A revista británica 'Songlines' escolle 'Deixaas' entre os mellores discos europeos do ano

A revista británica 'Songlines' escolle 'Deixaas' entre os mellores discos europeos do ano
Mercedes Peón. Foto: Galipedia.
Mercedes Peón. Foto: Galipedia.  

A “lírica exploratoria”, os seus “dinámicos concertos” ou a súa “frenética” paixón multiinstrumentista son algúns dos argumentos escollidos pola revista musical británica Songlines para salientar Deixaas, o último disco de Mercedes Peón, entre o mellor facturado en Europa o pasado ano.
 


O xornalista Chris Moss é o encargado de redactar a recensión do traballo incluído na listaxe Os 15 albums europeos de cinco estrelas de 2018. No texto considera que Peón contribuíu a edificar “unha imaxe enteiramente nova para o folk galego”. “A súa actitude feminista e o seu estilo libre son emocionantemente contemporáneos”, engade.

mercedes peón deixaas

Con Deixaas, a quinta peza da súa discografía, Mercedes Peón apostou na radicalización sonora do camiño iniciado en S.O.S. (2010). Ao incorporar ecos industriais -a canción homónima, cun vídeo gravado nos estaleiros de Navantia, é mostra acabada- e potencia de orixe punk, deu un paso máis alá.

“O seu son é, ao tempo, terroso e industrial. Afástase dos arranxos tradicionais cara algo xenuinamente novo”, escribe Moss, quen tamén se refire á influencia da cultura de club en varios dos cortes ou ao “abraiante, abstracto pulso” do tema Plataforma. No que respecta á voz, o crítico británico fala da “bruxaría branca e mística” que a emparenta con Camille, Värttinä ou First Aid Kit. “Mais Peón é menos ortodoxa”, conclúe.

Este disco “nunca aburrido e decote belo” figura nunha selección en que tamén se atopan a fadista portuguesa Mariza, o gran grupo inglés de folk combativo Stick in the Wheel -a súa obra Follow Them True- ou unha escolma dos igualmente ingleses, e míticos, The Watersons.

A revista Songlines, cuxa cabeceira di “a mellor música arredor do mundo”, fundouse en 19999 e conta con edición mensual en papel.

Peón en 'Mojo'


Non é esta a única referencia a Deixaas na prensa musical europea. No exemplar de febreiro de Mojo, unha das máis importantes publicacións europeas, aparece unha nota que lle outorga tres de cinco estrelas. O crítico David Hutcheon fala da “gaiteira folk punk experimental” que ofrece “guitarras distorsionadas, poesía galego tamil e percusión forxada na abandonada industria pesada”. “Unha colaxe de contrastes que se mantén unida a forza de preguntar constantemente sobre cuestións de identidade”, di.

Nota: cuberta de Deixaas (2018), o último traballo de Mercedes Peón.