Rianxo homenaxea a Manuel Antonio en catro singraduras

Rianxo homenaxea a Manuel Antonio en catro singraduras
Manuel Antonio
Manuel Antonio  

“De catro a catro: catro singraduras en honra de Manuel Antonio” é o título do programa co que o Concello de Rianxo homenaxea neste mes de marzo ao seu poeta, ao se cumpriren oitenta anos da homenaxe popular que se proxectou en 1935. 


Catro singraduras, catro días, de homenaxe ao poeta de Rianxo que comezan no salón de plenos este sábado 14 de marzo coa presentación da Obra Completa de Manuel Antonio nun acto no que participarán o alcalde Adolfo Muíños, o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o director da Fundación Barrié, Javier López e o editor literario da Obra Completa, Xosé Luís Axeitos. A seguir, no auditorio o alumnado da Escola de Música de Rianxo dará un concerto no Auditorio, espazo que acollerá a quinta feira 199 de marzo a segunda singradura, a representación teatral a cargo do alumnado da Escola Superior de Arte dramática de Galicia da obra M.4.A4, dirixida por Ricardo Solveira sobre textos de Manuel Antonio. 

En barco rumbo á illa Malveira 

A terceira singradura será en barco para homenaxear ao poeta do mar. Sairá do porto de Rianxo e dirixirase á Illa Malveira coa poesía a bordo a cargo de Xesús Santos e Fernando Quintela entre outros e outras participantes. Será unha conmemoración especial que retomará a homenaxe que no ano 1935, hai oitenta anos, un grupo de amigos e admiradores proxectaban por medio de subscrición pública e que finalmente quedou frustrada. No auditorio de Rianxo, ás 20.30 horas, Xosé Luís Méndez Ferrín será o mantedor do recital poético no que intervirán Anxo Angueira, Marta Dacosta, F. R. Lavandeira, Alexandre Nerium, Manuel Rivas, Ana Romaní, Cesáreo Sánchez e Miro Vilar, antes do peche musical pola Aula de Cultura Musical, UNED Senior de Rianxo. 

O programa rematará o sábado 28 de marzo co concerto “A música no Rianxo da Belle Epoque”, da Aula de Cultura Musical coa colaboración da Escola de Música de Rianxo.