REEDICIÓN DE 'EL PRIMER LOCO'

Rosalía de Castro e as pantasmas do seu século

Rosalía de Castro e as pantasmas do seu século
O antigo convento de Conxo en Santiago de Compostela, hoxe hospital psiquiátrico. Foto: Wikipedia.
O antigo convento de Conxo en Santiago de Compostela, hoxe hospital psiquiátrico. Foto: Wikipedia.  

A obra de Rosalía de Castro atravesa fulgurante as encrucilladas político sociais da súa época. E da época por vir. Intempestiva e radical como toda literatura importante, a súa quinta e última novela, El primer loco (1881), é mostra acabada desa condición. Unha nova edición, precedida por un denso e orixinal estudo dos profesores Germán Labrador e María do Cebreiro Rábade, confírmao.


A editorial Alvarellos e o Consorcio de Santiago son responsábeis da recuperación do título nun formato que, ademais da introdución de 95 páxinas, inclúe o relato El domingo de Ramos  -apéndice do romance- e vinte fotografías de Denís Estévez, “unha viaxe sensorial polas sendas do histórico bosque do Banquete de Conxo [en Compostela]”, escenario da novela. Mais é o ensaio inicial o que contén unha elaborada aproximación a esta historia de loucura, imposibilidades políticas e persoais, rexistro de transformacións e lugar de memoria.

“A nosa proposta de lectura quere abrir os significados do texto rosaliano a partir de cinco eixos estruturais non necesariamente transparentes”, escriben Labrador e Rábade: “a historia da loucura e o nacemento da biopolítica, a importancia do espiritismo como relixión política moderna, o poder da novela decimonónica para analizar psiquicamente a vida social, a crítica de xénero, e a comprensión da carballeira de Conxo en chave de ecoloxía radical”.el primer loco (cuberta) - rosalía de castro

Cun forte aparello teórico, apoiado na escola desenvolvida a partir das teses de Michel Foucault sobre o biopoder, os investigadores entenden El primer loco como “un texto de historia alternativa, un espello fantasmal onde se proxecta a trama do seu século”. Ao tempo, recoñecen “unha conversa aliada”, non sempre conforme, con estudosos de Rosalía de Castro como María Xesús Lama, Xoán González-Millán, Fernando Cabo ou Francisco Rodríguez. A súa achega leva o epígrafe de A Memoria Alienada. Revolución, biopoder e ecoloxías radicais en El primer loco e El domingo de Ramos.

“Alienación, estrañamento e estranxeiría vanse fiando e redefinindo a partir da noción máis xeral de estrañeza -cuento extraño, subtitula Rosalía- sen a que non se pode dar ningún xeito de política nin de estética”, aseguran. El primer loco retrata o personaxe de Luís, que vai perdendo a razón ao tempo que conta a Pedro a historia dos seus amores imposíbeis con Berenice e Esmeralda. Ao tempo, o antigo convento de Conxo inicia a súa transformación en manicomio.

As disxuntivas que cruzan o libro son innumerábeis. A xeración do Rexurdimento asimilaba a derrota da “causa republicana e federalista” no Sexenio e este dó emerxe de maneiras oblicuas, laterais. O liberalismo burgués oponse ao mesmo tempo á comunalidade popular e á democracia radical en que Rábade e Labrador encadran o pensamento político de Rosalía de Castro. “[Esta] pon moito coidado na súa descrición en romper coa fascinación primitivista coa que as tradicións populares eran descritas desde unha perspectiva liberal”, din.

É xustamente o contexto político social o que, a dicir dos ensaístas, ofrece novas perspectivas sobre un texto que, de entrada, se vale do repertorio estilístico tardorromántico ou gótico. O espectral adquire significados case revolucionarios e o malestar toma formas imprevistas, por veces fantásticas, por veces racionais.

“A existencia dos círculos cantonalistas, masóns e espiritistas nos que esta obra debe explicarse é fundamental para avanzar na comprensión de El primer loco como un roman à clef da sociedade galega da Primeira República, un camiño por rozar aínda”, afirman, do mesmo xeito que, engaden, “por afastadas que resulten hoxe as súas tramas, os conflitos emocionais das novelas rosalianas están sempre respondendo a articulacións sociopolíticas”.

Germán Labrador (Vigo, 1980) é profesor do departamento de Linguas e Culturas Españolas e Portuguesas da Universidade de Princeton, en Estados Unidos. María do Cebreiro Rábade (Compostela, 1976) imparte Teoría da Literatura na de Santiago de Compostela.