CRÍTICA DE CINEMA

O rei león, máis real que nunca, por Andrés Castro

O rei león, máis real que nunca, por Andrés Castro
Fotograma de O rei león.
Fotograma de O rei león.  

The Lion King

(EUA 2018, 118 min.)

Dirección: Jon Favreau

Guión: Jeff Nathanson

Fotografía: Caleb Deschanel

Música: Hans Zimmer

SINOPSE

O cachorro Simba está destinado a herdar o reino de Mufasa, pero o seu tío Scar, coa axuda das hienas, urdirá un plan para que iso nunca aconteza.

CRÍTICA

101 dálmatas (1996 Stephen Herek), Alicia no país das Maravillas (2010 Tim Burton), Cincenta (2015 Kenneth Branagh), O libro da selva (2016 Jon Favreau), A bela e a besta (2017 Bill Condon), Dumbo (2019 Tim Burton) ou Aladdin (2019 Guy Ritchie) son algúns dos remakes de filmes clásicos de animación Disney pasados a imaxe real nos últimos anos. Unha estratexia netamente comercial baseada en contratar un director famoso de renome (Stephen Herek érao cando o contrataron) para que “actualice” un filme de encargo nunha sorte de remasterización dixital con estrelas de Hollywood.

O remake de O rei león, dirixido por Jon Favreau, non é unha actualización a imaxe real propiamente dita. É un filme de animación feito íntegro con tecnoloxía CGI de estética híper realista cunha técnica que Favreau xa probara para O libro da selva, un par de anos antes, e que agora perfecciona até cotas nunca antes vistas. O certo é que un servidor quedou pampo. Se os animais non falaran pensaría que estaba vendo un documental de La 2. Mesmo, aínda que non o pareza, as paisaxes están xeradas por ordenador. Impresionante... moi impresionante.

Malia non ter caras visíbeis si ten é unha morea de estrelas poñendo voz ás personaxes. Na versión inglesa están: a cantante Beyoncé, Donald Glover (Han Solo), Seth Rogen (The Interview), Chiwetel Ejiofor (12 anos de escravitude) ou James Earl Jones (Conan), a voz orixinal de Mufasa na versión de 1994. Do filme orixinal tamén repiten Elton John nas cancións, Tim Rice nos arranxos líricos e Hans Zimmer na banda sonora.

Aínda que as comparacións son odiosas, é imposíbel non facelas. De feito saltan á vista. O filme de Favreau é case un calco, plano por plano, do filme animación dirixido por Rob Minkoff e Roger Allers. E digo “case” porque si ten cousas diferentes. Poucas pero as ten... A máis evidente é o ton terrorífico que lle deron ás hienas (que realmente meten medo) e logo cousas mínimas: pequenos arranxos nas cancións, cambios nos nomes dalgún personaxe, algún plano máis alongado e aparecen máis especies de animais...

Mesmo guión, mesmos diálogos, mesmas cancións... A verdade é que non se molestaron moito en facer algo distinto. Basicamente o mérito, que non é pouco, foi facer que todo parecese real: desde as paisaxes, os movementos dos animais, os cabelos, os ollos... Todo está coidado até o máis mínimo detalle. Iso si... nin rastro de xenitais.

Moitos e moitas preguntaranse que necesidade haberá de reconverter os filmes de debuxos a pelis de acción real. Que manía, non?... Sobre todo cando son pelis que xa estaban ben tal e como estaban. A resposta é bastante sinxela: diñeiro fácil. O rei león (2019) é xa a película de animación que máis cartos fixo na billeteira na historia; e aínda continúa en carteleira. Pode molestar, pero se están forrando a base de copiarse a si mesmos.

Disney sempre xoga sobre seguro. E desta volta o seguro era dobre: as crianzas e os adultos nostálxicos. Todo o mundo sabe que os nenos e as nenas son fonte inesgotábel de ingreso. Como mínimo son 2 entradas que, normalmente, van acompañadas por flocos de millo, chuches e bebidas. Pero é que aquí tamén hai que sumar aos pais e nais (e adultos en xeral) que quedaron marcados por O rei león (1994) cando eran pequenos e que agora acudirán con moitísimo gusto a esta actualización estilo National Geografic con animais falantes. Se polo menos non cantaran...

En fin... a máquina de facer cartos está a pleno rendemento así que prepárense porque esta moda vai seguir por moitísimo tempo. Polo de pronto o ano que vén Disney xa ten anunciados os remakes de Mulan, A sereíña e Pinocho.