FRANCISCO RODRÍGUEZ, AUTOR DA "ANÁLISE SOCIOLÓXICA DA OBRA DE ROSALÍA DE CASTRO"

"Rosalía era unha nacionalista"

"Rosalía era unha nacionalista"
[Imaxes: Pauloff] Francisco Rodríguez
[Imaxes: Pauloff] Francisco Rodríguez  

Francisco Rodríguez é un activista do rosalianismo, cun entusiasmo que contaxia. Desde hai décadas leva divulgando a figura da única muller que, en todo o mundo, é a figura central dunha literatura. Con motivo do Día de Rosalía, rescatamos a entrevista realizada para o A FONDO "O retorno a Rosalía", publicado no semanario en papel Sermos Galiza do 20 de decembro e que, por motivos de espazo, non vira a luz de maneira íntegra. Rodriguez é o autor da Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (AS-PG, 1988), o primeiro grande estudo sobre a figura da escritora.


Como foi o teu novo encontro con Rosalía? Como era ese home novo que se encontrou coa súa obra?

Eu o que fixen foi voltar de Albacete, onde estaba traballando xa como profesor de instituto, porque alí gañara a praza de profesor agregado. Cando tiven a oportunidade dun concurso de traslados, despois de todos os anos que era obrigatorio estar alí, xa collín e, das cinco prazas que había en Galiza, vin para Ourense. Mais é certo que Rosalía facía parte da bagaxe con que eu quería voltar ao país, reencontrándome con el, mais con maior coñecemento de causa e maior coñecemento da súa cultura e das personaxes fundamentais que axudaron a darlle vida. Unha delas era Rosalía, que para min era unha persoa moi opaca a teor dos datos con que eu podía contar, e das miñas leituras. De feito, lembro que dei unha conferencia no Día do Libro, en Albacete, que quedaron escandalizados, aínda que sen o diciren senón por detrás, porque non daban creto a certas cousas que eu comentei. Aquilo estaba motivado só por unha leitura superficial, mais eu era consciente de que a min me faltaban moitos datos de carácter extrínseco, da Historia de Galiza, do contexto en que Rosalía vivira, e moitos datos sobre quen era ela. Tamén sentía a incapacidade para comprender moitos textos que, se non eran os máis estereotipados ou os máis directos, non me resultaba tan fácil entendelos, alén de que xa había unha parte da obra que xa nin a consideraba, toda a obra en español. Entón, eu voltei tamén con esa teima.

Nos primeiros anos, a verdade é que eu me convertín nun propagandista de Rosalía de Castro, con palestras. Eu empregaba sobre todo o recitado duns cantos poemas chaves. A verdade é que o impacto no público popular era moi grande. Eu, primeiro, dediqueime a iso. Conforme eu ía lendo, tamén lerlle aos demais. E pasei moitos anos así.

"Nos primeiros anos, a verdade é que eu me convertín nun propagandista de Rosalía de Castro"

E cando publicaches o primeiro estudo sobre ela?

O primeiro produto, errático con certeza, e tamén moi condicionado pola crítica dominante, que era moi penosa, é un artiguiño que eu publiquei na revista Grial. É un artigo que non ten valor ningún. O único mérito que ten é que non di barbaridades contra Rosalía, mais o valor é moi escaso e, no fondo, estaba tamén moi influído polas pautas alonsomonterianas porque era o crítico, que fóra das órbitas estritamente galaxianas, estaba moi considerado polo público que era un leitor “normal”.

Ben, entón eu aí si que cheguei cada vez máis á conclusión de que había moitas cousas raras; raras por ignoradas, raras por manipuladas; raras por descoñecidas… E que había que dar unha explicación cabal, racional e enteira da figura de Rosalía de Castro. Mais iso era a partir dunha morea de prexuízos, estereotipos, que a señora e a súa obra padecían. Diso cada vez eu fun máis consciente.

Que cousas eran as que chamaban máis a túa atención?

Xa o primeiro que comecei a dubidar foi que esa señora fose unha inculta, como se dicía, ou unha labreguiña que acertou por casualidade. Iso si que foi un tópico que arrombei dunha maneira rápida. Mais de aí a saber a causalidade da obra rosaliana ou a entendela na súa xusta dimensión, pois ben, eu tiven que facer un esforzo moi grande, que comecei dun xeito sistemático e con empeño (de saír do limitado círculo de só ler e ler a obra en galego), a partir dos comezos dos 80.

E como foi entón nesa década a túa achega a Rosalía?

O artigo iniciario apareceu n’A Nosa Terra, que foi sintético e esquemático, mais xa daba a dimensión real do que era Rosalía, e eu tiña xa a convicción de que era así; polo menos a convicción racional de que se podía xustificar e argumentar moitas cousas das que eu pensaba. Ese artigo titulábase “Rosalía de Castro, cen anos de loita contra a hipocrisía burguesa”. Foi aí cando comecei xa dunha maneira sistemática, para encarreirarme por esas hipóteses, e tamén en función do que ía vir, que era o ano 1985, o Congreso Rosaliano. Apurei todas as cousas para facer un primeiro achegamento xa cunha certa fundamentación seria para facer unha explicación contextual da obra de Rosalía e, tamén, unha explicación global da mesma, que non incluíse só a obra en galego senón tamén a obra en español.

"Foi unha muller que quixo ser escritora como unha vocación consciente, para desenvolver esa vocación de forma profesionalizada, e isto quere dicir para poder vivir da escrita"

É rechamante que non houbese esa visión conxunta da súa obra.

Claro, había un paradoxo. Todo o mundo a dicir que era unha señora bilingüe; todo o mundo a dicir que como poeta era boa mais que, máis que boa, popular, e que o resto da obra non valía grande cousa… Entón eu o que fixen foi facer unha primeira aproximación a todo iso, ollando como un conxunto unitario, coheso, e que xa abocaba a ter en conta un dato esencial, que para min é un dato chave: Que a obra de Rosalía non se pode entender se non se comeza por unha cuestión, que é que foi unha muller que quixo ser escritora como unha vocación consciente, para desenvolver esa vocación de forma profesionalizada, e isto quere dicir para poder vivir da escrita. E iso é algo que explica xa moitos dos trazos iniciais desta rapaza, e da vida, e de moitas cuestións. Mais, claro, a pregunta do millón é como pode haber un país onde unha cousa tan clara permanece opaca como se en Galiza nunca puidese xurdir nada que tivese a intención de se inserir e se incrustar no ámbito da normalidade que o sistema económico ofrecía, ao menos como posibilidade, para a emancipación dunha muller das condicións sociolóxicas de Rosalía.

E, despois, a partir de aquí, había unha segunda cuestión, que era como demostrar que a división entre obra literaria, preponderantemente poética en galego, e obra en prosa en español non respondía a unha división diglósica no senso tradicional, senón que dependía de factores que teñen a ver con iso mais que non son factores que determinan cualitativamente a elección, e menos o resultado.

_DSC0081-EditarRosalía ten un programa de creación cultural dentro do movemento nacionalista da Galiza do século XIX, un de cuxos representantes máximos era o seu marido. E, claro, a partir de aí o matrimonio Rosalía-Murguía, pois xa hai un amplo campo da realidade onde non só se xustifica senón que ten sentido. Despois, había que explicar que parte desa relación é afectivo-sexual e canto é compenetración de sensibilidades.

Aí creo que hai que facer unha diferenza grande entre a Rosalía esperanzada e a Rosalía, a partir sobre todo dos anos 70 e con especial incidencia a partir do ano 1877 coa morte do neno nun accidente e despois da rapaza que xa nace morta, que é unha especie de síntoma simbólico de que, por esa vía, Rosalía tampouco tiña xa saída.

Entón aí comeza a aparecer xa unha muller problemática no sentido real do termo, non no sentido metafísico, de angustiada non se sabe moi ben por que, angustiada por cousas que non teñen sentido ningún, como son o seu papá, porque era filla de crego, ou porque era filla sacrílega, ou por cousas que na vida de Rosalía foron máis ben tanxenciais.

"En Rosalía o feminismo ten unhas febras moi claramente homoeróticas"

Ademais, na túa tese incides na importancia do movemento feminista, mais tamén falas do desexo sexual.

Creo que o mellor nese caso é analisar a obra. Antes de tentar dirimir a súa persoa abstraíndoa da obra. Mais, claro, se imos á obra, en Rosalía o feminismo ten unhas febras moi claramente homoeróticas. Iso é moi evidente nos poemas en galego e na obra en español. Despois, hai obras explícitas, que non se poden interpretar se non é con ese elemento como un elemento crucial. Especialmente, hai dúas: La hija del mar, que é unha novela de mulleres para mulleres, incluído o tema da identificación e da relación afectiva, e hai El caballero de las botas azules, que é unha novela simbólica sobre o problema da androxinia, tal e como se entendía no século XIX, como un símbolo da homosexualidade, o lesbianismo, o travestismo, o cross-gender, todo isto ao que a crítica actual recente feita por mulleres intelixentes que coñecen a obra de Rosalía, tipo Kathleen March ou Pilar García Negro, pois comezaron a desenvolver.

E a cuestión da clase social?

Hai un tema que aínda daría moito máis de si, que é o tema da fidalguía rural na Galiza. A clase dirixente que puido ser e non foi. Eu penso que Rosalía ten moitos riscos desa autovisión e desa autoestima, por iso ás veces resulta estraña. Rosalía ás veces dá a impresión de ser unha clasista, e non o é, mais o que si ten moi interiorizado é que se algunha xustificación ten a clase social a que ela pertenceu é na medida en que era xente culta, xente con dignidade e que, por tanto, cumpría algunha función, e que a ruína diso non foi un proceso evolutivo para mellor, senón que foi a substitución por unha clase social de mal gosto, máis antigalega aínda, obsesionada soamente polo diñeiro, desintegrada a respecto do país, españolizada, e moito máis ridícula e cursi, moito máis aparente. Aí é onde hai esa visión, esa tensión, entre o pasado ao que ela non quere voltar, e un futuro cara ao que é hipercrítica. Niso parécese moito a todos os grandes escritores rusos. Todos teñen esa discordancia no que ven como o que é o mundo burgués e o pasado que, en moitas cousas, é máis digno e noutras é opresivo.

"Practicamente o poema “Galicia, non debes chamarte nunca española”, da “Gaita gallega”, é unha proxección poética dun fenómeno político"

Todo isto ten, ademais, unha chave nacional...

Un elemento definitorio de Rosalía é como captou tan ben o proceso de españolización que se aviciñaba e o que significaba o Estado español centralista. Practicamente o poema “Galicia, non debes chamarte nunca española”, da “Gaita gallega”, é unha proxección poética dun fenómeno político. E, claro, iso é moi difícil de facer ben, porque os poetas que normalmente teñen un espírito crítico político ou ideolóxico teñen moitas dificultades en como transformar as cousas a unha linguaxe que non sexa nin política nin ideolóxica. No caso de Rosalía faino á perfección. E, no entanto, é moi clara sobre cales son as consecuencias que se derivan de aí.

Tamén é moi importante a súa defensa sen ambigüidades da súa condición nacional exclusivamente galega. Iso no século XIX ningún outro escritor o ten. Pondal tíñao como desiderato ideolóxico-psicolóxico, mais niso era totalmente contraditorio, como podía ser Lamas. Mais Rosalía non, Rosalía niso era moi consecuente. Foino ao principio, no medio, ao final… En todo o que se coñece dela non hai ningunha distorsión sobre iso. Como poeta eu penso que non hai ninguén que dese tan boa conta das contradicións e, no entanto, ese tema nunca entrou na contradición. Nunca.

Por que houbo que agardar un século para desvendarmos Rosalía?

Hai un entrevelado de varias causas. A primeira, e determinante, é o papel tan sumamente marxinal que ten a cultura galega dentro do propio país, de tal xeito que a visión que hai sobre ela, e sobre todo a que había, porque era cando aínda se ollaba tamén algo desde dentro e desde fóra, era unha visión que non podía nunca sobardar os limites de algo tolerado, permitido, acoplado ou funcional á cultura española. Por tanto, unha categoría provinciana da cultura española.

Iso é o esencial no propio espazo intrínseco do campo cultural. Esa visión é moito máis grave cando se lle aplicou xusto a unha personaxe e a unha obra que teñen un valor fulcral na cuestión da restauración da cultura galega e no salto cualitativo que supuxo mesmo en comparanza cos países que nos rodean, de tal xeito que se unha literatura non se acopla ben ao esquema provinciano, como era a galega dos grandes clásicos, mais se estuda cos óculos con que se olla a literatura española e a francesa como centrais, o resultado é a incomprensión, no mellor dos casos, o disparate ou a acomodación. Entón, hai que rebaixala!

"Teño a impresión de que Rosalía segue a ser agora unha escritora moi aludida mais, agás en minorías moi minoritarias, pouco lida"

E despois está a cuestión claramente política, pois todo isto está reforzado porque á cultura galega, e en especial a Rosalía, houbo que lle botar a gadoupa para se apropiaren dela, a pesar de que en principio se recorreu máis a ver se éramos quen de eliminala.

O puzzle agravouse porque, na evolución política do Estado español, houbo toda unha época onde si estiveron dispostos a botar man desas figuras para xustificar o españolismo e para xustificar a actuación de determinado tipo de partidos, cuberta nunha política cultural. Entón, cando había algún crítico español intelixente, había cousas que se intuían, mais eses mesmos críticos nunca quixeron ultrapasar ou romper a visión política da escritora. Un caso exemplar é Azorín.

Outro caso exemplar de incomprensión e, ao mesmo tempo, de saber que se trata de algo moi importante é Luis Cernuda. Outro caso de valoración xusta como leitor, de se decatar que é algo moi importante, mais facer unha explicación psicolóxica de Rosalía que é un disparate total, é Unamuno.

E a crítica desde dentro do país?

Os de dentro, ao estaren tan absorbidos pola política, primeiro era moi difícil que se provocase no campo da crítica ou da historia literaria, alguén cun espírito suficientemente independente, como para ollar todo sen os prexuízos e contra a visión da cultura española. Entón, o máis que fixeron foi apropiarse coa imaxe sociolóxica máis dominante: a santiña, unha muller que quería moito a Galiza nun aspecto sentimental e folclórico… Iso francamente avanza moito nos primeiros anos do nacionalismo galego. A figura de Rosalía está aí dunha maneira moi importante mais hai un tufo que non son capaces de sobrepor; non foron rupturistas nese terreo, como Castelao si foi por exemplo no terreo da arte. Rosalía era así unha especie de pope en feminino de quen non se sabía demasiado e onde non había que entrar. É unha cousa un pouco estraña.

Cando veu alguén nas condicións históricas, por sensibilidade, por coñecemento da vida, por erudición, que era un grande leitor, como Bouza Brey, o contexto histórico e social, e tamén os medos del, impediron moitas cuestións. Despois, en membros da Xeración Nós, si que hai elementos interesantes, como Otero Pedrayo, que non é nada rosaliano, mais si se decatou de quen era Rosalía; de quen era no sentido literario, do seu valor, e de que era unha novelista filosófica.

Mais a leitura dos Cantares gallegos era moi difícil xa sacala dunha estereotipación. E a Follas novas nunca lle prestou atención ninguén porque é un libro excesivamente complicado, no sentido de moderno tematicamente, moi conflitivo. Onde hai eses libros conflitivos na literatura do século XIX? Eu non os coñezo. Coñezo escritores egóticos, escritores que no aspecto psicolóxico indidividual poden ser moi avanzados… mais que mesturen tan ben as cousas persoais coas cousas sociais, nunha especie de comedia humana que non é unha novela; no aspecto psicolóxico, ademais, das actitudes sociais, dos comportamentos… Nunha cultura normal iso tería acontecido antes.

"Quen en España explicou En las orillas del Sar? Ninguén!"

Para complicada, En las orillas del Sar...

Claro! Quen en España explicou En las orillas del Sar? Ninguén! Eles pasan. Claro que, como leitores, algúns como Azorín se decataba dalgunha cousa, e Unamuno igual, mais o conxunto do libro éralles inaprensíbel.

"Penso que se está a desfacer dunha maneira, ao meu modo de ver, derivada das circunstancias actuais, máis aparencial que real, máis como un novo tópico"

Ves unha evolución na imaxe da escritora?

A imaxe de Rosalía estivo alimentada moito tempo coa idea de que esta señora como mito está ben, mais deixémonos de brincadeiras, é unha nai de Galiza que chora, cos emigrantes, labreguiños máis ou menos dignificados e nada máis. E entón iso é o que se está a desfacer. Por desgraza, penso que se está a desfacer dunha maneira, ao meu modo de ver, derivada das circunstancias actuais, máis aparencial que real, máis como un novo tópico sen afondar en nada e, sobre todo, sen afundar. Teño a impresión de que Rosalía segue a ser agora unha escritora moi aludida mais, agás en minorías moi minoritarias, pouco lida.

"Carvalho non estaba na mesma onda de autocontrol que Bouza Brey"

Como lembras o acto de defensa da túa tese, 30 anos despois?

Ben, pois o primeiro vénme á memoria aquela sala moi nobre da Facultade de Historia, chea de xente. Iso para min foi moi gratificante, porque era demostrar que había interese en saber, cando menos, que se defendía a respecto dunha persoa e dunha obra que tiñan unha difusión popular enorme e, por tanto, en certa maneira apoiar tamén a que era a primeira defensa dunha tese de doutoramento sobre Rosalía de Castro e ademais tamén desde unha óptica nacionalista. A xente que estaba alí era toda seguidora nese aspecto e, despois, había unha minoría que era tamén seguidora rosaliana, no senso de que consideraba que isto significaba un salto cualitativo, un adianto.

_DSC0053-EditarDeixando á parte iso, que é o aspecto reconfortante, eu despois teño que sinalar con moito agradecemento a presenza alí de dúas persoas no tribunal. Unha foi Ricardo Carvalho Calero e outra a de Claude Henri Poullain. De Carvalho, a min chamoume a atención que, na leitura progresiva que foi facendo, e el coñecía o que eu escribía, nunca me indicou ningunha reticencia. Nunca dixo “isto é excesivo” ou “isto hai que demostralo mellor”, o cal indica que Carvalho non estaba na mesma onda de autocontrol que Bouza Brey, mais que sabía máis cousas das que el estaba disposto a expresar por escrito ou que consideraba que se podía facer unha análise sobre a obra rosaliana á altura dos tempos, sobre todo a escrita en galego, sen necesidade de ultrapasar determinado tipo de limites, mais que, se outro os ultrapasaba e iso tiña coherencia e argumentación, el non só o ía tolerar, senón amparar. Claro, iso para min foi moi importante.

A outra grande presenza foi a de Claude Henri Poullain. Eu non sei como se conformou ese tribunal, mais Claude Henri Poullain mantiña unha aposta claramente antitética a unha das ideas fundamentais da miña tese de doutoramento, que é que Rosalía é unha escritora filosófica. Aínda que eu tiña a alianza de Carvalho alí, non porque isto fose novidoso senón porque el en certa maneira xa defendeu iso, como el o facía, moito máis distanciado e se cadra cun pouco de requilorio. Mais Poullain tiña unha tese (que non tiña a ver co contido da obra de Rosalía senón máis ben coa estilística, co aspecto máis puramente convencional) onde dicía que non era unha escritora filosófica. Co cal, para alguén que o teña escrito, e ademais de maneira reincidente, non deixa de ser un motivo de pugna.

Entón, a min admiroume a facilidade con que el recoñeceu en público que estaba equivocado. Porque iso, neses ambientes intelectuais, non é habitual nin frecuente.

Depois, claro, todo gozo leva a súa penitencia, póndome xa en sentido cristián e de pecado. Houbo cousas xa que me deixaron unha pegada un pouco triste porque viñan de quen non esperabas.

Hai algo que poidas concretar un pouco máis diso…?

Eran cousas que non tiñan a ver cientificamente coa obra, porque alí non se expresou. Nese momento tentouse descualificar a que viña tanta asistencia de xente, que tampouco era para tanto... Cando non se falaba para nada desas cousas, agás anecdotarios. Foi un pouco triste, non? Porque sería diferente se se expresase a discrepancia de fondo, que realmente había. Mais a discrepancia de fondo se o presidente do tribunal é entusiasta, se “o estranxeiro” é entusiasta… pois era moi difícil de manter. Iso foi un pouco triste, porque indica a capacidade de corrosión e de absorción que teñen certas institucións en Galiza.

Eu fun alumno da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela nos finais dos 90. Eu tivera contacto coa túa obra sendo estudante de secundaria e chamoume a atención que na Facultade non aparecía.

Esa obra foi claramente boicoteada desde a propia institución. O problema é como se pode boicotear unha cousa sen deixar vela. Porque é diferente que eu lles mande ler ao alumnado unha obra ou parte dela, ou imos debater sobre os catro libros que hai que analisan a obra de Rosalía de Castro (aínda que, na obra en conxunto, non hai ningún excepto o meu), mais imos ir a iso: collamos o libro de Marina Mayoral, o de Alonso Montero, a Carvalho Calero… Pódese facer e, despois, mesmo ti tomares partido por un ou outro. O que non é normal é que unha institución boicotee e silencie a única tese de doutoramento sobre Rosalía, por moitos anos, que se fixo nesa institución. Iso nunha universidade normal, en calquera país normal, é imposíbel, porque a lóxica diso é que esa tese fose suspendida no tribunal respectivo. Se non o foi, e ademais foi cualificada coa máxima cualificación, esa institución o que ten que facer, en todo o caso, é debater sobre iso. Aquí non se fixo.

Primeiro comezou unha descualificación pura e dura. Cando viron que iso, coa pasaxe do tempo, rechinaba un pouco, pasaron á seguinte fase, que é “imos escribir nós como se fósemos autores de determinados tipos de teses”, mais adaptadas convenientemente, claro está, ao bon dicir e á boa aparencia. Esa é a segunda fase da Universidade de Santiago de Compostela.

"Alonso Montero dixo auténticas barbaridades. Ah, mais segue a ser unha grande autoridade rosaliana e non ten nin que desculparse nin que xustificarse por nada"

As cousas poden aquí mudar, que ninguén ten pasado… Olla, Alonso Montero dixo auténticas barbaridades. Ah, mais segue a ser unha grande autoridade rosaliana e non ten nin que desculparse nin que xustificarse por nada. Marina Mayoral agora xa non, mais ten dito cousas de xulgado de garda, mais segue a ser unha grande rosaliana...

Despois, ao mesmo tempo, de maneira sórdida e calada, está a táctica de “este señor amortizámolo a través de nos apropiarmos de todas as cousas que dixo, atomizadas”. Mais sobre todo hai unha que eles non soportan: que é clarificar a ideoloxía de Rosalía de Castro. Iso non o soportan. Entón, quen é Rosalía de Castro? Así, non se sabe.

Sobre todo, está a atomización, a segmentación de todos os aspectos, de xeito que non hai unha figura clara. É un panexírico que, no fondo, se parece un pouco á versión inicial. A versión inicial é fantasmagórica, etérea. Agora parcialmente non é etérea, mais segue a ser unha especie de nebulosa, nebulosa que non hai que definir.

Home, que se chegue a pór en dúbida que o matrimonio pasou auténticas calamidades, e especialmente ela, desde o ano 77…

"Que Rosalía de Castro na casa da Matanza tivo que traballar a terra literalmente é unha cousa constatada"

Calamidades económicas?

Si, si. Económicas. E hai quen leva a contraria, quen di que eran derrochóns! Iso é de non respeitar nada… O libro de Barreiro sobre Murguía vai nesa liña. Cando a partir do ano 77 fica claro que nada de nada. Mesmo podían facer críticas brutais sobre a contratación de menores de idade para axudar nos traballos da casa na rúa da Senra. Mais é que, despois, que Rosalía de Castro na casa da Matanza tivo que traballar a terra literalmente é unha cousa constatada. Está nos cronistas da época, os que foron alí a vela. O de que tiveron que vender a biblioteca para poderen comer está desde Pondal até o alcalde de Padrón. É que está cheo de dados! Entón é que, de verdade, hai que ser dunha insolencia superior para tentar tapar iso e, como sexa, a crise do matrimonio. É que estes señores non hai por onde collelos.

É o que fai Barreiro por exemplo. Ti imaxínate unhas persoas nesa situación económica con Murguía arrendando un piso en Santiago de Compostela e ela vivindo en Padrón. E a explicación que che dá é que estaba a escribir a Historia de Galicia… É que xa non teño palabras para todo isto. Aquí estamos nunha visión que é deplorábel mesmo pola falta de respeito polas informacións que as propias persoas da época forneceron, e polo desastre terríbel de angustia rosaliana que se expresa ademais a través da súa obra.

Poderías desenvolver un pouco máis iso?

Entre as causas do seu sentido de derrota total está a miseria física, física entendida nun sentido global. E tivo que irse de Lestrobe porque o curmán tampouco tiña capacidade para alimentala. Entón, se queren facer unha versión crítica desta xente, poden meterse con moitas cousas: como era esta fidalguía, a falta de sentido de previsión ou a incapacidade para se aburguesaren… O que queiran, mais o que din non ten sentido ningún. Que neguen despois os datos particulares, de persoas que a viron e din que estaba nun estado penoso.

Estaba tamén o sentido de derrota que tiña ela como escritora, o contraste con Pardo Bazán, que é heavy mesmo do punto de vista simbólico… A min iso si que me descompón un pouco. E que iso só se compense cunha visión en clave poética, que é como se fai agora, cousas que parece que din mais non din…

Tamén nesa fase se fala da relación de Rosalía co álcol…

Si, iso está nos biógrafos, que eran ademais convencionais e tradicionais. Como o biógrafo de Neda, o que era bibliotecario, está aí. Despois, tampouco hai que ser moi listo para ver que Rosalía xoga moitas veces na obra cos problemas dos bébedos e a comprensión que hai que ter con iso como droga.

A min o que me irrita un pouco é a incapacidade para asumir que unha sociedade como a galega pode producir fenómenos que non son miméticos, que non teñen nada para envexar aos de fóra, mais que poden ser tanto ou máis que os de fóra, inclusive nos trazos do sentido do mal, da frustración, do fracaso… Iso non é só para Walt Whitman ou Baudelaire!

Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro… Xa no teu libro Estranxeira na súa patria lamentas un pouco ese título.

Si, porque iso estaba moi condicionado por un academicismo, aínda que fose progre ou marxista, mais era academicismo, acoplado iso ás exixencias das academias… Iso por unha parte está ben, porque obriga un pouquiño a facer as cousas conforme a métodos que están recoñecidos ou que ti te tes que encapsular un pouquiño nunhas formas de facer, mais polo outro lado para a difusión e o espallamento non é unha cousa moi positiva.

O mellor é manter unha posición ensaística para un público non normal con certa cultura, que poida ler, mais despois sustentar iso da mellor maneira posíbel nos dados.

Comentaches aí que analizaches por vez primeira a obra de Rosalía, mais algo que para min foi sorprendente cando lin o libro foi o momento da súa morte. Relendo, vin dúas noticias que ti recolles na Análise. Dígoche eses dous fragmentos, a ver que che evocan. Un di: “Dios haya perdonado a la gran Rosalía”. O outro: “Profeta que canta en sus versos la independencia” (sic).

Eu primeiro teño que dicir que nin eu mesmo me atrevín a levar todos os textos que manexei a unhas conclusións que me parecerían lóxicas, mais non o fixen por medo a que lle parecesen a alguén hipérboles. É algo do que me arrepinto. Teño que dicilo así de claro. Ou que mesmo me impediu dicir cousas onde eu vía unha cuestión mais non me atrevín porque 50 críticos dicían a contraria.

A morte de Rosalía é a de alguén que morre na miseria e con pouco recoñecemento público. Non porque sexa descoñecida, que era coñecida, sobre todo nalgunhas minorías, os ambientes da emigración… Mais é un coñecemento que non ten recoñecemento público, institucional. De feito, no enterro non chegan a 15 persoas, alí, no cemiterio de Iria.

Despois, é sintomático como a enterran: primeiro, nun canto do cemiterio; segundo, espetándolle unha cruz de madeira, que aos dous meses e pico xa estaba arrincada… Quere dicir que alguén arrincou esa cruz de madeira porque consideraban que esa señora non merecía estar baixo o símbolo da cruz, que xa quere dicir moito tendo en conta o respeito reverencial que hai polos mortos. Despois, o de “Dios haya perdonado a la pobre Rosalía”… Eu en principio podía pensar que esa era unha frase estereotipada. Mais, claro, non é. Dise moi singularmente e dunha maneira enfática, de tal xeito que hai unha especie de resabio, sobre que se sabe algo mais que non se di.

Igual que no da “indepedencia” de Galiza, que é normal, porque Rosalía era unha nacionalista. Rosalía pensaba que Galiza tiña que ser independente, espiritualmente, mentalmente… Todo iso ela pensábao, non tiña problema ningún. Cal é o drama desta xente? Que non se artella un movemento orgánico, social, con influencia. É tamén outra das causas do fracaso, de persoas que non tiñan proclividade á actuación política, que tiñan porén a idea clara dun punto cultural e psicolóxico, e que estaban abocadas a vivir nun país, nese aspecto, cada vez máis depresivo.

A evolución non foi a mellor senón que, dun punto de vista da esperanza, foi a peor. Iso é o que explica tamén que os anos finais de Rosalía sexan peores que os iniciais. Porque nos iniciais ti ves un rexime político mao, que todos estamos contra el, mais ese rexime acaba desaparecendo e é substituído por unha cousa onde os cambios cualitativos son moi poucos e, ademais, volve outra vez o rexime que foi alá nunha versión -dun punto de vista das arelas rosalianas- moito peor, que é a Restauración. Nese momento o nacionalismo, como ideoloxía e como cultura, está moito máis atomizado, moito máis confundido e é moito máis problemático.

Entón, claro, quen puxo iso da independencia sabíao perfectamente. Os escritores que falan da independencia no XIX fano no sentido que nós entendemos, outra cousa é que despois eles non fosen independentistas dun punto de vista da práctica política. O caso máis exemplar é Lamas Carvajal. Lamas Carvajal é independentista. É o momento da independencia de Italia, o momento de Bohemia, dos hungareses, mesmo da convulsión en Irlanda… É que comezamos aí con todo.

Mais aquí houbo unha serie de factores que impediron iso, que foron unha emigración que non retornou nunca con proxectos para o país senón que voltou máis españolizada (que é o que distingue gravemente do caso irlandés), un país que as clases intermediarias se foron entregando na estrutura burocrática do Estado español, un país que non figuraba no contexto internacional fóra do que era a concepción de España e unha incapacidade moi forte a non saír do ámbito literario e cultural. Entón, claro, no ámbito cultural fomos vangarda, mais na medida en que iso non conectou co movemento agrario, que era o que podía realmente acabar sendo outra cousa, pois aí tivemos un dos fondos da cuestión.

Ademais, a finais do XIX iso foi moi depresivo, e houbo un retroceso ideolóxico claro. De feito, na literatura é moi notorio. Iso é epigonal, folclorizante… Os tópicos non son de Rosalía, proveñen de aí, dese tipo de literatura que se fai na transición finisecular. E, claro, dentro diso, quen mantén o tipo? Pois dous escritores da etapa anterior, que son Curros e Pondal.

No momento da morte, aínda que o país non tiña moita forza, si tiña bastante forza a emigración como para popularizar a Rosalía e facer diso un mito adecuado á situación. Entón foi cando resultou inevitábel facer moitas cousas máis.

Se contases cun orzamento xeitoso para divulgar a obra de Rosalía, que farías?

Hoxe o problema fundamental que habería sería conseguir que o que introduzas de Rosalía, haxa interese en percibilo, en recepcionalo, en escoitalo e velo. Entón eu o que teño claro é que unha das cousas moi importantes sería a música: musicar os textos de Rosalía nos rexistros máis variados. En Follas novas pódese facer o que se queira: jazz, blues, tangos… O que queiras. E que houbese un tipo de cantores capaces de se identificaren con iso sen seren vítimas dos estereotipos e dos tópicos.

Segundo, penso que habería que pensar no audiovisual en todos os formatos, mais o problema sería tamén a cuestión inicial…

[O A FONDO "O retorno a Rosalía" está dispoñíbel na loxa]



x