ENTREVISTA KATHLEEN MARCH

"Rosalía ten outra imaxe hoxe"

"Rosalía ten outra imaxe hoxe"
[Imaxe: SG] Kathleen March
[Imaxe: SG] Kathleen March  

A Kathleen March (Rochester, Nova York, 1949) debésenlle algunhas abordaxes pioneiras sobre a obra de Rosalía de Castro. Ao respecto, esta catedrática de Linguas Modernas na Universidade de Maine confésase seguidora das teses de Francisco Rodríguez e María Pilar García Negro. “A súa maneira de falar de Rosalía como feminista e nacionalista impactou en min”, lembra. Atada a Galiza e á súa cultura desde que nos Estados Unidos recibiu clases dun profesor galego, March foi, entre 1982 e 1985, a primeira presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 287.


2A súa estancia en Galiza coincidiu co Día de Rosalía de Castro. Nota mudanzas no impacto social da figura da poeta?

 

Non sei exactamente, porque non vexo a televisión. Mais a xente amiga paréceme que se vai agrupando, festexan, celebran, participan en actos. E non sei se había tantos antes. Desde a Fundación Rosalía de Castro, a AELG, e un pouco a Mesa pola Normalización. E o Caldo de Gloria, que non sei se é novo ou non. Penso que si. Logo a libraría Lila de Lilith [en Santiago de Compostela], A Sega [asociación de crítica literaria feminista] fixo tamén un evento íntimo e curioso. Penso que si, que o impacto medrou. Non só no senso de Rosalía, senón no vínculo coa literatura galega, a lingua galega e a literatura de mulleres. É cousa do xénero, da nación, da lingua. Digo que si porque son optimista e son estranxeira. Os galegos, as galegas poderían se cadra dicir outra cousa.

 

E a maneira en que se percibe transformouse?

 

A Rosalía choromiqueira quedou moi atrás. Penso que desde o congreso do ano 1986 [refírese ao Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo] quedou atrás para case todo o mundo. Felizmente. Para os estranxeiros, para os de fóra, para os non coñecedores, non o sei. Mais os de aquí xa non falan diso. Rosalía xa é outra figura. Sei que existen moitas imaxes dela. Antes unicamente había as fotografías da casa museo de Padrón. Agora hai imaxes modernas, e nos congresos imos vendo máis traballos, xente que traballa arreo na súa figura. Como María Pilar García Negro ou Francisco Rodríguez e outra xente.

 

Nos últimos anos houbo algunha lectura ou investigación sobre a escritora que chamase a súa atención?

 

A maneira de Rodríguez e García Negro de falar de Rosalía como feminista e nacionalista sempre tivo impacto en min. Admito as teses deles. As ideas de Rosalía eran moi pro Galiza, pro lingua galega. Antes dicíase que escribía un galego con castrapo, pero Rosalía estaba a facer unha lingua, a construíla. Era lóxico que metese na lingua escrita as palabras que meteu. Non se lle pode esixir que sexa como unha persoa de hoxe. Eu non o sei porque non estou nun instituto, non falo con nenos nin con mestras, pero Rosalía ten outra imaxe hoxe.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 287 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x