Rosalía, Clémence Roger e a serie de TV 'Scandal'

Rosalía, Clémence Roger e a serie de TV 'Scandal'
Darby Stanchfield fixo o papel de Abyy Whelan na serie de TV "Scandal"
Darby Stanchfield fixo o papel de Abyy Whelan na serie de TV "Scandal"  

En días pasados lin un interesante texto de Patricia Rodríguez publicado en Principia. Nel reivindica a importancia de Clémence Roger, tradutora para francés da obra A Orixe das especies, para a ciencia e o feminismo.

Falabamos na semana pasada nesta mesma sección de Sermos Galiza que foi xustamente esta tradución a que introduciu o darwinismo na Galiza, a través dun exemplar que chegou a Pontevedra en 1870. Mais voltemos ao texto de Patricia Rodríguez. Comeza facendo referencia a un diálogo entre Abigail Whelan, a personaxe ficticia interpretada por Darby Stanchfield e criada por Shonda Rhimes para o drama político da serie de televisión Scandal, onde fai o papel de secretaria de prensa da Casa Branca, e o seu mozo Leo:

Dille Abyy: “Son boa no meu traballo […]. Sei tratar a prensa e escriben sobre iso […]. Mais tamén escriben sobre min. Se me pinto, vou moi maquillada. Se non, estou a abandonarme. Cren que tento volver pór de moda os vestidos e non gostan de que repita traxe, aínda que o meu soldo sexa o dunha funcionaria. Discuten sobre a cor do meu pelo. Hai blogs de moda que din que estou moi fraca. […]

E tamén escriben sobre ti. O teu nome aparece en todos os artigos que escriben sobre min porque parece ser que hai unha regra: cada vez que mencionan o meu nome teñen que informar o mundo de que hai un home que me desexa. […].

Dime Leo, cando escriben artigos sobre ti, con que frecuencia me mencionan? Falan da túa roupa, do teu peso ou das túas pernas?..."

A serie estivo sete temporadas en antena, neste século XXI, mais o diálogo transcrito remóntanos a situacións similares denunciadas na metade do século XIX. Rosalía, nun texto titulado Las Literatas. Cartas a Eduarda, publicado por vez primeira no Almanaque de Galicia de Lugo (1865), aborda os prexuízos sociais que dificultan que as mulleres se dediquen a tarefa literaria.

O diálogo de 'Scandal' remóntanos a situacións similares denunciadas por Rosalía na metade do século XIX

“Amiga miña, ti non sabes o que é ser escritora. Se es como Jorge Sand vale algo; mais doutro xeito, que continuo tormento!; pola rúa sinálante constantemente, e non para ben, e en todas as partes murmuran de ti. Se vas á tertulia e falas de algo do que sabes, se te expresas sequera nunha linguaxe algo correcta, chámanche bacharela, din que te escoitas a ti mesma, que o queres saber todo. Se gardas unha prudente reserva, que fatua!, que orgullosa!; desdeñas falar como non sexa con literatos. Se te fas modesta e por non entrar en vas disputas deixas pasar desapercibidas as cuestións con que te provocan, onde está o teu talento?; nin sequera sabes entreter a xente cunha amena conversación. (...) As mulleres poñen en relevo até o máis escondido dos teus defectos e os homes non cesan de dicirche sempre que poden que unha muller de talento é unha verdadeira calamidade, que vale máis casar coa burra de Balaam, e que só unha parva pode facer a felicidade dun mortal home”.

Polas mesmas datas en que Rosalía publica este texto, Clémence Roger está a traducir A Orixe das especies para francés. Xa é raro que unha muller traduza un libro de ciencia e máis raro aínda que prepare un prólogo onde cuestiona algunhas das propostas de Darwin, ou que anote detalladamente o texto facendo fincapé naquelas cousas en que considera, especialmente no relativo á aparición da especie humana, que Darwin é demasiado precavido para non irritar a igrexa católica. Ou naqueloutros que teñen a ver coa consideración que tiña sobre a muller, que —dicía el— por natureza é inferior ao home. Fronte a esa idea, Clémence argumentaba:“ A muller é o animal que o home menos coñece”. Se disto estaba segura tamén o estaba de que era urxente liberar, mediante a educación, as mulleres da influencia da Igrexa para así poderen exercer en liberdade os seus dereitos civís, como o do voto.

Polas mesmas datas en que Rosalía publica este texto, Clémence Roger está a traducir A Orixe das especies para francés

Estas, e outras, discrepancias con Darwin tiveron como resultado que este lle retirou o permiso para traducir as súas obras, buscando outro tradutor.

A maioría das críticas ao seu traballo eran sexistas e debíanse á súa condición de muller. Nalgunhas ocasións, mesmo ao seu aspecto físico. Ela, que era unha persoa de carácter, contestaba así: "Só os profesores machos teñen dereito a ser feos como Littré, macizos como Chevrault, de ganguear como Dufaure, ou ter unha voz chillona como Thiers. Só eles teñen licenza para vestir como lles prace, traxe, chaqueta, pantalón, mentres que sempre chamará máis a atención a forma ou a tea dun vestido feminino que a verdade do seu discurso”

Ignoro se Rosalía soubo de Clémence Roger (ou Royer) e se esta soubo de Rosalía. O que sabemos é que ambas, xunto con moitas outras, viviron, e denunciaron, un problema que nada ten a ver coa evolución da especie e que se visibiliza cada día para alén das series de ficción.