HISTORIA EN GALEGO

A revista ‘Mazarelos’ procura saltar ao papel

A revista ‘Mazarelos’ procura saltar ao papel
[Foto: USC] Claustro Da Facultade de Historia
[Foto: USC] Claustro Da Facultade de Historia  

En 2018 un grupo de estudantes de Historia da USC puxeron en marcha unha revista de historia en galego, con carácter divulgativo e rigoroso. Mazarelos xa é unha realidade na rede, mais quere dar o salto ao papel, polo que lanzaron a 1 de outubro unha campaña de micromecenado.


Contra outubro ou novembro de 2018, un grupo de estudantes do mestrado de Historia da USC tiveron a idea de crear un blog para darlle saída aos traballos que feitos ao longo da carreira e que quedaran, como adoita acontecer, gardados na gabeta ou, nas dinámicas tecnolóxicas máis actuais, esquecidos nun cartafol do portátil. Miguel Rodríguez Martínez, Roque Sanfiz Arias e Mateo Martínez Torres crearon así a revista Mazarelos, adoptando o nome da emblemática praza compostelá na que se localiza a súa facultade.

A intención destes tres rapaces era levar os contidos históricos a un público xeral, pero dun xeito “profesional”, pois conta Martínez Torres que habitualmente esta sorte de publicacións divulgativas “non cumpren cos mínimos de rigor”. A temática englobará historia e ciencias sociais afíns, mantendo un compromiso coa lingua galega e acollendo diferentes formatos, de entrevistas de actualidade a artigos orixinais de divulgación histórica.

Web Mazarelos

Salto ao papel

A partir do inzo inicial, comezou a se unir xente, até as arredor de 20 persoas vencelladas que hai actualmente. A actividade nas redes sociais funcionou ben e, engorde, o proxecto enteiro medrou moito máis do que imaxinaban os seus tres promotores. Chegados a este punto, uns seis meses máis tarde, a plataforma dixital quedáballes pequena, polo que decidiron dar o salto ao papel. Pero para iso precisaban financiamento. Recorreron entón a realizar un micromecenado a través da plataforma goteo.org. As persoas colaboradoras non fan donativos desinteresados, senón que mercan os dous números que axudan a financiar. Tamén se ofrece a posibilidade de pagar por publicidade en diferentes dimensións.

“O coñecemento histórico é moito máis que unha sucesión de capítulos inflexíbeis, onde o investigador/a se converte nun mero narrador”

O proxecto leva o camiño de se ver realizado, pois xa teñen case a cantidade precisa para o pór en marcha. Fronte á vertente máis divulgativa do dixital, o papel ofrecerá contidos máis extensos e cunha intención “máis académica”. A estrutura será dun 9 ou 10 artigos que sumen arredor de 50 páxinas. Saíran dous números, con lanzamento previsto para novembro de 2019 e marzo de 2020. Mais aló, a intención é publicar catro números anuais, que complementen a actividade na rede.

E despois que?

Á agarda de ver como funciona o formato físico, a intención é darlle continuidade. O modelo dependerá do que consigan, sen descartar a procura de apoio institucional, nin volver empregar un micromecenado que funciona máis ben como prevenda. Consideran importante trasladar unha perspectiva na que “o coñecemento histórico é moito máis que unha sucesión de capítulos inflexíbeis, onde o investigador/a se converte nun mero narrador”, argumentan na súa web. Porque a historia se escribe sempre en presente e está inevitabelmente de actualidade.