Rosario Álvarez Blanco, primeira muller que preside o Consello da Cultura Galega

Rosario Álvarez Blanco, primeira muller que preside o Consello da Cultura Galega

Catedrática de Filoloxía Galega, releva Ramón Villares trala fin do seu mandato.


A catedrática de Filoloxía Galega Rosario Álvarez Blanco foi eleita presidenta do Consello da Cultura Galega, relevando Ramón Villares trala fin do seu mandato. Álvarez era desde 2010 vicepresidenta da institución.

 

No seu discurso de presentación debullou as trabes mestras da súa candidatura, que definiu como de “continuidade, non continuísmo” e como unha nova etapa que incorporará “novo pulo, novos retos e novos modos” á institución. Subliñou a necesidade de traballar desde o CCG pola igualdade de xénero na cultura, pero tamén na igualdade de oportunidades no acceso a esta, a través de tres eixos: “a idade, o territorio (eixo atlántico /provincias orientais) e o hábitat”.


Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1952) é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Foi vicerreitora de profesorado da USC (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974. É membro do Plenario do Consello da Cultura Galega desde 2008. É membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego, coautora de dúas gramáticas do galego, con Monteagudo/Regueira (1986) e Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. Ademais, é directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora de Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna. Dirixe a revista Estudos de Lingüística Galega. É membro da Real Academia Galega desde o ano 2003.



x