FESTIVAL PSICOTROITA O 7 DE XULLO

O rock & roll invade Sigüeiro ao pé de río

O rock & roll invade Sigüeiro ao pé de río
A banda inglesa MFC Chicken, que actúa este domingo en Sigüeiro. Foto: Psicotroita.
A banda inglesa MFC Chicken, que actúa este domingo en Sigüeiro. Foto: Psicotroita.  

Polbo, churrasco, hamburguesas -de raza cachena e vegana- e, a maiores, unha dieta traballada do mellor rock & roll en diferentes variantes. Eis o menú da quinta edición do festival Psicotroita, que este domingo, 7 de xullo, se celebra en Sigüeiro (Oroso).


O encontro adoptou a forma de romaría e comeza no Paseo do Carboeiro ás dúas da tarde, na hora do vermú, e remata ás nove da noite. Ademais da oferta gastronómica e concertos, picadiscos amenizarán as esperas.

Power pop, rock steady ou frat rock serán os estilos das catro bandas do Psicotroita. Cachas & Cousins, de Compostela, amosarán op seu dominio do rock steady, primitivo ritmo xamaicano que fixo de ponte entre o ska e o reggae e bebía tamén do rhythm and blues. Despois será a quenda de Oh! Ayatollah, con base en Lugo e unha das bandas galegas últimas de maior proxección: pop enerxético e a súa lírica intensa.

De Reino Unido procede MFC Chicken, banda que se adscribe ao subxénero do frat rock, forma primeiriza de garaxe, bailábel e acelerada, abondosa nos Estados Unidos no inicio dos 60. Tamén británicos son More Kicks, power pop.

A produtora Tremendo Audiovisual e o Concello de Oroso organizan a festa, que conta co patrocinio de Deleite.