Rosalía, o pensamento continúa

Rosalía, o pensamento continúa
[Imaxe: José María Fenollera / Cortesía da Fundación Rosalía de Castro]
[Imaxe: José María Fenollera / Cortesía da Fundación Rosalía de Castro]  

Figura incuestionábel da literatura europea do século XIX, Rosalía de Castro desenvolveu ao longo da súa vida (1837-1885) un pensamento político e feminista que, cos matices lóxicos do decorrer do tempo, segue plenamente vixente. Este domingo fanse 182 anos do seu nacemento sen que se resentise, nin tan sequera minimamente, a forza coa que expresou os problemas e os anceios da súa terra. O que fora presidente da I República española, Emilio Castelar, definira a súa descomunal obra no limiar de Follas Novas (1880): “As dores de Galiza falan por boca de Rosalía”, afirmación que colide cos febles argumentos da historiografía revisionista, empeñada en amosar unha imaxe nesgada dunha das grandes poetas do XIX. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 335 de Sermos Galiza.


1Para as novas xeracións pode resultar estraño que a obra dunha muller do século XIX sexa motivo de recoñecemento ano tras ano e non só ao longo da xeografía galega, senón mesmo alén dela. A vixencia da súa obra e do seu pensamento non é, desde logo, exclusivo de Rosalía de Castro, mais ningunha outra galega atinxiu unha dimensión tan universal e actual, rebordando os límites exclusivamente artísticos.

“É difícil achar poeta do século XIX en calquera latitude que ofreza unha visión do mundo tan complexa e actual e unhas formas literarias tan aparentemente coloquiais, cheas de intensidade emocional e expresiva, e con información relevante sobre o que se quere comunicar desde unha posición inusitada para aquel tempo e para hoxe. Trátase dun traballo intelectual serio e vigoroso dunha poeta en verdade filosófica con aparencia moitas veces popular”. Así explica a vixencia da obra de Rosalía o catedrático Francisco Rodríguez, autor do primeiro grande estudo sobre a escritora, a Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, publicado en 1988  –ampliado en 2011, como Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria– e que supuxo todo un punto de inflexión do que beberon outras obras. Partilla con el posicionamento Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen, en declaracións a este medio, sinala que “a súa figura estará sempre en vigor”. “Hai obras e personalidades que sempre nos falan e nos responden nas máis diversas encrucilladas políticas, sociais, culturais... Rosalía é unha delas. Ademais, é unha muller contemporánea, polo que a relación coa sociedade en que vivimos e co proxecto dunha Galiza ceibe é moi estreita”, salienta.

Para a profesora da UDC María Pilar García Negro, estudosa da figura de Rosalía, a actualidade da escritora explícase “na mesma medida en que están vixentes Shakespeare, Beethoven ou Victor Hugo: os clásicos non teñen data de caducidade e Rosalía pertence a esta categoría”. Nesa liña, subliña que “cumpre perfeitamente os requisitos que Italo Calvino apón aos clásicos da arte: nunca terminan de dicer o que teñen que dicer; non nos son indiferentes; valen non só para se definiren eles-elas e o seu tempo, senón para nos definirmos nós en relación con eles; obrigan a repensar o presente... Para nós, Rosalía debera ser moito máis do que un valor simbólico, obxecto de recordación ocasional ou de venda mercantil”, salienta García Negro.

Alén do artístico

O legado de Rosalía sobarda os límites do estritamente artístico. Rodríguez considera que “foi unha muller que intentou ser independente traballando naquilo para o que estaba máis dotada, a literatura. Naturalmente, intentouno non sen dificultades para unha muller culta e ilustrada, pero sen cartos. A dificultade aumentou por escribir unha literatura non asimilábel, contestataria e revolucionaria en moitos aspectos, sen ser esquemática nin folletinesca”. Un destes aspectos, sinala, foi “desvendar unha realidade agochada e desprezada, a da existencia do pobo galego como un pobo con dereitos”. “Desta perspectiva provén a súa sensibilidade antiimperialista, o seu afán pola igualdade das persoas e das nacións”, acrecenta.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 335 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x