GALIZA NO MAPA

O Reino da Galiza no mapamundi de Salustio

O Reino da Galiza no mapamundi de Salustio
Estamos diante dunha cartografía do século XV, recollida nuns comentarios a unha versión dos traballos do historiador Salustio e que se sitúa na liña dos mapas que naquela altura se estaban a elaborar en Europa. Alén doutras consideracións de orde xeográfica, signifícase por presentar máis unha vez a Galiza como unha realidade política diferenciada no ámbito peninsular. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza.

é moi escasa a información coa que contamos arredor deste mapamundi. Incorporado a un conxunto de manuscritos de 1420, onde se conteñen unha serie de indicacións para ilustrar A conxura de Catilina e A guerra de Iugurta do historiador Salustio, recolle unha serie de ilustracións do mestre de Bedfor, un artista e iluminador residente en París, así como de varios operarios do  seu obradoiro, entre eles Jean Lebegues. Aínda que nalgún momento se lle adxudicou a autoría deste mapa a Bedfor, autor do Libro das horas do rei galego Xoán de Lancaster, a opinión xeneralizada actualmente é que se trata dunha obra anónima. Propiedade da familia Petau ao longo do século XVII, á volta de 1720 foi mercado en Xenebra por Ami Lullin, que remataría por doalo á Biblioteca de Xénova.

Sen tituloO mapamundi, dunhas dimensións de 31,5 por 22 centímetros, é coñecido como “Mapa do código suízo de Salustio”. A obra deste historiador e político romano do século I antes de Cristo acadará relevancia ao longo do século XV, onde os seus traballos se considerarán como un modelo de prosa, canda os de Tácito, até o punto de influír decisivamente nos escritos de Bruni e Poliziano. A conxura de Catilina non  deixa de ser un axuste de contas co grupo político ao que estaba enfrontado; porén, destaca polas súas descricións do comportamento das clases dirixentes romanas, nunha clara aposta na lei, a orde e un rearme moral. Pola súa banda, A guerra de Iugurta representa unha valiosa monografía sobre este conflito, botando man de diversos materiais que acumulou na súa etapa como gobernador de Numidia, denunciando, nesta ocasión, a debilidade do senado e da aristocracia. 

Influída por Ptolomeo

A concepción cartográfica presente no traballo estará influída, ao tempo, pola obra de Ptolomeo e os portolanos da escola catalá. A produción de Ptolomeo volverá ser valorada en Occidente após a tradución de parte dos seus textos ao latín en 1406, deixando pegada nalgúns dos máis importantes xeógrafos da época como Pirrus de Noha ou Andrea Bianco, onde Galiza ocupa un lugar de destaque.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]