QUE FACER?

Ribadumia acolle esta fin de semana a II Festa da Diversidade

Ribadumia acolle esta fin de semana a II Festa da Diversidade
Bandeira LGTBi
Bandeira LGTBi  

Compostela

Sexta feira

Auditorio de Galiza 19.00h

50 anos da Canción Galega

A Escola Municipal de Música de Compostela presenta “50 anos da Canción Galega”, un evento que busca amosar un percorrido polas diferentes vangardas estéticas e musicais dos últimos cincuenta anos, nos que a Canción Galega foi protagonista. O festival xuntará o día 21 de xuño ás 19h máis de 200 músicos no escenario da Sala Ángel Brage do Auditorio de Galiza, coa colaboración de voces como Guadi Galego, Xabier Mera, Najla Shami, Ramón Bermejo, Nastasia Zürcher, Espiño e Rocío Jiménez.

Pontevedra

Illa do Covo

Surfing the Lérez Festival

Durante a sexta feira 21 de xuño e o sábado 22, a Illa do Covo será de novo escenario do Surfin the Lérez Festival, unha cita co rock and roll como fío condutor e pensada para o goce de pequenos e maiores, con romaría, postos de comida e bebida, mercadiño de creadoras emerxentes e moito máis. Cun total de doce concertos, Heredeiros da Crus serán a cabeza de cartel no arranque do festival e Familia Caamagno porá o ramo o sábado 22.

Compostela

Sexta feira, sábado e domingo

Praza de Mazarelos

San Xoán

Con roteiros de recollida de herbas de San Xoán, tren cacharelo, música, queimadas con conxuro, mercadiño tradicional, zona infantil, área gastronómica e obradoiros de baile.

A Coruña

Sábado

CGAI 18.00h

Doentes, o coloquio

Presentación e coloquio a cargo de Camilo Franco e Antón Reixa sobre Doentes, un filme dirixido por Gustavo Balza con interpretación de Antonio Durán “Morris” e Xosé Manuel Olveira “Pico”.

Ribadumia

Sábado e domingo

Pazo do Concello de Barrantes

II Festa da Diversidade

O colofón festivo pechará un ciclo de actividades informativas, culturais e lúdicas feitas ao longo do mes de xuño sobre as realidades #LGTBIQ, da man de Gotas. Asociación pola diversidade social.

Vigo

Sábado e domingo

Paseo Joaquín García Picher

Festival Son da Industria

Con música de Su Garrido Pombo, Cuarta Xusta ou Flow do toxo, concerto infantil, comida e bebida a prezos populares. Organiza a Asociación Sociocultural As da Industria.

Allariz

Domingo

Diversos espazos

Festa do boi

Culmina na tardiña do domingo a Festa do Boi coa maratón do boi e a despedida do Xan de Arzúa co seu traslado até a Casa do Boi na compaña da charanga O Equipo B.

San Sadurniño

Até 18 de xullo

Casa do Concello

Exposición “Mulleres”

Mulleres é unha escolma das obras da pintora Isabel de Xermade, da fotógrafa Patricia Lamas e do fotoxornalista Gabriel Tizón, unha mostra que ten por obxectivo principal darlle visibilidade ao papel da muller en distintos ámbitos, para reivindicar a igualdade plena de dereitos e de peso social. A mostra, realizada polas áreas de Igualdade e Cultura do Concello de San Sadurniño, está aberta na galería da Casa do Concello até o 18 de xullo.

A Coruña

Até 31 de xullo

Normal. Espazo de intervención cultural

O teu o meu...

Xacobe Meléndrez Fassbender realiza esta exposición na que se achega aos límites do espazo individual e colectivo, ás identidades individuais e colectivas, mediante a fotografía, o vídeo e a instalación.