SEGUNDA FEIRA 17 DE DECEMBRO

Reixa e Atxaga len poemas na Coruña

Reixa e Atxaga len poemas na Coruña
Os poetas Antón Reixa e Bernardo Atxaga (dereita). Foto: Ciclo Poetas Di(n)versos.
Os poetas Antón Reixa e Bernardo Atxaga (dereita). Foto: Ciclo Poetas Di(n)versos.  

O ciclo Poetas Di(n)versos 2018 remata esta segunda feira, 17 de decembro, con dous escritores de máximo relevo: o vasco Bernardo Atxaga e o galego, de Vigo, Antón Reixa. A súa lectura será ás 20.30 horas no Centro Ágora da Coruña.
 


Atxaga (Asteasu, 1951) é un dos máis coñecidos autores de Euskal Herria. Poeta, autor de letras de cancións e novelista, parte da súa obra narrativa -adoito cun pé na fantasía e outra na dura realidade sociopolítica do seu país- atópase traducida ao galego: Obabakoak (Faktoría K, 2008; orixinal de 1989), Sete casas en Francia (Faktoría K, 2009) ou O fillo do acordeonista (Xerais, 2004).  

A súa poesía, coa que se deu a coñecer como membro do grupo Pott a finais dos 70, é herética, transxenérica. Etiopía (1978) ou Poemas & Híbridos (1990) forneceron ademais de letras os repertorios de importantes músicos, por caso os de Jabier Muguruza, Ruper Ordorika ou do totémico Mikel Laboa.

Canda Atxaga estará Antón Reixa (Vigo, 1957). O híbrido e liminar Michigan / Acaso Michigan (Xerais, 2018) é a súa última obra. Nela relata, cunha escrita sabotada de poesía, os 18 días que pasou en coma durante 2016. Mais a súa relación cos poemas, o spoken word e formas singulares de rap vén de lonxe.

Cantante dos imprescindíbeis Resentidos, ao tempo foi elaborando unha singular, impactante e insurrecta obra poética en títulos como As ladillas do travesti (Rompente, 1979), Historia do rock & roll (USC, 1985), Ringo Rango (Xerais, 1992) ou Algo raro pasa raro (La Oficina, 2015).

Na derradeira sesión de Poetas Di(n)versos, que organiza o Concello da Coruña e dirixie a poeta Yolanda Castaño, “unha libraría de proximidade” porá a venda os libros dos convidados, que ademais asinarán exemplares.