiña moito auxe pola comarca de Bergantiños e, a partir de aí, seguín. Dinme a coñecer, fun coñecendo a máis xente e outra comezou a improvisar. Así comezamos cos obradoiros da regueifa polos colexios.

-Como responde a rapazada neses obradoiros?

-Queda abraiada. Estamos no mundo da tecnoloxía mais os rapaces botan 2 e 3 horas cavilando para sacar adiante as probas que nós lles pomos. Isto é unha cousa máxica. Seguimos con isto porque funciona, mais tamén porque os rapaces gostan e participan cunha ledicia espantosa, como din os portugueses.

-Dis que ao comezo a regueifa era unha grande descoñecida. Após 20 anos cal é o seu estado de saúde?

-Agora estamos sacando rapaces novos. Hai moitas actuacións. Chámannos asociacións de veciños, asociacións culturais, colexios, comisións de festas... O que acontece é que a min nas festas non me gusta. Enriba do palco dunha festa a min non me presta. Non é a mesma historia. A regueifa ten un sitio e non se pode mesturar con outras cousas, que xa me dixo miña nai que mesturar era mao.

-É a taberna o seu espazo natural?

-Centros culturais e tabernas. Mais a taberna é onde mellor funciona porque alí hai gasolina. E coa gasolina o motor encende, entendes? [Ri]. Tamén nos chaman para ir a vodas. O centro de saúde da regueifa eran os casamentos. Aí naceron. A regueifa era o pan que se servía como pote nas vodas. Comezaban os improvisadores e o que quedaba coa última copla era o que repartía a regueifa. Era unha especie de mettre.

-Hai 20 anos levaches, acompañado de Manu Chao, a regueifa até Francia. Como era a acollida?

-Quedaban coa boca aberta. Ao mellor non me entendían pero reflexaba a miña ollada nalguén e botáballe unha copla e cantaban o lalalailo. A onomatopeia si que a entendían. A xente quedaba entusiasmada. Explicábanlles, ademais, en francés que aquilo era unha cousa propia da cultura do noso país. Tanto en París como en Lyon foi apoteósico. Iso si, foi despois de tomar a queimada.

-Despois deste tempo, que queda de todo aquilo?

-A bravura aínda queda aí, tamén o sentimento pola terra. Isto é unha leiriña que botou xérmolo ao seu debido tempo e agora é unha planta forte. Agardo que, embora sermos poucos, esa fortaleza perdure e continúe para adiante. Comezou Rosalía e nós temos obriga de continuar o camiño. Esta terra é nosa e, polo tanto, temos que defendela. 

Esta entrevista apareceu no Sermos nº119, publicado a 23 de outubro de 2014. 



x