ESTÉNDENSE AS CONMEMORACIÓNS DO SEU NACEMENTO

Rosalía de Castro desprégase sobre o país

Rosalía de Castro desprégase sobre o país
Detalle da tumba de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres. Foto: Wikipedia.
Detalle da tumba de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres. Foto: Wikipedia.  

182 anos despois do seu nacemento en Santiago de Compostela, a figura de Rosalía de Castro non deixa de medrar. Como escritora e como símbolo. O 24 de febreiro, día do seu aniversario, medra ano tras ano como xornada de celebración da súa obra, da lingua galega, da literatura e, ao cabo, da muller rebelde e libertaria que foi. Velaquí unha compilación das ducias de actos que se despregan sobre Galiza este domingo, Día de Rosalía.
 


A Coruña. A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e mais a asociación cultural Alexandre Bóveda organizan unha lectura pública da obra da escritora. Será a partir das seis da tarde, diante do Teatro Rosalía de Castro na rúa Rego de Auga, o propio domingo 24 de febreiro.

A Estrada. O concello organiza dous días de homenaxe a Rosalía de Castro. A sexta feira, 22 de febreiro, o Teatro Principal servirá de escenario, a partir das 20.00 horas, dun recital de poemas de Rosalía a cargo de integrantes dos clubes deportivos e a proxección dun vídeo. Sobre as mesmas táboas, o sábado 23 de febreiro ás 22.00 horas, actuará A Banda da Loba.

Ames. A cantante Rosa Cedrón actuará o domingo, 24 de febreiro, na Gala de Rosalía de Castro na Casa da Cultura de Bertamiráns ás seis da tarde.

Arteixo. A sexta feira, 22 de febreiro, Ana Hermida explicará Rosalía ao alumnado do IES Manuel Murguía co espectáculo Tecín soa a miña tea e será ás 11 da mañá na biblioteca central da localidade. O sábado 23, no Centro Cívico Cultural ás 11.30 horas, haberá recital e concurso de poesía en homenaxe.

As Neves. A partir da 13.00 no Mercado Municipal actuará o grupo musical Son Trío, con música orixinal sobre letras de Rosalía.

Betanzos. Teatro a cargo de Diego Freire e Ana Ponte servirá para lembrar a autora de Cantares Gallegos. Será o 22 de febreiro ás 19.30 horas na aula de cultura Xulio Cuns, situada no edificio do Arquivo do Antigo Reino de Galiza.

Boiro. O 22 de febreiro ás 20.30 horas, no Centro Social, preséntase o libro Xeración perdida. Representatividade institucional e represión. As corporacións municipais da provincia da Coruña na II República (Deputación da Coruña, 2018), coordinado polo historiador Emilio Grandío. Durante o acto, haberá unha “lectura aberta” de poemas de Rosalía de Castro.

Cervo. A asociación A Fervenza de Sargadelos programou para o domingo 24 de febreiro, ás 12.00 horas, a presentación de varias obras da escritora Antía Yáñez (Burela, 1991). O encontro será aproveitado para ler o manifesto da AELG redactado pola poeta e xornalista Ana Romaní.

Compostela. A capital e lugar natal de Rosalía de Castro concentrará algúns dos principais actos en conmemoración do seu nacemento. O Concello decretou a Semana de Rosalía en Compostela ate o 28 de febreiro. A programación xa comezou o pasado 18 de febreiro e inclúe actividades na rede municipal de centro cívicos, a implicación de comercios -agasallan con poemas- e hostalería -que se suman á iniciativa Caldo de Gloria- e concertos e recitais varios, entre eles o de Amancio Prada na igrexa de San Fernando o sábado 23 de febreiro e o de Uxía no centro cívico Aurelio Aguirre de Conxo ás 12 do mediodía. Antes, o día 22, haberá unha lectura pública de poemas na praza de Vigo -a partir das 12 horas- e ás 19.00, Ana Hermida dramatizará algúns textos rosalianos en Tecín soa a miña tea na biblioteca Ánxel Casal.

O sábado 23 será, a partir das 18.00 horas na Libraría de Mulleres Lila de Lilith, escenario de merenda, xogos e lectura de poesía en honra de Rosalía de Castro.

A AELG -canda a fundación, impulsores principais do Día de Rosalía- tamén escolleu Compostela como centro das súas actividades. Ás 12 da mañá do domingo 24 de febreiro, a poeta Ana Romaní lerá o manifesto da asociación pola xornada no Panteón de Galegos Ilustres. Acompañarana traballadoras e traballadores da CRTVG. Actuará a coral Solfa e haberá ofrenda floral e interpretación do Himno Galego. A Fundación Rosalía de Castro escolleu a praza de Vigo para organizar a primeira Alborada de Rosalía, o 24 ás 11 da mañá. Media hora máis tarde, da estatua da Alameda dedicada á escritora partirá unha marcha cara ao Hostal dos Reis Católicos. Alí será o acto institucional.

Cospeito. O Museo das Aves, na Feira do Monte, acolle o domingo 24 de febreiro, ás 12.30 horas, a lectura do manifesto da AELG e un recital de poemas. Organizan o concello e máis a asociación Culturalia Gz.

Fene. O domingo 24, a partir das 12 horas, no xardín Rosalía de Castro (Perlío), realizarase unha ofrenda floral e o grupo de teatro Xosé María Pérez Parallé recitará poemas da escritora. De seguido, actuará a agrupación de gaitas Tradicoro, que interpretará poesías de Rosalía e a partir das 12,30 h, na praza da escola do Ameneiral, farase unha degustación popular do “Caldo de Gloria” segundo a receita que a propia Rosalía legou no seu poema “Miña casiña, meu lar”. 

Ferrol. A Sociedade Cultural Medulio convoca, ás 18 horas do domingo 24 de febreiro no Antigo Hospicio, a celebrar “unha Rosalía Viva”, para dar conta da súa variedade, riqueza e modernidade, unha poesía sen igual, rompedora e aínda viva por moitos aspectos, explica a entidade. O encargado de pór voz e música aos poemas será o grupo MOLIME, formado por Xoán Padín, cantor, Alberte Núñez, acordeón, e Alberte Maceira, saxo e percusión. O resultado son cancións sorprendentes pola súa orixinalidade, diversidade de rexistros e riqueza expresiva e filosófica. Contaron coa asesoría de Francisco Rodríguez para unha acertada adecuación de letra e música. Os poemas cantados, indica Medulio nunha nota de imprensa, son os seguintes:

1.- Rosalía abre o seu segundo libro en lingua galega, Follas Novas (1880), deixando claro que ela, a súa personalidade, a súa forma de ser e de sentir non se corresponde co estereotipo que había, e aínda hai, sobre o que é unha muller. Daquelas que cantan....

2.- Trátase  do contraste que sentía moitas veces entre o seu ánimo e a fermosura do mundo natural que a rodeaba, o que aguzaba a súa sensación de desacougo e desharmonía. No ceo, azul clarísimo...

3.- Rosalía fai poesía que interpela, debate e contrasta co pensamentos de outros. Neste caso, cos médicos, para subliñar que hai males que a medicina non cura. Son os males do corazón, dos sentimentos, dos sufrimentos psíquicos de todo tipo. Teño un mal que non ten cura.

4.- Rosalía era unha muller moi alegre, contra o que se cre. Aquí imos ver tamén un diálogo entre dúas mulleres de clase popular. A actitude esperanzada, dun futuro prometedor, e a actitude realista, desconfiada, de que debemos vivir o presente, que é o único tanxíbel e experimentábel. Está na liña de algúns de Cantares Gallegos (1863), se ben con espírito máis realista e coloquial. Nel o alcol, como droga, minora, reduce as penas ou axuda a esquecer a dura realidade...Vamos bebendo....

5.-A piedade perante a desgraza, os desgraciados, os maltratados pola vida, era unha característica rosaliana....a ela gustáballe evidencialo cun xogo que manifestase que ninguén está libre dela, e que como tratas te tratarán....Ti onte, mañá eu

6.-Fronte á idea católica do matrimonio ser un sacramento, Rosalía defende que, en todo caso, sería unha necesidade material, física, quitándolle a importancia grandilocuente sobrenatural para poñelo a ras de chan...unha forma indirecta de facer ver que non ten que ser para sempre, a lexitimidade do divorcio...Decides que o matrimonio...

7.-Dous poema para xustificar os suicidas fronte á condena do que eran obxecto pola Igrexa, que impedía o seu enterro en lugar sagrado. Son para ela como os mártires do cristianismo. Un de protesta explícita, o outro montado sobre unha realidade obxectiva que fala por si soia...Por que, Dios piadoso? e Soia!...

8.-A lúa é un astro que simboliza os tristes, os que padecen discriminación, os que senten amores heterodoxos, non normativos...un astro da súa preferencia...Vemos como Rosalía era en realidade unha nihilista relixiosa, á veces....unha muller capaz de imaxinar mundos sobrenaturais moi vinculados ao noso mundo real, sen darlle á súa vez existencia certa.....Lúa descolorida

9.-Veremos como sentía o papel de Galiza dentro dun Estado español en construción tal e como é hoxe, e que sentimento lle espertaba a función que Galiza cumpre nel....Este é un poema de Cantares Gallegos, o seu primeiro libro en lingua galega, vendido por subscrición entre amigos e amigas de Rosalía e o seu marido Murguía.....Pobre Galicia...

Dous poemas, Vamos bebendo e Pobre Galicia... serán obxecto de proposta para participaren as persoas asistentes, cantando colectivamente, indica a sociedade cultural.

Fisterra. Na Biblioteca Municipal, ás 19.00 horas da sexta feira 22 de decembro, haberá un coloquio sobre Rosalía de Castro e o feminismo. Á mesma hora do domingo 24, Caldo de Gloria.

Guitiriz. A Casa Habaneira abeira a entrega dos premios Vilariñas 2018 e unha homenaxe ao histórico crego e activista cultural Alfonso Blanco, presidente de Xermolos. O acto incluirá poesía e música en lembranza de Rosalía de Castro. Será o sábado 23 de febreiro a partir das 12.00 horas.

Narón. O concello organiza unha lectura pública de poemas da autora de Follas Novas. Será o sábado 23 de febreiro, a partir das 12.00 horas, na Biblioteca Municipal.

Oleiros. O domingo 24 de febreiro as 12.00 horas, o Teatro As Torres de Santa Cruz acollerá un acto de homenaxe á poeta no que actuará o actor Ramiro Neira e alumnado do obradoiro Cóntame un Conto.

Outeiro de Rei. Música e poemas de Rosalía centran a “homenaxe popular” da Casa Museo Manuel María este 24 de febreiro a partir das 12.00 horas.

Ourense. A Biblioteca Rosalía de Castro organiza para o día 25 ás 12.00 horas unha mascarada poética. A partir da 13.00, na contorna da Facultade de Ciencias da Educación, haberá unha xornada conmemorativa. Igualmente, completan as actividades un concurso de máscaras en instagram e unha mostra bibliográfica. 

Padrón. A Casa de Rosalía será, na tarde do domingo 24 de febreiro, o epicentro da xornada. Ás 17.00 horas tocará o grupo portugués Canto d'Aquí -é o peche das Converxencias Galicia-Portugal- e ás 19.00 horas, a escritora Ledicia Costas preparará un Caldo de Gloria aberto ao público.

Pontevedra. O concello organiza, o domingo 24 de febreiro no Museo de Pontevedra, a lectura do manifesto da AELG e mais a actuación de Ugia Pedreira e A Banda da Loba.

Viana do Bolo. Ás 18.00 horas haberá unha lectura pública da súa obra con agasallo dun libro e unha rosa para cada participante e ás 19.00 horas, na Casa da Cultura, terá lugar un concerto do grupo Xardín Desordenado no que interpretarán cancións compostas sobre textos de Rosalía. 

Viveiro. Baixo o nome de Andares gallegos, o día 24 terá lugar unha acción sorpresa nas rúas do municipio e o 25, a biblioteca municipal repartirá unha tote bag cuns versos de Rosalía por cada libro recollido na xornada. Darase unha por carné até un máximo de 100 exemplares.