MANIFESTO DA AELG NO ANIVERSARIO DA POETA

Reimóndez, en nome das escritoras: “Precisamos todo o que foi Rosalía de Castro”

Reimóndez, en nome das escritoras: “Precisamos todo o que foi Rosalía de Castro”
A escritora María Reimóndez.
A escritora María Reimóndez.  

A escritora e novelista María Reimóndez (Lugo, 1975) foi a encargada de redactar o manifesto da Asocación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega polo Día de Rosalía de Castro. “Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro”, proclama.
 


O texto, unha defensa da ollada libertaria e libertadora da poeta, difúndese no aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro de 1837. “Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento de vento que as abra de vez”, di Reimóndez, “nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento”. “Ela é o refacho”, engade.

O chamado da autora do Clube da calceta (2006) é á apertura de xanelas para así ver “a muller, a escritora, a irredutible” que décadas e décadas de lecturas, intepretacións e manipulacións velaron. “Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela”, afirma, antes de considerar Rosalía de Castro “o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos”.

Actividades no ensino

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua tamén propón unha serie de actividades para o Día de Rosalía dirixidas aos centros de ensino “ideadas a partir do manifesto” de María Reimóndez. Da elaboración de fiestras con “algún elemento iconográfico” da poeta á confección de pequenas pezas audiovisuais sobre “a obra ou figura” de Rosalía que contribúan a “crebar os muros herméticos e escuros que noutro tempo a silenciaron”.

Amais, a AELG lembra outra das iniciativas que, co gallo do Día de Rosalía de Castro, vén promovendo desde o ano 2011: levar aos plenos dos concellos mocións para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. Ate o momento fixérono 51 municipios.