ENTREVISTA A MIGUEL ANXO MATO

"O relato son voces interiores que van xurdindo arredor de evocacións"

"O relato son voces interiores que van xurdindo arredor de evocacións"
Foto do autor en Twitter
Foto do autor en Twitter  

Entrevistamos Miguel Anxo Mato con motivo da publicación dos seus relatos no Caderno de Verán do noso semanario.


Miguel Anxo Mato Fondo é un escritor de poesía, ensaio e prosa nado en Ponteceso, autor de obras como O whiskey na barrica ou Con Terra fría, entre as máis destacadas da súa creación poética. No semanario de Sermos Galiza estanse a publicar relatos de Miguel Anxo Mato, no suplemento Caderno de Verán. Mato cóntanos a súa experiencia escribindo relatos e as súas inspiracións, que van desde figuras literarias como Virginia Woolf, Karen Blixen ou Marcel Proust, até a simple atmosfera dos pubs da Coruña ou Ponteceso.  .

Cal é o atractivo que fai tan especiais aos pequenos relatos?

Os relatos deberan ser caracterizados pola súa realidade e pola eliminación de elementos superfluos, por tanto, haxa ou non argumento visíbel debe responder a estas características, tendo en conta o estilo do autor: náis poético e cunha linguaxe máis concisa. Carlos Casares dicía que a linguaxe non se debería notar. Eu non estou dacordo, porque o relato pódese basear moitísimo na linguaxe. Virgina Woolf e Marcel Proust son bon exemplo.

Os relatos fágoos moi líricos, seguindo en certa medida as directrices de Virginia Woolf.

Na súa obra destacan a poesía e o ensaio, escribe máis narrativa da que publica?

Eu non teño unha gran precisión de xénero. Escribo ensaio, mais pretendo que sexa creativo. Na base, penso que escribo poesía. Os relatos fágoos moi líricos, seguindo en certa medida as directrices de Virginia Woolf e de todo o que foi a novela lírica. Son textos nos que non ten moita importancia o argumento, senón que o relato son voces interiores que van xurdindo arredor de evocacións, do tempo ou, mesmo, da morte.

Estou a escribir outro relato que se chama Adeus Capitán Wolton, baseado nun pub de Ponteceso e nun individuo que alí se atopa.

Íalle perguntar pola temática, poida que non exista como tal?

Si. O argumento deste relato que estou a publicar en Sermos Galiza é do máis etéreo ou abstracto. É un diálogo entre dous colegas, no que evocan a morte da compañeira dun deles, mais que en realidade todo se presenta confuso. Non hai un seguimento dun argumento concreto. Nos demais relatos meus ocorre igual. Entre os que teño agora hai un adicado a Karen Blixen, autora de Memorias de África e unha das miñas favoritas, que é sinxelamente unha figuración sobre os últimos días de Karen Blixen en Rungsted, paseando e pensando. Logo estou a escribir outro relato que se chama Adeus Capitán Wolton, baseado nun pub de Ponteceso e nun individuo que alí se atopa, deixando voar a mente e o pensamento mediante observacións á xente alí presente. En realidade, máis que co argumento, xógase cunha situación e o que importa son os grandes temas: a memoria, o paso do tempo, a fugacidade da vida e a morte. Ademais, son relatos culturalistas con evocacións musicais.

A música é un fío conductor nos seus relatos. Concretamente, no último: If you´d loved me someday. É unha canción descoñecida...

É que a canción non existe. É unha canción que escribín eu. Teño a letra, o título e agora voulle pedir a certa persoa -que non nomearei de momento- se me pode escribir a partitura, porque eu non sei música, mais teño unha idea da melodía que quero. É unha melodía moi jazzística e espero que ma poida escribir nunha partitura e facerlle uns arranxos, para publicala como última ilustración do relato.

Que estilos musicais escoita?

Escoito moita música clásica, especialmente, autores de finais do século XIX e principios do XX de Rajmáninov a Fauré. Logo escoito moito jazz, sobre todo, cool jazz e tamén me gusta moito o rock: dende os Beatles até os Smiths.

Gústame moito o ambiente nocturno,  paréceme unha atmósfera moi culta para a literatura.

Como inflúe o entorno nos textos? Ponteceso e A Coruña están moi presentes na súa obra…

Si, para min Ponteceso é unha gran fonte de inspiración. Pero non só o Ponteceso das paisaxes, senón tamén un Ponteceso actual. Por exemplo: hai un pub en Ponteceso que me serviu moito de inspiración, o Pub A Eira. Non teño por que escondelo, porque é un dos mellores que hai en Galiza e é dun amigo meu e me inspirou moitas cousas. No só o local, senón a atmósfera que hai ao redor del. Tamén o Filloa, que ultimamente vou moito por alí. Hai locais na Coruña que para min son míticos e gústame moito o ambiente nocturno, paréceme unha atmosfera moi culta para a literatura.