O 5 E 6 DE XULLO

Os Irmandiños reconquistan Vimianzo un ano máis

Os Irmandiños reconquistan Vimianzo un ano máis
[Imaxe: Cedida]. Escena do asalto de 2018
[Imaxe: Cedida]. Escena do asalto de 2018  

Este sábado a vila da Terra da Soneira recreará, por 24ª vez, o Asalto ao Castelo levado a cabo polos Irmandiños hai algo máis de 500 anos. Como preludio ao evento, o municipio albergará multiples e diversas actividades culturais.


O campesiñado de Vimianzo xa está preparado para asediar a fortificación Torres de Martelo e vencer, un ano máis, aos burgueses casteláns. Este sábado a vila alberga a 24ª edición do Asalto ao Castelo, un evento que rememora o histórico episodio da revolución irmandiña acontecido hai algo máis de medio milenio.

Ademais dos actos da recreación, o municipio acollerá durante toda a semana unha chea de actividades para todos os públicos, tales como competicións e demostracións deportivas, representacións teatrais e infinidade de concertos musicais. Non obstante, os pratos fortes transcorrerán entre os días 5 e 6.

O Foso do Castelo será, esta sexta feira, o escenario protagonista dos eventos. Ás 21 horas terá lugar o III Enlace Irmandiño e, ao seu remate, comezará a X Cea Medieval. Pasada a medianoite, as persoas asistentes poderán ser partícipes do tradicional Esconxuro da Queimada, bailar ao son da Requinta da Lareira e desfrutar do espectáculo musico-teatral de Blues do País.

A xornada do sábado albergará infinidade de eventos durante todo o día como preludio á recreación histórica. O deporte tomará o mando da xornada de mañá e acaparará todas as olladas. Ás 12 horas dará comezo o torneo de partidas rápidas de xadrez e, quince minutos máis tarde, a demostración de técnicas de combate naval. Antes de comer tamén haberá un obradoiro de esgrima.

O Castelo volverá ser o emprazamento principal das actividades nada máis comezar a tarde. As cativas e os cativos gozarán da oportunidade de reconstruír o seu propio asalto ás 16.30 horas. Media hora despois terá lugar a Concentración da Tropa co sucesivo ataque á fortificación e cunha representación teatral do acontecemento histórico.

A praza do Concello acollerá, pola súa parte, o V desfile das Irmandades Parroquiais da Terra da Soneira. Este comezará ás 19.30 e será o preludio ao pregón, dado pola xornalista vimiancesa Alba Mancebo, e ao Izado da Bandeira Irmandiña.

Todas aquelas persoas que queiran participar no Asalto ao Castelo deberán esperar até ás 23.30 da noite, tras a tradicional cea e a actuación do grupo Luar na Lubre. O feche desta edición poñerano as actuacións musicais de Esne Beltza, Mafalda e Skandalo Gz, as cales comezarán á 1 da mañá e continuarán ao longo da madrugada.