EN COMBARRO DO 23 AO 25 DE AGOSTO

Rocanrol, baile e rap no Armadiña Rock

Rocanrol, baile e rap no Armadiña Rock
Familia Caamagno. Foto: Armadiña Rock.
Familia Caamagno. Foto: Armadiña Rock.  
Once edicións consecutivas forman a historia do Armadiña Rock, o festival de agosto en Combarro. Exemplo de crecemento -o primeiro ano tocou unha banda e hobo un picadiscos; este son 15 máis charangas e pandereiteiras para os pasarrúas-, do 23 ao 25 de agosto encherán a célebre vila dos hórreos do mar con rocanrol, rap e baile desenfreado.

O Armadiña contará con varias actividades previas. Así, o 21 de agosto na Praza de Rualeira a partir das nove e media da noite proxectaranse as curtas gañadoras do cuarto premio Armadiña. Ao día seguinte, a lectura do pregón e un concerto do cantautor Xosé Constenla servirán de inauguración oficial do evento. Mais os pratos fortes serán nas tres xornadas da fin de semana.cartaz2019 armadiña rock

Non haberá paz (musical) nas rúas de Combarro. Durante o Armadiña, cinco grupos de música portátil encargaranse: as Pandeireteiras de Ronsel, as Pandeireteiras de Armadiña, Brassica Rapa, os Queimatasas e a Banda do Patio. Concertos infantís e sesións vermú, coloquios e mesmo actuacións na zona de acampada acompañarán a parte central da programación, que se desenvolverá de noite na Praza da Chousa.

No lugar poderán verse a frenética mestizaxe balacánica de Dubioza Kolektiv, o punk folk celta de Bastards On Parade, os Heredeiros da Crus, un bolo da xira de despedida de Nao, o rap de combate de Dios Ke Te Crew de presentación do Ciclo da Serpe, o rock de The Teta's Band ou o “matrioska balkalinka sound" de Balkan Bomba. E estoutras cinco propostas:

Falperrys (24 de agosto, sesión vermú, Praza da Rualeira). Hai un espello en que Falperrys, procedentes de Vigo e en marcha desde polo menos 2010, se miran se remorso: The Pogues. Autodenominados “punkfolk de taberna”, o pasado ano publicaron o seu primeiro disco longo: Nova Abordagem.

Familia Caamagno (24 de agosto, noite, Praza da Chousa). Non é a primeira vez que a banda de Sigüeiro actúa no Armadiña. Pero se en 2015 o seu garaxe cinxíase aos manierismos do xénero, co seu último disco, Había que intentalo (2019), transitan cara o pop enerxético e letras máis reflexivas. O que nunca sucederá nun concerto seu é que non se baile.

Triángulo de Amor Bizarro (24 de agosto, noite, Praza da Chousa). O EP El gatopardo (2019) é a última gravación dos de Boiro. A súa explosiva mestura de melodías pop e ruído branco de guitarras valeulles lugar destacado na escena indie estatal. Agresivo e doce, desafiante e espaciais, cinco discos e 15 anos despois o Triángulo de Amor Bizarro segue a ter un abrasador directo.

Los Jinetes del Trópico (24 de agosto, noite, Praza da Chousa). Son de Monforte de Lemos e son “reggeaton antimachista, punk tropical, cumbia”, é dicir, contra as néboas do Cabe, poder para o trópico. Activos desde 2015, este está a ser o verán da súa revelación, presentes nalgúns dos festivais máis sinalados do país.

Ukestra do Medio (25 de agosto, sesión vermú, Praza da Rualeira). O ukelele, cavaquinho ou cuatro, que múltiples variantes admite este instrumento da familia da guitarra, é a arma principal dos composteláns Ukestra do Medio. Intérpretes de sorprendentes versións adaptadas, percorren do punk rock ao son jarocho, do swing á tradición galega, e non tropezan en pedra ningunha.