ANTÓN DOBAO, ESCRITOR

“O relato esixe exactitude, contención e disciplina literaria”

“O relato esixe exactitude, contención e disciplina literaria”
Antón Dobao
Antón Dobao  

O escritor Antón Dobao presenta en Compostela o seu novo libro, As ilusións estrañas (Editorial Galaxia). Será esta quinta feira ás 20:00 na Libraría Cronopios. 


Escritor, guionista e director de cine, Antón Dobao volve á narrativa co libro As ilusións estrañas, un conxunto de trece relatos nos que o autor descobre o lado oculto do cotiá, a face extraordinaria, por veces desacougante, que se agocha nas aparencias. Regresa ao relato seis anos despois de publicar Incertos, un libro no que iniciou unha liña literaria que convida a unha lectura desasosegada da realidade. 

-Os relatos de As ilusións estrañas recrean o mundo da aparencia, dunha realidade normal na súa cotidianeidade que desemboca en episodios desacougantes. 

A ilusión é unha palabra polisémica que reflicte ben o que conta o libro. Fai referencia efectivamente a esa primeira aparencia que ten a realidade, con moitas capas das que se ve só unha, fai referencia á ilusión óptica coa que os nosos sentidos se enganan e tamén á fantasía. Na miña escrita hai unha reflexión arredor da necesidade de tomar contacto co que está máis alá da aparencia, do que vemos. 

"Na miña escrita hai unha reflexión arredor da necesidade de tomar contacto co que está máis alá da aparencia, do que vemos". 

-Pareceume que moitos dos relatos cuestionan esa imaxe de estabilidade que ofrecen a familia e a parella, que sitúa no punto de mira de varias das historias. 

Non sei se tanto a parella e a familia, senón todas as institucións que, dalgunha maneira, nos determinan e condicionan e condicionan a nosa visión. Tamén está o punto de vista desde fóra, observamos e vemos xente normal, mais detrás desa normalidade existe outra realidade. O ser humano é difícil de captar, de constrinxir, de institucionalizar ao cen por cen. Queda unha fase que reborda por algún lado, que foxe, ás veces en positivo e outras con grande violencia. Vivir en sociedade implica ese conflito, a contradición entre as pulsións individuais e colectivas. Hai múltiples dimensións do ser humano que están xogando, ás veces nas marxes, na oposición a esa constrición institucional. 

-Ese conflito pode estar na raíz do desacougo que produce a lectura dos seus relatos? 

Vivir leva consigo esa angustia. A propia vida implica ese desasosego e esa é parte da súa grandeza. Non é algo previsíbel, escapa aos controis. Temos capacidade de controlar as nosas vidas, mais iso non impide vivir un certo abismo, con sensacións polo que non está na nosa man. 

-”Acabo de ter nun intre a tentación de asasinarvos”, di un dos personaxes “Xa o sei. Ambos somos humanos” lese a continuación. É o exemplo radical dese conflito?

Máis do asasinato en si, do que se trata nese caso é dunha reflexión sobre o poder. Nese diálogo un dos personaxes representa unha importante acumulación de poder e o outro non e aí se explicita esa posibilidade. A morte e o poder están presentes e nesa vontade do asasinato mestúranse os dous. A morte aparece como algo consubstancial ao ser humano, forma parte de nós e está ao noso redor. 

-O desacougo vén tamén de comprobar como o accidente, o azar ou a casualidade pode controlar as nosas vidas.  

As persoas que temos unha concepción materialista do mundo, da existencia, entendemos o papel do azar que permite, por exemplo, que o universo sexa como é. En cada paso, en toda decisión nunha encrucillada podemos tomar un ou outro camiño e esa escolla condiciona a nosa vida. O papel do azar é grande. 

"En cada paso, en toda decisión nunha encrucillada podemos tomar un ou outro camiño e esa escolla condiciona a nosa vida. O papel do azar é grande". 

-Esa encrucillada sitúao á beira do existencialismo da obra de Sartre ou os relatos do primeiro Ferrín. 

Son autores moi queridos, supoño que esa relación existirá. Non sei recoñecer as influencias entre as obras que leo e admiro e o que escribo. Acepto, en todo caso, esa visión e a asumo. Se así se percibe é certo e non é a primeira vez que se advirte certo existencialismo na miña obra. Nese sentido establécese a relación con Sartre e con Ferrín tamén no sentido algo kafkiano dalgúns dos seus relatos, do absurdo, ás marxes do real e a aparencia, a fantasía... Gústame camiñar nese delgado fío. 

-A condición humana é entón materia literaria privilexiada na súa escrita?

Os materiais para a construción literaria son múltiples e a maior parte deles inesperados. Son froito da observación e o contacto coa realidade alén da reflexión arredor da nosa condición como humanos, da nosa propia existencia. Supoño que é unha reflexión que moitos autores poden facer en relación coas experiencias máis íntimas. Son materiais moi diversos e procedentes de múltiples lugares, mesmo literarios ás veces, e xogos intertextuais. 

-Refírese, poño por caso, ao relato “A decisión” no que o protagonista sofre a “síndrome do autor invisíbel”? 

É unha reflexión sobre a literatura en si pensada desde este tempo. Refírese ao proceso de narrar, de comunicación no que existe un emisor e un lector imaxinario que o fai cristalizar. Ese escritor queíxase de invisibilidade que é unha constante da obra literaria, mais fala sobre a función da literatura máis que sobre o papel do escritor. 

-Porén, o desencanto, máis unha vez, está presente. 

No libro hai desencanto e frustración, que son diferentes, máis tamén ilusión. Mesmo nese personaxe no momento en que toma unha decisión, significa un cambio radical do seu proceder, rebélase contra esa frustración. 

"En todas as cinematografías do mundo vemos que a adaptación literaria é un recurso habitual e enriquecedor, as dúas creacións retroaliméntanse". 

-En As ilusións estrañas é fácil establecer unha liña de continuidade co seu anterior libro Incertos (2008). Afonda nesa querencia de mirar detrás do cotiá e de novo por medio de relatos, por que opta por este xénero literario? 

Probabelmente porque me resulta máis cómodo manexarme nel. Ás veces tes varias ideas na cabeza e esta é a fórmula máis acaída para expresalas. Para escribir novelas necesitarías máis tempo, mais non é só esa cuestión. Como lector gústame o xénero e como escritor considero que esixe exactitude, contención e disciplina literaria. Pode ser que iso sexa o que me gusta. 

-Desde 2008 non publica, mais neste tempo elaborou e dirixiu varios filmes. Como se relacionan na súa traxectoria a creación literaria e audiovisual?

Compleméntanse ben porque do que se trata é de contar. Proveño do mundo da literatura, como lector e escritor e a miña participación no cine ten moita relación con esa orixe. Síntome moi escritor cando fago o guión, dirixo ou monto unha película. Esas películas formaban parte dun  proxecto que relacionaba a literatura, a lingua e o audiovisual. En todas as cinematografías do mundo vemos que a adaptación literaria é un recurso habitual e enriquecedor, as dúas creacións retroaliméntanse. 

-Algúns dos relatos son especialmente visuais. A linguaxe do cine meteuse na súa obra?

A estas alturas non se entende a escrita sen que as imaxes se aparezan como unha pantalla de cine ou televisión porque xa nacemos e nos educamos no cine. En certos relatos nótase de maneira especial desde o punto de vista formal no tratamento de personaxes, en planos superpostos, en escenas que se alternan, en multiperspectivas...  

A conversa con Antón Dobao foi publicada no número 107 do semanario.