Repaso ao cinema galego de animación en Londres

Repaso ao cinema galego de animación en Londres
Imaxe de 'O Apóstolo'
Imaxe de 'O Apóstolo'  

Esta sexta feira celébrase a cuarta edición do Galician Film Forum no  King's College London, que nesta ocasión estará dedicado á animación.


A cuarta edición do Galician Film Forum terá lugar o vindeiro venres 13 de maio no King's College London (KCL). Desta volta a cousa irá de animación e proxectarase 'O Apóstolo', dirixida por Fernando Cortizo e 'Historia Cerebro', do cineasta Borja Santomé. Despois da proxección terá lugar un coloquio cos 2 directores: Santomé estará presente na sala e Cortizo intervirá a través de videoconferencia. 

A comunidade galega en Londres segue a moverse. Logo de tres exitosas edicións volve o Galician Film Forum, unha iniciativa que xorde de xeito espontáneo a principios de 2015 nun grupo de galegos e galegas emigrados en Londres cun grande interese pola cultura galega. O seu obxectivo é crear un espazo para a difusión do cine galego na capital británica.

A primeira edición do GFF celebrouse o 20 de marzo do ano pasado no King's College onde se proxectou a longametraxe 'Encallados', de Alfonso Zarauza e as curtametraxes 1977, dirixida por Peque Varela e ‘Curricán’ de Álvaro Gago. Tralo éxito acadado, convocouse unha segunda xornada, que tivo lugar o 5 de xuño na London Film School. O programa incluíu a longametraxe 'N-VI', dirixida por Pela del Álamo, e dúas curtametraxes: 'AADAT', dirixida por Xisela Franco e Noe Rodriguez, e 'Pettring', dirixida por Eloy Domínguez.

O Galician Film Forum ten vocación de continuidade tanto como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cine e a cultura galega en termos universais.