Románico á intemperie

Románico á intemperie
[Imaxe: Sole Felloza] Detalle da igrexa de Santiago de Requeixo, en Chantada.
[Imaxe: Sole Felloza] Detalle da igrexa de Santiago de Requeixo, en Chantada.  

Na declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural, a Xunta deixou fóra 55 igrexas de orixe románica. Activistas promoven a súa protección, estudosos alertan do desvalimento dese patrimonio e a propia Administración abre a porta a rectificar. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza en papel número 336.


1O 29 de decembro de 2017, o Diario Oficial de Galiza (DOG) publicaba a incoación do expediente da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural. A figura de protección concretaríase na “categoría de paisaxe cultural” e afectaría ademais a “bens e manifestacións do patrimonio cultural material e inmaterial relacionados”. Máis alá dalgúns templos emblemáticos hai anos protexidos -os mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Miño ou de Santa Cristina de Ribas de Sil, a igrexa de Santa María de Pesqueiras ou a de San Fiz de Cangas-, a Xunta incorporou novas mostras: da igrexa e o mosteiro de San Salvador de Asma, en Chantada, aos de San Xoán de Loio. Mais non están todos os que son. Polo menos, así o entendeu a activa asociación O Sorriso de Daniel, que vela polo patrimonio románico galego.

A agrupación elaborou un prego de alegacións ao expediente. Nel incluíron 55 igrexas de orixe románica que o Goberno galego non considerou pertinente sinalar como Ben de Interese Cultural. “Vimos con moita decepción que un gran número de edificios quedaran excluídos”, escriben no calendario fotográfico que editaron en protesta. Porque a Dirección Xeral de Patrimonio desestimou as súas propostas. 

Nun escrito remitido ao Sorriso de Daniel o pasado 11 de decembro, a Administración explicaba a súa decisión: “Da perspectiva de valoración da súa alegación e doutras, chegouse á conclusión de que poden existir os fundamentos para o recoñecemento da singularidade do románico na Ribeira Sacra”. E engade que Patrimonio, “no marco dun expediente propio, avaliará a posibilidade dunha declaración específica”. As activistas, porén, non se fían. “Dixéronnos que as igrexas xa están catalogadas”, explica a este semanario Pilar Sánchez, do Sorriso, “e logo tamén que as nosas alegacións foran mínimas”.

Nas 19 páxinas do documento elaborado pola asociación figuran 12 igrexas de Chantada, catro de Monforte, cinco do Saviñao, unha de Pantón, tres de Paradela, tres de Portomarín, dúas de Ribas de Sil, oito de Sober, sete de Taboada, dúas de Trives, unha da Teixeira, unha de Parada de Sil, catro de Castro Caldelas e dúas de Nogueira de Ramuín. “O románico da Ribeira Sacra está no ADN da paisaxe e desa espiritualidade tan ligada ao lugar”, entende Sánchez. Determinada polas profundas cuncas de Miño e Sil, cun clima de seu e unha terra especialmente propicia para o viño, a Ribeira Sacra conforma un territorio xeograficamente ben delimitado e fisicamente impoñente. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 336 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 



x