O Reino de Galiza exponse ao público en Lugo

O Reino de Galiza exponse ao público en Lugo
.
.  

A mostra “Galiza, nun tempo de seu” achega ao público ao esplandor da Galiza Medieval e aos acontecementos que definiron a nosa historia nos séculos XIV e XV no Museo de Lugo. 


“Galiza, nun tempo de seu” percorre a Galiza medieval a través fundamentalmente de tres momentos cruciais para a nosa historia. Na primeira parte da mostra, o público achégase á liñaxe dos Castro á fronte do Reino de Galiza, na segunda, nos movementos irmandiños do século XV e, finalmente, a exposición explica a resistencia á monarquía dos Reis Católicos, con destaque para a figura de Pardo de Cela. Estas tres partes exporanse logo no Pazo de Tor, no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, e no Museo do Mar de San Cibrao. 

“Estamos aquí – continuou o delegado- impugnando tamén aquelas versións eurocéntricas das correntes progresistas que deron en dividir aos pobos entres aqueles que tiñan e non tiñan historia para rescatar eses mil anos nos que por diante nosa, nos paneis, pasa, percorre de Idacio, o Bispo de Chaves, Paulo Osorio, San Martiño de Dumio, os Traba, con Don Pedro Froilaz á cabeza, Xelmírez, Alfonso VIII “O Emperador”, Martín Códax e os autores daquela grandísima literatura, os resistentes como Inés ou Pedro de Castro, os Lemos auténticos, ao fin o que importa as galegas e os galegos do común de onte”, sinalou na inauguración da mostra o Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro que participou do acto xunto con Carme Vilariño, membro da ASPG responsábal da mostra e os coordinadores Marcos Maceira e Fran Rei. 


Ciclo de conferencias 

 
“Porque temos historia, temos futuro e sobre esa historia de pobo ceibe que viviu libremente ao longo da Idade Media restauraremos un día a soberanía que tivemos e que volveremos a ter co exemplo dos nosos rebeldes como o Mariscal Pardo de Cela, Pedro de Madruga, o vello conde de Lemos, Rodrigo Álvarez Osorio,o novo Conde de Lemos, que toma Ponferrada en contra da vontade rexia, Constanza de Castro, filla de Pardo de Cela, sublevada e despois morta envelenada no castelo de Caldaloba, Beatriz de Castro, a outra filla do grande mariscal que litigaría pola memoria do seu pai contra o poder rexio, Alonso de Cabarcos ou Pedro de Bolaño, xenro do Mariscal, Señor de Torés e Burela, un dos tres grandes pedros de Galiza, que dixo Murguía con Pardo de Cela e Pedro Madruga”, defendeu Mario Outeiro no fin da súa intervención no acto de inauguración. 

A mostra compléase cun ciclo de conferencias arredor da idade media que se desenvolverán no propio Museo de Lugo ás 20 horas os días 9, 10 e 11 de decembro “O Reino necesario” será o título da conferencia de Camilo Nogueira o 9, “Galiza, un país con clase dirixente: a perspectiva e alternativa galega na crise peninsular e Europa na segunda metade do século XIV”, o 10 e  “O periodo de normalidade da lingua galega” pechará o ciclo o 11 con Xosé Ramón Freixeiro Mato.