Roi Casal prepara disco, xira e documental galego-cubano en homenaxe a Neira Vilas

Roi Casal prepara disco, xira e documental galego-cubano en homenaxe a Neira Vilas
Roi Casal e Neira Vilas
Roi Casal e Neira Vilas  

O músico de Catoira prepara para esta primavera un ambicioso proxecto de homenaxe a Neira Vilas e ás relacións galego-cubanas, que consta dun disco, un espectáculo artístico con participación de Pablo Milanés, e un documental.


'Son galego, son cubano. Homenaxe a Xosé Neira Vilas e á emigración galega en Cuba' é un proxecto iniciado moito antes da morte do escritor de Gres. De feito, Casal conta na súa páxina de Facebook que foi unha mágoa que Neira “non puidese continuar con nós este proxecto, pero temos o compromiso moral adquirido de finalizalo. Neira Vilas era tan traballador, ordenado e precavido que deixou a súa parte (letras, crónicas, etc.) rematada ao 100% o pasado mes de novembro. Será un orgullo cumprir con ese compromiso, Pepe”. 

No tocante á música, este xuño estará listo o disco 'Son galego, son cubano' con letras de Neira e música de Roi Casal, coa participación especial de Pablo Milanés. Ademais, haberá un espectáculo artístico galego-cubano que actuará a ambos lados do Atlántico, dirixido por Roi Casal, coa presenza de músicos e bailaríns cubanos. 

O documental está a ser realizado pola cineasta cubana Natasha Vázquez e producido polo produtor audiovisual galego José María Besteiro. Un equipo de realización filmou en Galiza e Cuba os mellores momentos da gravación do disco 'Son galego, son cubano'. Paralelamente, Roi Casal descubrirá anécdotas, lugares e fitos dos galegos na illa da man dos historiadoresJulio César González Pagés e Nancy Pérez Rey . A música, a historia e o presente mestúranse nesta filmación única para converterse tamén en crónica, a modo de making of, de 'Son galego, son cubano. Homenaxe a Xosé Neira Vilas e á emigración galega en Cuba'. Xa se pode ver un trailer na web do proxecto

Roi Casal (harpista, compositor e tamén cantante) foi premiado en 2014 na Habana co premio internacional Cubadisco. Alí estableceu contacto co mundo galego-cubano, con Pablo Milanés e coa súa muller galega, a investigadora da emigración galega Nancy Pérez. 

Como escribiu Neira Vilas na web do proxecto, “a Cuba arribaron moitos músicos galegos. Os que integraron orquestras populares, grupos de cámara e sinfónicos. No século XIX o laureado Xosé Castro, Chané, director do orfeón Ecos de Galicia; Felisindo Rego, autor da zarzuela 'Non máis emigración', con texto de Ramón Armada; Ricardo Fortes, que musicou poemas de Curros Enríquez; o profesor Joaquín Zon. Ademais destacaron a coral Saudade, solistas de zanfona, rondallas de laúde e guitarra, e por suposto conxuntos de gaiteiros. E a pianista e compositora coruñesa María Muñoz, que fundou a Sociedade Coral da Habana, o Conservatorio Bach e os grupos Cantorías, en todo o país (estudantes que cantan cancións populares), e fundou a importante revista Musicalia. Estes son só uns datos mínimos sobre músicos galegos en Cuba”.

SON GALEGO, SON CUBANO - teaser from Roi Casal on Vimeo.