GALIZA NO MAPA

O reino de Galiza nun mapa veneciano de 1453

O reino de Galiza nun mapa veneciano de 1453
O mapa de Leardo é unha cartografía da primeira metade do século XV da que chegaron a nós tres versións con escasas diferenzas. Elaborado na Península Itálica, garda semellanzas con outros traballos producidos nesa mesma área, moi influídos pola concepción de Ptolomeo e pola nova liña iniciada polo xeógrafo xenovés do século XIV Pietro de Vesconte. Eis un extracto da peza publicada no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza.

M_6_MapaA cartografía de Giovanni Leardo chegou a nós en tres versións moi semellantes. A máis antiga delas data de 1442 e consérvase actualmente na Biblioteca de Verona; unha segunda, neste caso realizada en 1448, está custodiada no Museo de Vicenza, e unha terceira, propiedade da Sociedade Xeográfica Americana e depositada na Universidade de Wiscosin, elaborouse en 1452 ou 1453.

Será precisamente esta última copia, mercada en 1906 polo presidente Sociedade Xeográfica Americana, Archer Huntington, a que empregaremos aquí por tratarse da versión máis actualizada, até o punto de ser considerada o mapa político máis preciso da Europa do momento, chegando mesmo a superar o Atlas catalán de 1450.

O mapa de Leardo, o máis antigo do grande arquivo cartográfico da Universidade de Wiscosin, presenta unhas dimensións de 73 por 60 centímetros, destacando polo seu colorido e luminosidade. Os dados biográficos que coñecemos de Giovanni Leardo son escasos.

Nado en Venecia nas primeiras décadas do século XV, significouse como xeógrafo e cosmógrafo, aspecto este acreditado nos seus mapas e que nos fai pensar no seu labor como navegante. O seu traballo cartográfico é debedor das concepcións de Ptolomeo, estando ao tempo influído por algúns autores que o precederon e polos portolanos cataláns.

A produción de Ptolomeo volverá ser valorada en Occidente após a tradución de parte dos seus textos ao latín en 1406, ficando a pegada dos portolanos cataláns na na información detallada que presenta a obra de Leardo para fixar os contornos das diferentes áreas costeiras e determinar as grandes liñas comerciais do momento. As semellanzas da cartografía do veneciano con outros traballos da época son evidentes, destacando as similitudes cos mapas de Albertin de Virga, de Andrea Bianco ou Frei Mauro e os anónimos de Borgia ou de Vinland.

[[Podes ler a información íntegra no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]