5 DE ABRIL EN COMPOSTELA

O rock punk de Samesugas inicia a tempada do seu XX aniversario

O rock punk de Samesugas inicia a tempada do seu XX aniversario
A banda compostelana de rock punk Samesugas. Foto: cedida.
A banda compostelana de rock punk Samesugas. Foto: cedida.  

Dúas décadas de rock punk, enerxía eléctrica e potencia underground, catro discos e ducias de concertos. O currículo de Samesugas, banda compostelana, é único na escena galega. Esta sexta feira, 5 de abril, inicia o ano do seu aniversario cun concerto canda os cataláns Sinciders.
 


A sala Sónar de Santiago de Compostela acollerá, a partir das dez da noite, unha velada de “punk rock de alto octanaxe”. Iso promete Samesugas, cuxas cancións en inglés e en galego aparecen en compilatorios de Galiza, Arxentina, Alemaña, Xapón ou Finlandia, e que se autodefine “allea a modas e poses”. “Levamos 20 anos a tocar rock'n'roll e fieis aos principios do punk, aqueles de 'faino ti mesmo”, explican desde o grupo. Non por acaso as súas raíces atópanse no vizoso hardcore galego dos 90.

Os festexos de Samesugas incluirán, ao longo deste 2019, a edición dun disco de rarezas, que recolle temas espallados e obras colectivas, pequenas tiraxes ou mesmo inéditas. Haberá ademais “concertos especiais con convidados de luxo”.

Este 5 de abril comparece -entradas a 10 euros- cos barceloneses Sinciders, debedores confesos das atómicas formacións do garaxe duro e punk dos noventa: New Bomb Turks, Nine Pound Hammer, Lazy Cowgirls. Presentan traballo, Synesthesic Sensibilities (2018).



x