A "Peonza" xira arredor de Agustín Fernández Paz

A "Peonza" xira arredor de Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz  

A revista “Peonza, de Cantabria, publica un número especial dedicado ao escritor Agustín Fernández Paz que se presentará en Compostela o 27 de maio. Ademais do propio escritor estarán  Xabier P. DoCampo, Xavier Senín, Isabel Soto, María Jesús Fernández, Martin Pawley e Miguelanxo Prado, colaboradores da publicación. 


Coñecedores e especialistas na obra e na figura de Agustín Ferna´ndez Paz son os autores do novo número da revista “Peonza”, que conta tamén coa ilustración de Miguelanxo Prado. 

O autor de literatura infantil e xuvenil máis premiado e con maior proxección exterior é agora protagonista dunha publicación que botaron a andar ensinantes de Cantabria e que chega agora ao seu número 108. 

O amigo e tamén escritor Xabier P. DoCampo contribúe cun achegamento á biografía sentimental de Agustín Fernández Paz mentres o profesor Xavier Senín aborda o compromiso social presente na súa obra.  Isabel Soto,editora e tradutora, busca a memoria do pasado nas novelas do autor ao tempo que José Luis Polanco, un dos membros da Peonza, afonda no seu activismo nos movementos de renovación pedagóxica e no labor docente. 

As ilustracións de Miguelanxo Prado acaen ben ao número especial xa que, ao longo das súas traxectorias, os dous autores teñen cadrado en múltiples ocasións, en obras conxuntas que suman dous dos nomes de máis relevo, cada un no seu ámbito, da nosa cultura contemporánea. O número inclúe tamén o estudo de María Jesús Fernández sobre os valores e os papeis de xénero nas súas obras e Martin Pawley, crítico e produtor de cine, mergúllase na súa obra para atopar a presenza da chamada sétima arte. 

O volume inclúe tamén un conto breve de Agustín Fernández Paz no que aflora a súa faceta irónica e humorística. A presentación do número especial da Peonza terá lugar en Compostela o vindeiro 27 de maio na Biblioteca Novacaixagalicia, situada na rúa Frei Rosendo Salvado.