ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL, ESCRITORA

"A relación entre a música e a literatura aínda ten campos por explorar"

"A relación entre a música e a literatura aínda ten campos por explorar"
[Foto: Mario Regueira] Rosalía Fernández
[Foto: Mario Regueira] Rosalía Fernández  

Até hai un par de anos a traxectoria de Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) estaba cinguida á poesía, sen que por iso esta deixase de manter camiños abertos a outros ámbitos. Dan boa mostra diso as referencias musicais dos seus primeiros libros (En clave de sol, 2009 e Átonos, 2012), a perspectiva escénica dunha poesía con lazos dramáticos (Vinte en escena, 2012) ou a proposta performativa que aparece en obras como Contra-acción (2016), obras individuais que se completan con proxectos colectivos, fusións artísticas e colaboracións nas que a presenza e o corpo acaban por tomar un protagonismo pouco habitual. Algo que tamén aparece no ensaio Aulas sen paredes de 2016 e que, dalgunha forma, acaba por filtrarse en Bonus track, o seu primeiro proxecto narrativo, editado por Galaxia. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 293.


3Ves dunha traxectoria na que te dedicaches sobre todo á poesía, ás veces con algunha relación coas artes escénicas. Que significa para ti dar este salto á narrativa que fas con Bonus Track?

Foi algo bastante natural, poderíamos dicir que foi case como “estender o poema”. Non o concibo tampouco como un libro de relatos no sentido convencional ou canónico. É algo que ten un formato de relato pero que para min nace en relación co poético e tamén, en certo sentido, coa performance e con outras artes. Refírome á “extensión do poema” porque penso que este libro parte do diálogo con outras disciplinas. Non se trata de adoptar as regras clásicas da narrativa, senón de coller algunhas delas e tomar outras doutros eidos. Son contos que non encaixarían nunca nos famosos decálogos sobre como construír un relato. Non porque me sitúe nunha confrontación subversiva a respecto deles, senón máis ben porque me relacionei con esas regras desde unha perspectiva lúdica, como nunha especie de xogo.

Na obra aparecen Narf, Berrogüetto, Mercedes Peón... Tamén unha certa teoría sobre a música galega, cal é a túa perspectiva sobre isto?

Se tivese que definir a miña identidade falaría da lingua, do vínculo afectivo e tamén do musical. E aí hai un abano case infinito, desde a muller que sacha ou fai o liño mentres canta unha canción, no ámbito máis puramente popular, até a vangarda que representa Mercedes Peón, pasando polo pop e todos os estilos que hai no medio. Se tivese que definir os meus principios ético-estéticos podería ilustralos referíndome a Berrogüetto ou a Mercedes Peón e o que representan: temos unha raíz impresionante da que temos que nutrirnos, pero hai vangardas e camiños de experimentación que nos poden abrir xanelas que nos fagan avanzar. Admiro moito esta filosofía, algo que está xa no Máis Alá de Manuel Antonio. Mostrar como se pode pasar do folc ao jazz, ou bater un sacho cunha pedra, samplealo e levalo a Woodstock representan en gran medida a miña idea de país.

Pensas que existe unha relación fluída do mundo literario coa música galega?

Penso que podería ser máis, aínda que hai casos nos que esa relación funcionou moi ben. Narf foi un exemplo perfecto, tamén A Banda da Loba e algúns grupos e músicos máis. Porén a relación máis prototípica ou á que estamos máis acostumados é que desde a música alguén tome e adapte un poema para facer a canción. Isto é algo que está ben, pero boto a faltar que exista unha colaboración na que os dous ámbitos estean ao mesmo nivel. Hai exemplos disto, claro, penso en Rosalía XXI, en Anxo Angueira con Guadi Galego e Abe Rábade, que denotan que no noso país hai unha maior aposta nisto que noutros ámbitos próximos. Porén, se cadra temos unha perspectiva excesivamente epistemolóxica. Por que non podería eu, desde a literatura, escribir como un músico toca unha peza? Pode que aí haxa algo por explorar.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 293, á venda na loxa e nos quiosques]



x